23 jun 2017

A BANCA E O SEU RESCATE

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Ao sistema financeiro español, que coas súas prácticas especulativas provocou  unha crise económica sen precedentes, lonxe de eximírselle da devolución dos  fondos públicos investidos no seu rescate, debe  instárselle á  íntegra devolución  do seu importe.


Ao Partido Popular que  é moi dado a unxirse  como eficiente xestor do público,  a noticia publicada esta semana polo  Banco de España sobre o  rescate financeiro á banca, é indubidable, que ademais de deixalo en evidencia vén  cuestionar a efectividade da súa alardeada solvencia, pois se a tempo de efectuar a intervención do rescate das entidades financeiras,  o presidente Rajoy non dubidaba en manifestar que os fondos utilizados  para tal finalidade vía Unión Europea, terían de entenderse como  un “crédito  á banca que ía  pagar a propia banca”,  agora pasado o tempo, todo indica  que  as súas  proclamas  foron unha tomadura de pelo sen precedentes.

Esa polo menos é a conclusión deducible, a xulgar polo afirmado  no seu informe polo supervisor  do proceso, quen confirma  que o 80% do diñeiro investido en sanear ao sector financeiro, é dicir, polo menos 60.613 millóns de euros, por tácita condonación, pasarán a cifrar o importe dunha desorbitada factura impagada   que nunca  se reingresará  nas arcas do Estado; resultando por tanto que onde non había custo repercutido para os contribuíntes españois, agora os feitos veñen confirmar xusto o contrario, é dicir, que unha vez mais incúmprense os contraídos explicitados  e que serán os  administrados  quen “en definitiva” pagarán oito de cada dez euros inxectados no  rescate do sector bancario.

Tal proceder indica  a nula fiabilidade  que debe adxudicarse a un Goberno  que ademais de enganar  á cidadanía, non repara en estafala,  procreando un buraco multimillonario ao erario público, para así, utilizando  a custo cero  o diñeiro   de todos, rescatar a unhas    entidades financeiras  abocadas á bancarrota, e todo, en razón á neglixencia mercantil e mala praxe das súas cúpulas directivas, á repercusión  inducida  dos múltiples  escándalos de corrupción, á manifesta falta de control e fiscalización dos  órganos de supervisión, como tamén, á total incompetencia política na xestión da crise.

Un cúmulo de despropósitos  dos que ninguén se fai responsable e  sobre os que ninguén  quere responder,  a pesar de equivaler o excesivo importe da evasión á  contía recadada anualmente  en concepto de IVE;  un desfalco que por mais que tenten escapulir  ten  responsables políticos concretos,  cuxa  dirección e identidade  apunta cara ao Presidente do  Goberno e demais membros do  seu Consello de Ministros  que acolléndose á  denominación  de - rescate bancario - como perversa expresión adicional de xustificación da fraude, non dubidaron en afrontar o risco e exercer  de presuntos autores materiais dunha malversación de caudais públicos.

Tendo en conta que o mero  feito que  o Banco de España  dea por perdido o importe das  multimillonarias axudas á banca, e  o Executivo de Rajoy asente co seu silencio, tal  actitude de transixencia, é expresivo da súa anuencia, e por tanto, de implícita renuncia a exercer o imperativo  político de recobrar  o diñeiro investido nos  rescates.

Cando o abandono para esixir  o reintegro de todas  as axudas públicas que recibiron as entidades financeiras entre 2009 e 2017,  coincide como resulta ser o caso, co feito que as firmas rescatadas repártense dividendos, entón, ao  conculcarse os dereitos dos  contribuíntes por repercusión instigada, advírtese  ás claras  unha  imaxe de sordidez e capitulación dun gremio de acólitos  políticos encartados aos designios da banca, á que polas súas prácticas temerarias e  para evitar que se afogase nos seus propios  excesos houbo que salvar endebedando á cidadanía; non sendo de recibo por tanto, que tras a súa orxía financeira, agora, sexan  eles quen  queden co noso diñeiro, e que nós  sen o cheirar,  teñamos que  cumprir o papel de fiduciarios  da súa débeda.

A mal denominada reestruturación bancaria xerou  unha avultada factura, que mais alá de eximila é obrigado esixir que o Goberno, poña en movemento  todos os mecanismos ao seu alcance  para recuperar integralmente o diñeiro prestado para a reflotación das entidades rescatadas, en liña á  racionalidade  de criterios seguidos   noutros  países do ámbito da  Unión, como veu de ocorrer en  Holanda e  Irlanda por exemplo.

Dando por certo  de partida que non pode haber alternativa sen devolución, por mais manipulación   estatística que se empregue para maquillar  a realidade, o certo é que  non existirá posibilidade  real  de reactivación, en tanto  que cada familia española, ademais de soportar a dureza dos recortes aplicados, teña  repercutido a mayores,  un lastre lapidario de 12830  euros en concepto de rescate bancario.

Nin que dicir ten que sen mediar  a existencia do actual  pacto  de conivencia entre a banca e a política, non existiría soporte de complicidade  para poder levar a termo o simulacro  do rescate bancario no  formato  que  foi consumado, e moito menos, poderíase  publicitar a operación como un éxito económico e elevar a mesma  a rango de referente  de consolidación e  saneamento do sector financeiro, cando a impostura de tales conclusións é un todo evidente.

Así,  por mais cosmética que utilicen, a realidade pinta xusto ao revés,  tal cal vén referendar  a multimillonaria e non satisfeita débeda do rescate, ao que haberá de engadírselle    a crecente  perda de confianza e diminución da carteira  de clientes  polas súas mais que censurables prácticas mercantís,  que sitúan ao sector, no peor momento  da súa reputación social.

Argumentos máis que suficientes para frear toda tentativa  de condonación, e razón  argumental sobrada para  esixir taxativamente a devolución  ata o último céntimo das  axudas públicas outorgadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario