30 may 2014

CANDO QUEBRAN AS ENQUISAS

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Resulta sarcástico que un personaxe da catadura do sociólogo Arriola, alma máter do PP na sombra, intente inverter o fracaso da súa permanente inclinación ao erro, utilizando como tapadeira o ataque furibundo con acusacións de frikismo cara a un directo rival político.

É hábito estendido que toda campaña electoral veña asistida por técnicas de investigación social que anticipadamente á xornada de votación adianten a tendencia dos votantes; pero cando as enquisas difiren no substancial do resultado efectivo das urnas como acaba de acontecer cos comicios ao Parlamento Europeo ,entonces, é cando a polémica está servida e daquela, cando os gurús desta disciplina, como é o caso do sociólogo Pedro Arriola asesor electoral de Rajoy, perde os papeis, e enfurecido, atrévese a subvalorizar e emprendela con descualificacións   arrabaldeiras, contra os que polo seu éxito nos comicios chafaron as súas previsións demoscópicas, que ademais de deixalo en evidencia viñeron a cuestionar a súa solvencia profesional para o desenvolvemento desta actividade, despois de exercer un cuestionado servizo en Génova 13, musitando ao oído da cúpula do PP o que os seus membros querían percibir.

Non hai que despistar da análise dos acontecementos, o facer de tan "afamado" sociólogo e a súa práctica executiva, por canto a súa función na sede dos populares non se limitou a cumprir o papel dun simple asesor, senón que en todo momento tivo conferidas plenas competencias no campo da estratexia de comunicación do partido, ou o que é o mesmo, asumiu como propios labores de poder, facendo que das súas prácticas dependese o éxito ou o fracaso do PP en función ao resultante dos apoios e votos obtidos do electorado, e que no caso presente, derivou cara a unha derrota estrepitosa e humillante, e cuxa responsabilidade intenta agora camuflar mediante arrebatos alporizantes  dirixidos a terceiros.

Por iso cabe referir que a verdadeira causa do desastre do PP é netamente endóxena, agravada por ese cúmulo de despropósitos que acompañaron sucesivamente a función de Arriola como estratego da comunicación do partido, que co visto e prace do aparato, acumulou todos os erros estratéxicos e tácticos habidos e por haber, fallos dunha importancia substancial, como o deseño e posta en práctica do culto ao absolutismo  en detrimento do respecto polas prácticas democráticas, co implícito desprezo aos cidadáns e á súa intelixencia, e todo iso, acompañado polo todo vale da perversa esencia  de que o fin xustifica os medios.

E así, cando era condición sine qua non que a súa sondaxe electoral non expresase as súas propias preferencias, deixouse levar polas súas miserias ideolóxicas e onde a directiva do bo facer obrigaba tirar de transparencia e autenticidade impuxo a mentira e a opacidade, mentres omitía o demoledor impacto da corrupción con renuncia expresa á rexeneración democrática, á vez que despistaba o efecto demoledor do incumprimento das promesas contraídas co electorado, etc, etc. Todo un conxunto de prácticas en clave inversa que surtiron o efectos contrario ao previsto ao subtraer o marxe de confianza que proxectou nos electores unha xeneralizada sensación de falsidade e rexeitamento ao apoio electoral.

Esta lectura foi a que quixo burlar este "avantaxado experto" ao establecer a súa singular estratexia de comunicación electoral, adxudicándoo mais valor ao seu olfacto que rigor científico á análise electoral de acompañamento, e todo, porque a verdadeira finalidade que perseguía coa súa manobra de despiste, mais que un encontro coa realidade demoscópica era enganar os electores elevando o índice de posibilidades que tiña o PP para convencelos de tal tendencia; é dicir, que na antesala da campaña optou por negar a repercusión electoral das medidas políticas do goberno, coa nociva intención de manipular ao seu antollo a situación difundindo resultados de simulación, que por incertos, aínda supoñendo unha fraude xogaban ao seu favor, ao entender que exercían influencia positiva para cativar a intención de voto dos electores.

