24 feb 2017

XAQUE Á INMUNDICIA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia


Un partido como o PP, que mantén nos seus cargos a sinistros protagonistas da corrupción, permitíndolles satisfacer ilícitos proveitos; por tal proceder, debese ser excluído da actividade política sen miramentos. 

Como inaudita  é de tachar  a actitude dispensada en sede  parlamentaria  polo  Presidente do Goberno  á pregunta  sobre corrupción cursada durante a sesión de control ao Goberno polo secretario xeral de Podemos, na que  instaba   pasar das palabras aos feitos para facer fronte a esta secuela, tendo en conta que mais  que  recibir unha contestación  acorde,  foi despachado polo xefe do Executivo cun alarde de desvergoña, cando nun  intento de esquivar a súa propia complicidade na infesta, non dubidou en apuntar cara ao “radicalismo político” do partido morado como impedimento de rexeneración.

Para  conformar xuízo de valor  sobre tan insidiosa aseveración, cabe lembrar que fai xusto oito anos cando o caso Gürtel acababa de arrincar, Rajoy,  por aquel entón xefe da oposición, elixindo o contraataque como defensa, non dubidou en saír á palestra  e denunciar sen reparo a existencia dunha conspiración da fiscalía contra a súa organización, afirmando  a través dun disparate que aquilo  "non era unha trama do PP, senón  unha trama contra o PP".

Representación  de  victimismo que a xulgar do devir  das probas procesuais, non só non se sostivo, senón que veu demostrar  que o seu autor mentía mais que falaba, sendo mais  grave se cadra, que aínda agora e a pesar da nitidez do  expresivo retrato da corrupción do seu Partido, argüindo falta de "concreción", a súa organización insista  en pedir  a nulidade do actuado,   ou no seu caso ser excluido  do xuízo. 

É por iso que  ante tal nivel de anacronismo non caiba  outorgarlle ao máximo mandatario dos populares autoridade algunha no seu afán de exercente ilustrativo, porque a corrupción  se combate procedendo con feitos e actitudes responsables, que nunca exercendo de encubridor político nin  actuando  como dirixente  dun partido corroido pola perversión,  nin moito menos  con estrañas formas de “colaborar coa xustiza”, que como ocorreu na rúa Génova, para a consecución  de probas, o xuíz, houbo de chegar ao extremo de ordenar o rexistro da sede central utilizando a modalidade imperativa  requirimento xudicial.

Non sendo de recibo xa que logo,  que o mandamáis dos conservadores tome á lixeira   a situación e  teña a ousadía  de cualificar o  grave problema da corrupción como unha “anécdota”, aínda sabendo que o seu, é o primeiro partido imputado na democracia, e que por tanto, mais alá do resultado  que lle  deparasen  as urnas, o mero  feito de tal  imputación,  convértelle  nun  referente político  totalmente desacreditado e de nula  fiabilidade para reaccionar en emenda, unha situación que pola súa complexidade desautorízalle   de plano no seu intento  de abandeirar a loita contra a corrupción, pois a súa condición de responsable «a título lucrativo» pon de manifesto que o seu partido obtivo beneficiosdas  a través  de malas artes, extremo este que en consecuencia debe limitar a súa   intervención nesa  materia.

A corrupción hase de combater esencialmente con medidas lexislativas, xudiciais e penais, cuxa eficacia  resultará cuestionable cando a través dalgún carreiro legal os autores das perfidias, non só quedan impunes, senón que se lle facilita o aliciente de non  devolver o indebidamente apropiado, sendo por iso que en tanto  a xudicatura e os órganos de supervisión do Estado non se desvinculen da inaceptable intromisión  política nas súas funcións,  procedendo acorde ás pautas  de rigor e uniformidade que a situación require, non só será imposible erradicar a corrupción senón que a continuidade do dominio político   seguirá a propiciar a súa proliferación.

Para ese efecto,  é  de precisar  que  o  Partido Popular pola  súa dobre condición de autor  e promotor da corrupción,  a mesma,  é parte intrínseca das súas  propias entrañas e da súa forma de gobernar , un sinal de identidade  que por nociva failles incapaces de afrontar con solvencia a súa superación   e a rexeneración   democrática que demanda a complexa  situación política do país, unha limitación á que engadindo   a figura dun  Rajoy  sempre  presente  acentúa aínda mais  a dificultade  ao conducirnos a un canellón sen saída e  situarnos  en posición   de "emerxencia  democrática"

É por iso que ante o espectáculo de precariedade dun  Executivo acurralado no Congreso polo inadecuado proceder dos seus propios actos, a total perda de credibilidade  do  seu Presidente, sumado á decadente situación socio económica  e o  ascendente nivel de alarma social como consecuencia de actitudes indebidas,  coa  corrupción como común denominador, o paso correcto debe estar dirixido a emendar a deficiente  situación co desafío  posto  en afianzar  o Estado de Dereito  como pedra angular  de rexeneración da vida pública.

Un labor que debe ser afrontado por xente  integra,  que nunca, por quen  institucionalizou a corrupción  coas súas sospeitosas prácticas políticas, sobrando dicir  por tanto, que non é Rajoy nin os membros da súa cuadrilla  os apropiados para facer fronte  ao cambio que a situación require,  por non ser  de recibo  que os que teñen  no seu haber  o historial mais arrevesado da corrupción eríxanse agora en redentores, máxime cando estamos a falar dos mesmos que se negan a recoñecer as súas  propias impudicias.

17 feb 2017

FENE: ENTRE O EIXO E A RODA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia


A despreocupación  política polo futuro de Fene, polo seu nivel de uniformidade, vén a advertir  que sen  trasladar  á rúa a reivindicación social,  a súa problemática demográfica, económica e laboral afianzará rutina de continuidade, arraigando   con iso  unha crise de permanencia

Desde a década dos 60 do século pasado, o concello de Fene favorecido polo auxe do seu emerxente  sector naval experimentou unha evolución demográfica alcista, cuxa  tendencia  se mantivo  durante un longo período de case   vinte anos, e  cuxa culminación,  ten  de fixarse  no  ano 1986 por ser  este o momento  que duplicando case os habitantes de principios do período, a poboación municipal aproximouse aos  16000 habitantes, un referente  de esplendor que paradoxalmente  se transformou  ao mesmo   tempo en punto   de inflexión e inicio do  seu decaemento,  que como consecuencia  da forzada reconversión  do seu esencial sector produtivo  motivou  que desde aquel intre o concello perdese  un 14% do seu censo  ata situarse  nos seus actuais 13385 habitantes, unha contía  en clave descendente  e xa que logo   sen perspectivas de recuperación.

Emporiso  o negativo  efecto  que o Concello   está a soportar   como consecuencia  do devir da crise industrial, tanto   a  prexudicial influencia demográfica causante  da súa perda de poboación,   así como da xeración de elevados niveis de desemprego e  a repercusión causante  en dificultar    o  acceso ao mercado de traballo   das novas xeracións, son aspectos todos eles que no   seu conxunto  de ningún xeito  debesen ter maior  relevancia nin  significación estatística  de mediar  unha mínima predisposición política    para a súa resolución.

Para ese efecto,  dicir  que contra  a repercusión do  propio   declive económico e os efectos asociados polo desmantelamento    do seu principal sector produtivo,  ademais de mostrar a súa  radical oposición , no seu momento, a administración municipal  en vía a corrixir  o imperante “monocultivo industrial”  procedeu en revisión do  seu planeamento   xenuíno establecendo urbanísticamente no  seu ámbito  unha ampla bolsa de solo  industrial como oferta de diversificación,  situada  en óptimo  emprazamento, vantaxosa conexión  infraestructural  e planificado  acceso  de interconexión   co propio estaleiro.

Un Polígono industrial  de 853000m2  cuxa parte alícuota sumada  aos 950000 m2 do recinto fabril  do estaleiro,  fan que Fene cun 5,5% da súa superficie total clasificada  como solo industrial consolidado,  reúna requisitos sobrados  para cumprir  unha función dinamizadora  e asemade  a condición de enclave industrial de referencia.

Pero se a pesar que actualmente a oferta  de chan facilita a  instalación  de novas   actividades económicas no ámbito do Polígono,  e que o Estaleiro unha vez superado o prazo  do  veto dispón  de autoridade sobrada para retomar a súa actividade principal, se aínda así,  a infrautilización do solo  industrial  mantén idéntica tónica, entón  debe resultar obvio   que non é a planificación territorial o que falla, senón que o mal reside   na desidia colectiva dunha clase política sen o mínimo interese  en reconquistar e ampliar a vitalidade  do tecido produtivo  municipal a pesar das derivacións e os perniciosos efectos que ao  futuro do concello  e das súas xentes  ocasiona  a súa actitude  de indolencia.

