11 ago 2017

A 'turismofobia', nada que ver con descerebrados

PUBLICADO EN :  Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia



A invasión masiva de turistas e o seu impacto, fixo estalar a 'turismofobia', unha manifestación de protesta  contra esta sobreexplotación  que  converte a pacientes  veciños en radicais   anti sistema.

Ao finado Manuel Fraga Iribarne sendo Ministro de Información e Turismo do Goberno  de Franco,  atribúeselle desempeñar unha función crave  no aperturismo turístico de España,  na súa conversión nunha  actividade económica - industrial,  así como no   establecemento do marco operativo  para a ordenación legal de funcionamento do sector, e naquel momento, a de ser tamén quen sentou as bases de explotación do coñecido modelo do  'sol e praia' español. 

Aspectos todos eles  que durante  os anos sesenta e setenta fixeron da  actividade turística  o eixo fundamental da “creación de riqueza e emprego”, polo menos así propagan os anais do franquismo; unha función  económica que non só mantivo o seu curso na transición,  senón que como consecuencia  da  Adhesión á Comunidade Europea, a reconversión industrial  de acompañamento acabou influíndo de forma nefastas no  noso devir futuro, pois ao inducir unha desindustrialización masiva  incentivou unha  tercerización desproporcionada da nosa estrutura produtiva, ata o extremo  de atomizar e masificar o volume do sector  turístico. 

Por iso é polo que  actualmente a estrutura do noso  tecido produtivo caracterícese por un elevado peso do sector servizos con acentuada  supremacía do turismo,  contra unha baixa presenza do sector industrial, un acentuado desaxuste na diversificación sectorial nada favorable para  lograr a  compensación entre esferas económicas de distinto signo, que en boa lóxica debesen conformar a nosa estrutura produtiva.

Ante este escenario, parasitar na continuidade  dos  feitos,   asumindo  o rol de vítimas da desindustrialización e non  facer nada por conducir  o   centro de gravidade cara a outra lóxica produtiva, non resulta ser o camiño  indicado para impulsar medidas correctoras a este modelo claramente insustentable, e moito menos, a maneira máis acertada para establecer alternativamente enfoques dinámicos e de estratexia de país coa premisa  de orientar    a  recuperación do  sector industrial como única solución inductora  de calidade e estabilidade  á precariedade e temporalidade dominante
.
Manterse  na absurda dinámica  de ganduxar   o funcionamento  da nosa  economía aos avatares da  actividade  turística, é cando menos un  desacerto ademais dunha obstinación política, por resultar de sobras sabido, que mais dun terzo das actuais pernoctación de estranxeiros no país obedecen a tensións xeopolíticas ou terroristas dos principais países competidores; por tanto, froito dun auxe conxuntural  que desencadeará  unha burbulla a curto prazo  en coincidencia coa máis que probable  estabilización no ámbito territorial    dos destinos rivais, unha circunstancia  que devolverá  os indicadores  de crecemento  a outra realidade  distinta fronte ao dobre díxito da estatística actual.

A actividade turística  que desempeñada na racionalidade e planificación  dun ámbito sectorial diversificado  reportaría vantaxes á economía do país, deixa de facelo  cando os acontecementos exceden as previsións, pois cando isto ocorre, a expansión desmesurada dos niveis  de afluencia máis que carrexar melloras provoca prexuízos, creando por “efecto  invasión”  un escenario de conflitividade socio-ambiental, tendo en conta que  a masificación sen control e  o “monocultivo” turístico,  fóra dos pingües  beneficios que reporta  ás  multinacionais  de ramo, é dicir, aos tour operadores posuidores  de avións, axencias de viaxes e hoteis, polo demais,  produce  de forma xeneralizada  quebrantamentos de distinta índole   en amplos  sectores da sociedade.

Unha mostra de reacción a tan nociva influencia é a denominada   'turismofobia' unha actitude de réplica  protagonizada maiormente  pola  xeneralidade  dunha  veciñanza que ve afectado por saturación turística  a súa contorna física   de residencia, duns afectados  que  pola mera  defensa dos seus dereitos  o  Presidente  Rajoy tacha de descerebrados; unha descualificación propia de quen se decanta  por que sexa o mercado quen interveña en exclusiva  sobre asuntos que competen ao conxunto da cidadanía. Ou o que é o mesmo, por quen desde  o seu neoliberalismo político sitúa en segundo  plano a protección da natureza, a sustentabilidade, o equilibrio territorial, o emprego de calidade e o benestar comunitario abrindo   barra libre aos exceso dun turismo de baixa calidade.

É por iso  que o  preconizado auxe  que se lle confire á actividade turística a efectos de rendibilidade, sexa máis ficticio que efectivo,  pois cando o seu incremento cuantitativo trae como resultas a intensificación do malestar dun amplo sector da cidadanía que ve ameazada a súa habitabilidade, cando  ademais de aproveitarse  dos investimentos  infraestructurais  colectivos  non  reporta retornos económicos  de goce da cidade e cando os  fondos de investimento  especulativos  acaparan centenares de pisos para a súa transformación  en aloxamentos turísticos que menoscaban co seu impacto as formas de vida tradicionais dos barrios concernidos  e , en última instancia, o  baleiramento da cidade

Nada positivo pódese dicir por tanto da actual actividade turística, como tampouco nada hai que  censurar á 'turismofobia' emerxente; pero si moito que reprochar a quen propaga a utilización desmedida   do turismo como táboa de salvación  do  seu fracaso político.

No hay comentarios:

Publicar un comentario