Tras a súa deserción da ética profesional, na súa torpeza, ao parecer este gremialista en decadencia non se decatou que a cidadanía non é tan doada de enganar ao ser capaz de percibir a política de forma intuitiva, por iso que as enquisas son armas formidables para armar estratexias electorais, pero tan só cando se axustan a códigos de conduta, resultando altamente nocivas cando son empregadas como truco para conseguir votos con simulacións enganosas.

De aí que se o PP aínda ten a pretensión de salvarse da hecatombe, a solución mais que arremeter de malos modos contra o contrincante político, ten de pasar irremediablemente por tirar lastre pola borda e desfacerse urxentemente do propio Arriola como tamén do presidente Rajoy, co fin de poder mudar de prácticas políticas e de estratexia de comunicación, na vía de establecer a debida corrección de conduta acorde ás normas básicas do sistema democrático que obrigatoriamente deben presidir toda acción electoral.

23 may 2014

IR INDO, DA CRISE AO NAUFRAXIO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


Despois de tres décadas continuadas dominando o escenario político, o dogma neoliberal causante da crise, fracasa no seu intento de reconducir a situación por aplicación de medidas inadecuadas, que mais que remediar o problema acentúan a recesión


Nula fiabilidade poden merecer aqueles que sendo un desastre ao tempo de predicir a chegada da crise, agora dedícanse a prognosticar a saída a esta, pois resulta difícil de entender que os que no seu momento non foron quen de detectar anticipadamente a xénese das súas causas, o sexan hoxe en día para determinar as solucións de futuro, máxime cando é farto sabido que os autores de tales vaticinios, lonxe de operar dende a autenticidade da soberanía política, o fan, dende a subordinación que supón falar coa voz prestada dos donos e señores dos mercados financeiros.

Ese factor de dependencia, fai que actualmente exista unha suplantación na linguaxe do poder ,y todo, como consecuencia dese deixamento de funcións que envolve o comportamento dun amplo segmento da representación política, que ademais de ocasionar un golpe baixo á democracia representativa, fai que se impoña extensivamente o discurso neoliberal nas súas coordenadas socio - económicas mais estritas; situación que colocando á cidadanía en estado de orfandade dirixente non só xera unha quebra no Estado social de dereito, senón que esas practicas de impostura, fan que esta doutrina de aplicación sen ser solución de nada pase a tomar condición totalizante, deixando fóra de xogo os dereitos da sociedade do benestar e o marco de liberdades ao só obxecto de satisfacer as apetencias dos operadores especulativos.

Mal vai este país se non cambia de traxectoria, toda vez que polo rumbo do neoliberalismo é mais que evidente que transitamos dende a situación dunha economía de garantías fundamentais cara á anomalía dun novo formato económico, orientado á consolidación de privilexios en favor dunha trama organizada, cuxo principal referente, ten de establecerse no escándalo do coñecido rescate bancario, daquela acción desvergonzada onde con diñeiro público de todos os contribuíntes se impuxo o pagamento ás malas praxes destes traficantes mercantís, que cos seus perversos métodos botaron a perder con todo indicio de economía produtiva, á par, de poñer patas arriba a estabilidade do país, para unha vez resarcidos da fazaña esixir dun domado Goberno, completar a faena, en liña de autorizar a tan patrocinado grupo de elixidos o saqueo das empresas públicas rendibles a través da súa privatización xeneralizada.

Esa escandalosa relación de clientelismo, tendeu a concentrar a riqueza en órbita dunha elite específica de marcado carácter especulativo, situando o poder económico nas peores mans imaxinables, sen reparar que os efectos secundarios de tan lesivo proceder, pola expansión de desigualdades induciu severos prexuízos na estabilidade e continuidade de pemes e autónomos, que a pesar de ser os principais referentes do sistema produtivo, pezas clave na dinamización da economía real e motores da creación de riqueza e emprego, afectados pola marxinación e a supresión de estímulos, pasaron a converterse en parte intrínseca da crise sen que a súa reversión sexa outra distinta á reversión global  que esixen as políticas neoliberais do Goberno

Por mais dispendio de optimismo que se lle queira adxudicar ao futuro, o certo é que permanecemos estancados na crise sen visos de reactivación, e todo, porque os mandamais da actividade política se empeñan en manter vínculos de permanencia con valores ideolóxicos afastados da eficiencia, tal é así, que a pesar do nefasto resultado das políticas coercitivas ao crecemento que limitan o avance da actividade produtiva cara a posicións competitivas na escena global, a acción do Executivo en vez de operar en corrección, segue impoñendo por toda norma a continuidade dunha férrea austeridade que ademais de manternos no estancamento, delata a total incapacidade deses mesmos políticos en adoptar decisións efectivas cara á economía real.