Mostra  que ven confirmar tal   afirmación,  é a actitude  de neglixencia   xeneralizada  do conxunto de forzas políticas sobre o futuro industrial  da localidade ,  a conduta de inacción  mantida  por todas elas, cando a Axencia Galega de Infraestruturas  de Xunta  de Galicia   aprobou definitiva o trazado de Róldaa  Oeste, cuxos 900 metros iniciais  discorren  polo interior da  antiga Astano, e que mais alá do  propio  ancho da  traza  viaria, establece  unha zona  de servidume  cuxa  repercusión espacial no ámbito do estaleiro alcanza os 135000m2,   deixando fóra  de ordenación instalacións e edificios existentes, á vez  de limitar  futuros aproveitamentos urbanísticos de actuais zonas ociosas.

Unha desmedida  afección  que afecta  ao 15% da superficie do conxunto  do estaleiro e que por operativa funcional  e necesidades expansivas  da  propia  factoría, debese  restrinxir  dita  área de influencia acorde a formulacións integradoras e  de maior coherencia territorial.

Como o feito  da súa renuncia  para seguir mantendo  o espirito  inspirador de Vilar do Colo, a través do despropósito que supuxo a súa  apertura  a usos  comerciais e de servizos, cando o que requiría a  situación  era a posta en marcha  de ferramentas eficaces de xestión e de condicións financeiras favorables  que facilitasen  a implantación  dunha oferta industrial diversificada e plural, que nunca o acceso á  súa terciarización.

Por iso, Fene é sen dúbida  unha realidade  territorial que se debate entre o  esplendor doutra época e o declive do tempo  presente; paradigma  dos   nefastos efectos   dunha  desindustrialización sen xeito nin dereito,  que deixou un concello sumido en condicións ínfimas, tanto urbanísticamente como socialmente,  ata o extremo  de causar situacións de vida asfixiantes en amplos sectores dunha sociedade marxinada,   que angustiada e  sen expectativas reivindica con afán  a posta  en práctica dun plan  de dinamización  económica como  solución.

Pretensión  que lamentablemente,  a xulgar  pola total falta de vontade  e  nulo compromiso  das formacións políticas, dificilmente poderá garantir a súa aplicación, e moito menos,  augurar resultados que revertan a situación; impedindo con iso toda probabilidade  para que quen vive en Fene teñan garantía  de futuro  e poidan botar  raíces na súa localidade.


10 feb 2017

A 'caixa B' no CONGRESO do PP

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Para que a corrupción deixe  de ser unha forma consentida de goberno, os grupos políticos teñen  que deixar de disfrazar de presunción de inocencia os delitos cometidos polos seus membros, e en responsabilidade  proceder en consecuencia. 

Xusto en vésperas   do Congreso  do seu partido , mentres Rajoy relataba a súa  insólita e fantástica versión da conversación mantida co seu homónimo  da  Casa Branca, a Fiscalía Anticorrupción, á vista das declaracións do imputado Correa  ante o tribunal da Audiencia Nacional sobre comisións  pagas por empresarios a cambio de adxudicacións de obra pública e o  ganduxo  das mesmas coa presunta 'contabilidade B' no Partido Popular,  decidía solicitar a reapertura do procedemento para a práctica de novas dilixencias de investigación sobre o particular.

É por iso  que se o  Presidente   confiaba en gozar un  2017 exento de sobresaltos  nunca máis lonxe da súa pretensión,  pois os feitos referidos ademais de causar  unha  gran axitación mediática, veñen revelar que sobre a  trama Gürtel falta moito por destapar,  por mais ocultación  que o PP faga desa  rede de corrupción, que arraigando na súa sede  central expandiuse por gran número dos seus gobernos autonómicos e municipais.  ata o punto   que a pesar das súas  manobras de camuflaxes, por lazos de relación  cos directos  axuizados  teña de responder xudicialmente como beneficiario dos delitos cometidos, e mesmamente  agora, en coincidencia  co  Congreso Nacional a resurrección  da   caixa B  ameace en pleno evento con enturbar aínda mais  as removidas augas do seu financiamento.

Ao fío dos feitos,  a  fiscalía parece percibir síntomas  sólidos de verosimilitude no  expresado polo 'capo'  da trama  corrupta, quen sostén,  que Medio Ambiente e Fomento,  adxudicaban  as obras  publicas ministeriais  a construtoras como OHL, ACS, Dragados e Degremont, utilizando  como único  procedemento mecanismos de pillaxe, a cambio de que estas sufragasen  os gastos das campañas electorais do PP, e iso,   en tempos en que o actual Presidente do Executivo xa era membro do Consello de Ministros.