Polo tanto na actual tesitura, cando a crise cumpre xa mais de sete anos e acentúa a súa severidade crecente, resulta inaudito o mínimo presaxio prometedor de melloría, máxime, cando o único que se expande a noso arredor son os índices de deterioración e os síntomas de retroceso.

De aí que toda solución aos problemas do país haxa de pasar irremediablemente pola erradicación da eiva do neoliberalismo e a súa versión mesiánica do mercado, eliminando en procedencia o conxunto de reformas neoliberais levadas a termo, para en substitución, dar paso a un sistema alternativo que harmonice a liberdade da acción empresarial no contexto dun Estado que tome compromiso responsable co cumprimento doutras garantías económicas, relativas ao marco laboral, da saúde e  a educación, no ámbito dunha política fiscal progresiva e distributiva vía presupostos.

Pois só dende esta concepción poderase reorientar o futuro, facendo do país a casa común dos seus cidadáns, quen non a leira privada dun fato de aproveitados.



16 may 2014

AGORA, TI DECIDES

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


O cambio de rumbo político na Unión, só será posible deixando en minoría ao bipartidismo europeo, sendo os comicios do 25 de maio onde se xoga esta oportunidade, ao igual que o dilema entre austeridade e crecemento, e polo tanto, o ser ou non ser do credo neoliberal.



Metidos de cheo no vórtice electoral, a ninguén con dous dedos de fronte debera pasarlle desapercibido que despois de ser ignorados ata a saciedade, os mesmos que fixeron oídos xordos ás nosas demandas, xustamente agora, deseguido de sumirnos na noite dos tempos, coma se tal cousa fose, sen inmutarse nin un ápice, aparezan de novo en escena facendo ostentación de demócratas, e nun alarde de cinismo non só mostren unha aparente preocupación polos nosos problemas senón que para maior asombro, aínda resultando incrible, sexa agora en tempo de campaña cando deteñan as súas prácticas excluíntes e préstense a querernos escoitar.

Por patrón de coincidencia é obvio que estamos a asistir a unha reprodución iterativa dos anteriores comicios europeos, onde os membros do bipartito PP e PSOE, por ligado asentimento, a través de enganosas argucias promoveron un inaudito asalto ás urnas, apropiándose indebidamente do capital electoral para o seu posterior endoso con finalidade oposta ao sentir maioritario da vontade dos seus outorgantes.

Tal foi, malversar aqueles rendementos electorais coa finalidade de prestar patrocinio ao rexurdimento do proxecto neoliberal, ou o que é o mesmo, á posta en práctica dunha nova versión dun periclitado patrón político, que en forma de estándar anticrise aceptaban como seu sen titubeos os mercados financeiros co único propósito de impoñelo como forma de referencia para satisfacer así as súas apetencias ao tempo de incrementar os seus privilexios, mentres que paulatinamente os colaboradores políticos facían o traballo negro suprimindo todo rastro de democracia representativa á par de botar a perder con todo dereito de orde social.

Un deplorable proceder auxiliado por eses políticos metamorfoseados que no canto de decantarse  pola defensa dos seus  electores mostrando rexeitamento frontal ao inapropiado sistema neoliberal, coas súas comprometidas prácticas, demostraron estar a favor da imposición deste estilo de regresión histórica, onde a instrución da disciplina de austeridade fixo imposible a aplicación doutras políticas activas de recuperación como a construción xurídica e política dunha Europa dende un marco de cohesión, pois a pesar dos seus intentos, era sabido que dificilmente se podía levantar un sistema de relación e convivencia sen o obrigado recoñecemento e consideración do sentir da vontade popular.

Antítese persistente que situou os candidatos copartícipes desta corrente ideolóxica nunha posición restritiva para cumprir funcións de representación popular, impedíndolles polo tanto, ser depositarios do mandato dos electores; pois no contexto da actual deriva europea presidida por unha guerra de intereses económicos entre os países membro, como parte da periferia marxinal, en modo ningún podemos poñer á fronte do os intereses do noso país e as súas xentes a quen se caracterizan por establecer diques de contención á vontade dos cidadáns, e moito menos, a quen, en vez de velar pola nosa propia identidade como Estado, propensos a desertar das súas obrigas, son proclives a exercer como gregarios do centralismo dominante presidido polo absolutista neoliberalismo anglosaxón.

O futuro de Europa  precisa un cambio de paradigma que de xeito evidente  leve implícito a total transformación da súa arquitectura institucional, e por conseguinte, a renovación integral  da súa representación política,  pondo á fronte  a homes e mulleres   de probada integridade e  profunda oposición ao sistema neoliberal, capaces de darlle un envorco á situación e erradicar a secuela  das actuais políticas; pero non temos de esquecer que han ser as urnas quen  produzan o cambio necesario cara a esa nova realidade, por iso é polo que atendendo a esta premisa, nas eleccións do próximo 25 de maio  tense de asumir  que o voto útil será unicamente  o outorgado  aos partidos alternativos, a aquelas formacións políticas  que establezan por obxectivo preferente o derrotar á troika e liquidar  dunha vez por sempre coas  políticas de austeridade. 

Opción distinta  equivalería a seguir dando osíxeno  ao  bipartidismo responsable do actual desastre, tendo de manifestar respecto diso por docencia electoral, que  tanto o PP como o PSOE son parte conexa dos acontecementos  sobrevindos que agora tentan ocultar,    pois non en balde,  durante os últimos cinco anos a axenda  neoliberal europea  de recortes e privatizacións, foi conformada mediando un consenso entre  populares e  socialdemócratas europeos, e iso, sitúa aos membros   de ambas as correntes  políticas no papel de directos   avalistas  do  neoliberalismo radical,  sendo por tanto os seus candidatos a estes comicios  totalmente desaconsellables   como alternativa electoral.

E esa evidencia non ten outra lectura, por mais debates de discordia   e desacordo que cara á galería queiran protagonizar as formacións en liza
Agora,  ti decides 





9 may 2014

ELECCIÓNS EUROPEAS, UN DESAFIO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Necesitamos un Parlamento Europeo que represente con autenticidade á  cidadanía e uns candidatos que actúen en consecuencia, capaces por tanto,  de rescatar a hexemonía política  e pór freo ao rodete neoliberal.



Aló, correndo o segundo lustro da década dos setenta, mentres os que agora imos para vellos forzabamos o camiño cara á democracia, e os que a mantivesen secuestrada lavábanlle a cara á ditadura con xabón de transición, ao mesmo tempo, os autócratas de sempre tiraban do dobre xogo argallando á par a reformulación do capitalismo en clave máis rotunda; un calibrado obxectivo que en coincidente temporalidade viu favorecida a súa implantación polo galardón outorgado ao pai putativo do neoliberalismo austericida, Milton Friedman, quen en 1976, a pesar de estar a patrocinar tese da prehistoria da ciencia económica, fora laureado co Premio Nobel de Economía.

Concesión que reciprocamente á súa deostada consideración resultou determinante para elevar aqueles  extravíos a rango de doutrina, e facilitar con iso, que aquela reformulación capitalista tomase amplo dominio da nosa realidade, que non é outra, que a correspondente a un país sumido no caos, onde o Estado foi excluído da economía para consagrar a xerarquía e o imperio do poder aos mercados financeiros, permitindo así, que dende este escenario de tan atípica hexemonía, a explotación do novo capitalismo se propagara sen turbulencias a pesar do reaccionario da súa condición, por canto, non se terá de evitar que dende a súa implantación, os rendementos subtraídos pola destrución dos dereitos sociais das clases mais humildes foron destinados a favorecer en exclusiva aos sectores mais privilexiados.