É dicir, que segundo se desprende do actuado, durante  o mandato de Aznar  o amaño dos pregos de condicións ,  o fraccionamento  dos contratos  para non convocar concurso e a utilización versátil da figura do  procedemento negociado, supliron a aplicación das determinacións establecidas  para o efecto pola disciplina legal en materia  de licitación , unha anómala forma de actuar  que de ningún xeito sería posible  de non mediar   a permisiva complicidade de decenas de cargos públicos do Partido Popular. que non dubidaron  en burlar  os procedementos de libre concorrencia a cambio de comisións que  en concepto de dádiva, a teor   do revelado, acababan sufragando campañas electorais como tamén sendo repartido entre a cúpula do partido.

A ninguén minimamente documentado debe sorprender esta relación de conivencia, pois non en balde, é de sobras coñecido  que o PP  chegou mesmo a crear  e repartir 'powerpoint' entre os seus cargos públicos  coa finalidade  de instruírlles  sobre financiamento ilegal, para así  poder enmascarar gastos electorais sen que pasasen pola conta oficial da campaña e evitar así  sospeitas do órgano fiscalizador;  protocolos que foron  utilizados durante    o dilatado apoxeo  da ‘trama Gürtel’, un explícito paradigma que  vén delatar a baixa  catadura moral de quen non reparan  en actuar  de avalistas da ilegalidade   facendo seus   idénticos  hábitos  que  os utilizados polas  bandas organizadas  na comisión dos seus delitos.

Pero o certo é  que esa progresión de inmoralidade  dual entre corruptor e corrupto  asociada á función política,  pola  súa condición  sistémica e estrutural, resulte pouco eficaz   tentar combatela a través da  exclusiva  intervención do conduto xudicial, pois cando  unha situación excedida de escala como  resulta ser o caso,  o tratamento da súa  deriva   esixe outras medidas paliativas que poñan remedio ao extravío, toda vez, que  a simple  aplicación do  proceso penal   resulta totalmente  ineficaz para atallar os desmedidos  niveis de transgresión.

A tolerancia  asentida durante anos   fixo que a corrupción estea actualmente incrustada na medula  do sistema e siga prodigándose a súa proliferación, como poñen de relevo  as múltiples causas  ilícitas e os numerosos  suxeitos connotados  con esferas da administración que pola súa relación coa  contratación pública propician  vulnerabilidade , ámbitos  onde  a xulgar polos feitos  o  actual marco xurídico resulta canto menos insuficiente, pois  non resolve de ningún xeito  as profusas deficiencias dos seus  mecanismos de control.

Por iso é polo que para eliminar a permanente corrupción política  sexa obrigado  o establecemento dunha función pública moito mais ríxida que a actual , que pasa forzosamente por impoñer como esixencia, que todo posto de responsabilidade na xestión de obras e servizos   recaia exclusivamente  en funcionarios públicos de carreira con plenas  atribucións de control e fiscalización dos procedementos de contratación ; excluíndo  para  tal  finalidade a contratados políticos   e  persoal   de confianza polo  alto risco  da súa tendencia proclive  a favorecer por dependencia  a  comisión do delito

Dicir xa que logo,  que mais alá  do labor  librado por xudicatura  contra esta pandemia, as forzas políticas involucradas deben proceder vía emenda , por iso é polo que o PP pola inherente  parte que lle toca  debese aproveitar a oportunidade que lle brinda a celebración do seu Congreso Nacional  para aprobar   no súa clausura unha proposta de resolución nos devanditos termos.

 

3 feb 2017

OS POLÍTICOS do QUILOVATIO


A factura  eléctrica cargada  aos consumidores non se corresponde para nada cos custo de xeración, nin co  prezo efectivo do servizo , desaxuste que por excedido esixe a súa  recondución en adecuación  a unha  tarifación efectiva e real 

 
Ante a  desorbitada  escalada  do prezo da luz e a contrariedade xerada  polo   seu efecto nos usuarios, a primeira reacción do Goberno e do  seu Ministro de Industria e Enerxía non se fixo esperar, tal foi,  declarar publicamente  que presionarían  ás compañías para que o prezo final non se disparase  en demasía; unha declaración para ignorantes afíns á credulidade , pois  salvo un   inxenuo sen dous dedos de fronte,  ninguén nos seus cabais podería crer que  o executivo de Mariano Rajoy fose cominar ás eléctricas a tomar medida algunha en vía a abaratar o  devandito custo.