Toda unha reprodución restritiva da sociedade dos dous terzos, da que fose sen dúbida outra das "grandes" achegas do neoliberalismo imperante; a dun Sistema que para soster a súa existencia evitando asumir a súa propia disfuncionalidade, sitúa na precariedade económica e social ás dúas terceiras partes da sociedade, arrastrando a un elevado sector desa fracción ao bordo da marxinalidade no contexto dunha traxedia dominada pola miseria e a exclusión; mentres que en contraposición, o terzo restante que conforma o ámbito da cúspide do poder, lonxe de estreitezas, son os que impoñendo a norma se están a enriquecer a mans cheas a custa de repercutir sobre as súas vítimas a inxusta factura dos seus propios atropelos, e todo iso, co referendo dunha mediatizada clase política que en vez de exercer de representantes dos cidadáns desempeñan a función de mandadeiros que levan e traen recados  do gran capital.

Pois ben, con todo, a doutrina neoliberal non é un dogma que afecte en exclusiva ao noso país, senón unha constante xenérica con vixencia formal no marco da Unión dende a aprobación do Tratado de Maastricht, que se mantivo como unha realidade oculta durante a época de crecemento económico, pero que ao arribar a crise, destapou tanto a súa verdadeira finalidade coma o trasfondo que acompaña a natureza da gran farsa que rodea ao publicitado proxecto europeo, cuxo auténtico propósito, radica na consumación dunha desmedida manobra política, montada coa finalidade expresa de secuestrar a soberanía popular para así manter as políticas económicas á marxe do control e fiscalización democrática da cidadanía.

Esta realidade non ten de pasar desapercibida aos que como electores acudamos ás urnas este 25 de maio, e a tal efecto, antes de emitir o voto debe ser un exercicio de responsabilidade garantir o seu rendemento, un requisito que evidentemente esixe neutralizar a tendencia cara á malversación electoral, desbotando a tal fin, aquelas candidaturas e candidatos que coas súas prácticas políticas non só non combateron o dúmping social senón que se dedicaron en exclusiva a prestar apoio e referendo á ortodoxia neoliberal a través dun absoluto respaldo aos mercados e subordinación ao diktat alemán; de aí, que ante estes novos comicios debamos proceder en consecuencia, pois á vista dos feitos, agora mais que nunca, necesitamos un parlamento europeo que represente á súa cidadanía e non aos intereses do gran capital.

Porque niso vai o noso futuro, non podemos tolerar por mais tempo que a oligarquía financeira siga ostentando o poder político por manipulación intermediada da vontade popular, nin que as restritivas políticas impostas dende Europa por esta elite neoliberal, conten no país, coa conformidade duns representantes renegados que burlando os seus compromisos coa cidadanía se decantan por actuar en posicións contrarias ao interese xeral; e só poñendo cerco nas urnas a esa situación de impunidade, seremos capaces de dar un cambio de rumbo efectivo e derrocar á ditadura dos mercados, e así, dende a lexitimidade duns representantes sen ataduras poder impoñer a economía real por enriba da especulativa e botar a perder definitivamente coa estúpida estratexia dos recortes e a austeridade.

A oportunidade está servida, e de non a aproveitar, seremos reos dos nosos propios actos e responsables que a continuidade da crise non teña volta atrás.




2 may 2014

25M: A GRAN DERROTA DO BIPARTIDISMO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Coa contundente derrota do bipartidismo e a consolidación en suplencia dun novo ordenamento multipartidista, os comicios do 25 M, forzarán o adianto de eleccións lexislativas e abrirán acceso á segunda transición.

Cando as ansias de poder político se impoñen sobre a preocupación polo interese xeral en menoscabo do benestar colectivo, cando iso acontece, todo proceso electoral simultáneo hase de converter nunha baza a aproveitar; pero cando ese afán de hexemonía vén sazonado de corrupción, entón, se a situación dexenera ata sumir no descrédito ás forzas políticas infectas chegando a corromper o propio sistema, entón, é obrigado forzar o rescate plebiscitario como lexítima solución.

Esa percepción tomará maior notoriedade nestes comicios europeos, nesta situación de frustración colectiva onde a aversión polas políticas dos grandes partidos faise mais explícita, e todo, polo seu enfermizo empeño en camuflar a realidade e facer que a corrupción política se manteña ausente do debate electoral, preservada na clandestinidade dun contexto atípico onde a lentitude da xustiza mestúrase cunha total sensación de impunidade.

Por iso, que se a esta comprometida situación sumamos a negativa influencia de sete longos anos de áspera crise económica e a inexistencia de perspectivas de futuro, resultará obvio, que a maioría da poboación por total perda de crenza e fraqueza de entusiasmo, mostre o seu aberto desafecto cara aos directos responsables desta complexa realidade, e que por idéntica consecuencia, o caudal do seu descontento electoral repercuta directamente en prexuízo do interese político destes promotores de intrigas.

Ese que non outro, será o motivo que provocará que a excedida indignación produza o extravío da fidelidade política, e que sexan estes comicios os que marquen un precedente de castigo que afectará substancialmente aos resultados do PSOE e PP, a estas dúas formacións que por reprobación popular ás súas políticas, verán rebaixado o seu teito electoral en mais de dez puntos porcentuais, ata o extremo, que ningunha de ambas as dúas superará o 25% dos votos; feito, que representará un resultado de mínimo histórico que ademais de propiciar a súa desfeita poñerá fin á repetida secuencia de duopolio, xerando con iso un punto de inflexión definitivo que botará a perder coa continuidade do bipartidismo.

Tendo de confirmarse polo tanto, que con estes comicios europeos chega o momento mais funesto para o interese electoral dos grandes partidos estatais, que lonxe de saír airosos da contenda, obterán o resultado mais paupérrimo dende o inicio da transición; ata o extremo que no mais favorable dos escenarios, por vez primeira na historia democrática, a suma dos resultados de ambas as dúas organizacións quedará situado por debaixo do 50% dos votos emitidos, e iso será así, porque esta vez a indignación social superou os límites de tolerancia, e en rebeldía, os electores co seu voto de castigo esixen dunha vez por sempre a liquidación do caduco e frustrante modelo bipartidista.

Exercer de parapeto da corrupción, é sen dúbida, unha das causas que xustifica este correctivo electoral, tendo de engadir a iso o feito certo, que ambas as dúas organizacións en exercicio das súas prácticas de poder, despois de empeñar a palabra, non repararon en substituír o obrigado servizo ao pobo e ao interese xeral, por preferencias vantaxosas ás apetencias dos mercados especulativos, cuxa consecuencia, conduciu á eclosión da crise que despois de desencadear unha fractura socio - económica de primeira magnitude, sumiu o país nunha quella sen saída onde a imposición disciplinaria da austeridade continúa disparando o desemprego e acentuando a desfeita social.

De aí que ante estas prácticas pouco ortodoxas, a cidadanía teña pleno dereito a sentirse frustrada, e en consecuencia, lle asista a facultade defensiva de impedir co seu voto que a democracia e o seu futuro sexa conducida por sátrapas mafiosos, que ademais de exercer a pirataría política antepoñen a satisfacción dos seus propios intereses en detrimento da defensa do ben común.

Lonxe de toda sorpresa, o desenlace do bipartidismo víase vir, pois en todo momento do seu curso, as dúas formacións maioritarias tiveron por común denominador o egocentrismo concorrente duns dirixentes endeusados, duns mediocres, que afectados pola síndrome de Hubris, foron mais proclives a distanciarse progresivamente da realidade que asumir o liderado do país como verdadeiros executivos de Estado, e esa contraposta actitude pasa factura a tempo de extinguirse o período emerxente que os sostivo, deixando ao descuberto o ficticio da súa solvencia.

Por iso, aínda que a tempo presente os directos afectados manipulen  demoscopia intentando á desesperada neutralizar a actual tendencia; deberan ter asumido que o cambio de composición da cartografía política é unha volta sen retorno, sen que ao respecto, ninguén nos seus cabais debera sentir o mínimo reparo, pois co decaemento destas dúas forzas homoxéneas se produce un cambio positivo na saúde democrática do país, que ademais de devolver a lexitimidade perdida erradica a actual deriva involucionista.