Tendo en conta que    contra o que perversamente cóntannos,  o prezo da luz está intervido polo Goberno,  e por tanto, cando á cidadanía  aplícaselle  unha das facturas eléctricas mais caras de Europa,  no  seu contido estáselle  engadindo  de forma consciente a totalidade dos seus compoñentes, e iso ,  con pleno coñecemento e  coa  aprobación   dos membros do  Executivo , sabendo que do recibo  facturado,  só  un 37%corresponde ao  custo efectivo da enerxía e que a repercusión  a maiores na  factura hai que adxudicala  a factores extra enerxéticos, dos que  un 25% son impostos  e o 38% restante, custo  relativos á denominada parte regulada.

Partidas fixadas no seu conxunto  polo propio Ministerio para garantir  en xustificación unha subministración estable; pero que vén delatar que  o 63% do seu importe son gravames de exclusiva determinación  política.

Os  consumidores deben saber pois,  que máis da metade do  importe  do  recibo da electricidade non ten nada que ver co sistema eléctrico., pero si coa aplicación  dunha  extralimitación  impositiva Estatal ,  que expresada en termos  cuantitativos confirma   que por cada 100€  satisfeitos  polos  abonados  63€  do devandito importe van parar ás arcas públicas,  un sobrecusto explícito da implicación política no desorbitado prezo da  subministración eléctrica, e iso é así  de concluínte por mais   que os involucrados  neste manobra  busquen culpar  da situación calquera menos á súa batería de impostos e subvencións

 Por iso que o feito de converternos no país co prezo da luz máis alto da UE, non haxa que pretender  argumentalo invocando a existencia de factores meteorolóxicos  adversos para a súa xeración,  senón que ademais da desmedida  fiscalidade indirecta repercutida, a motivación ten  de adxudicarse  á  carta branca  institucional  outorgada  aos  grandes oligopolios da enerxía, como proba o feito  dos  multimillonarios beneficios alcanzados polas eléctricas españolas sobre os custos de explotación ;  conta de resultado que a pesar da crise seguen cifrando  en positivo, ata o punto,   que  as ganancias   das cinco  principais compañías do sector elevan os seus  beneficios anuais, situándoos actualmente  entre os 8.000 e 10.000 millóns de euros;  cuxo referente  de contraste en equivalencia    resulta ser o dobre porcentual que o acadado  polas demais empresas eléctricas europeas.

Prezo  que en si mesmo  é    consecuencia   da descomunal subida do 80% acumulada en últimos    10 anos, só en 2016, un 25 % ; como resultado das políticas enerxéticas aplicadas polos  sucesivos gobernos, e a liberalización desenvolvida para o efecto  polos executivos do PP e o PSOE en beneficio  exclusivo dos  intereses do  as grandes empresas eléctricas.  

Aspectos todos eles que no seu conxunto  conducíronnos ao peor dos escenarios  posibles no que a este sector enerxético refírese , ata o extremo  de lexislar  ao ditado do lobby enerxético, nun contexto  de deterioración que pon ao descuberto a confabulación dos dous partidos políticos que nos gobernaron ata a data  amparando coas súas leis ás  grandes corporacións enerxéticas, mentres que    coa súa indolencia  facían  pagar aos consumidores a repercusión das súas temeridades  ao tempo de entregarse á erótica  das  “portas xiratorias”,  como  así pon de manifesto a escandalosa nómina de fichaxes por parte das  eléctrica de ex altos cargos, ex deputados e demais elementos relacionados co poder político.

Anómala situación  que non se pode manter   por máis tempo,  pois a aplicación do  excedido custo  da factura da  electricidade e a súa marcada repercusión   tanto no ámbito doméstico   como  na actividade produtiva,  ademais da súa condición abusiva, está   a lastrar  en gran medida a   reactivación económica do país; unha circunstancia que   polos seus notorios prexuízos  esixe a reorientación   do mercado enerxético, que debe pasar  irremediablemente por levantar o veto ao autoconsumo, amplificar o campo das enerxías renovables, clausurando  baixo sete chaves as xa referidas “portas xiratorias”,  establecendo  impedimento a cortes de luz por limitacións  económicas e  afrontando moi especialmente , unha auditoría de todo o proceso de compra e comercialización da electricidade que poña límite á actual fraude e manipulación do oligopolio enerxético.

Sen que tales medidas refuguen a nacionalización  do sector polo seu carácter estratéxico, se  as circunstancias aconséllano  e o interese xeral así o require, como medida correctora dos  actuais excesos e coa finalidade de lograr  de forma efectiva  a  normalización  do  prezo final ao consumidor  e a racionalización do sistema.