25 abr 2014

AOS TOMBOS, SEN RUMBO NIN GOBERNO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


As interpretacións compracentes do Executivo do PP sobre a situación económica do país, mais que achegar argumentos para o optimismo, pola súa carga de insolvencia e falta de seriedade, ao non ser cribles veñen a incrementar o escepticismo.

Consecuencia dos drásticos e incesantes plans de austeridade, a economía española actualmente segue en estado de recesión aínda máis prolongada se cadra que a de 2008-2009, sen que as desastrosas políticas levadas a termo polo actual Executivo do PP deixen enxergar síntoma ningún de recuperación, sendo evidente polo tanto que na presente conxuntura, senón se lle busca remedio, continuaremos transitando cara ao futuro no furgón de cola da Unión.

Coa agravante agregada que a pesar da complexidade deste contexto, hainos que lonxe de asumir esa realidade mantéñense nas súas trece aseverando "percibir luz ao final do túnel"; e cando isto acontece, entón temos outro problema engadido que agrava aínda mais a situación, pois ante a percepción de tal espellismo, todo apunta a deducir que os obrigados a articular solucións, lonxe de actuar en consecuencia mostran unha marcada adición ao consumo de alucinóxenos, pois caso contrario, ou estimúlanos as prácticas do mal alleo mofándose da cidadanía ou non se entende a proclamación aos catro ventos de xigantesca estupidez.

O certo é que a persistencia da recesión, á parte de producir insolvencia política, indica, que de continuar coas actuais políticas de austeridade, a decadente situación que vive o país empeorará no curto e medio prazo, e o seu efecto neto será dramático ao acentuar o debilitamento da demanda; aspecto, que motivará que prosiga o peche en cadea das empresas e se acentúe a inactividade nos autónomos ata niveis aínda descoñecidos, cuxa principal consecuencia será a prórroga na destrución de emprego, e en consecuencia a tendencia a que o paro real manteña o seu desmedido ritmo ascendente.

E todo iso por nadar contra corrente, ao ter establecido traxectorias de reactivación amparadas en versións contrarias á realidade, ou no seu defecto, por aplicar como propias, fórmulas impostas dende países diverxentes, facendo caso omiso á nosas referencias características, a esa singularidade distintiva das particularidades da nosa propia idiosincrasia.

Por iso que no actual estado de cousas, anunciar dende o Goberno indicios de auxe económico, ademais dunha tomadura de pelo, é un feito falso, unha argucia desafortunada que xa non coa nin crea optimismo contaxioso nos seus defraudados destinatarios, para quen o festival de previsións das mensaxes políticas do Goberno, tras repetidos enganos, tocou á súa fin por extinción de credibilidade.

Para desgracia do neoliberalismo político e das súas argucias de poder, as cousas non marchan ao seu antollo, de aí que os membros do Executivo como activistas da confraría neoliberal, a estas alturas xa deberan ter asumido que non caben mais ficcións ante unha cidadanía politicamente formada, a quen " a crise, si lles deixa ver as causas", e que allea a toda culpabilidade, asístelle pleno dereito a esixir que a crise a paguen os responsables causantes conxuntamente con todos aqueles que se beneficiaron dela, amparándoos igualmente a razón para demandar que toda alternativa de solución se estableza dende o punto de vista da maioría do país e non en vantaxe dunha minoría privilexiada.

Non debendo obviarse que a orixe da crise partiu dun deseño premeditado, dunha combinación á medida, auspiciada dende a elite financeira no vantaxoso marco dunha globalización exenta de regulación, e cuxa perversa especulativa induciu en beneficio propio unha crecente disfuncionalidade mercantil, ata o extremo de ser o propio sistema financeiro quen polos seus avaros intereses abandonou á súa sorte á economía real provocando o desmantelamento da actividade produtiva, e en consecuencia, disparando o desemprego ata índices inusitados, e todo iso, ao amparo e coa aquiescencia de absurdas formulacións neoliberais sobre a relación entre mercado e regulación pública, cuxa consecuencia, fixo que en vez de crecer a economía o fixese a corrupción e os especuladores.

É por iso que hai que forzar un cambio de rumbo, esixir que a sociedade sexa tratada como persoas e non como suxeitos tributarios dunha débeda allea, e que a economía deba estar ao servizo da sociedade e non á inversa.

Esas que non outras teñen de ser as premisas para afrontar o fondo da crise de forma efectiva, á par de establecer bases positivas para un futuro de estabilidade; pero para que esta iniciativa non derive en fracaso, non terán  de ser os forxadores da crise nin os seus aliados políticos quen leven a termo a devandita proposición, co fin de evitar o risco que o sacrificio conxunto soportado pola sociedade vaia parar como ata agora ao circuíto de latrocinio dese séquito de rufiáns de moral despistada, en vez de penetrar na economía real a través do tecido empresarial para así redundar en vantaxe do emprego e a cidadanía.

Urxe xa que logo, erradicar do panorama político a eses axentes do neoliberalismo, aos artífices do desastre e verdadeiros culpables do afundimento do país, pero que isto se cumpra depende das urnas, pois serán estas e ninguén máis, quen o 25 de maio teñan a última palabra.

18 abr 2014

ASTANO: CON VETO NON HAI VOTO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia



Nestas Eleccións Europeas, ante a evidencia dos feitos, nin eles son quen para pedirnos o voto, nin en consecuencia , nós temos a mínima obriga de outorgarllo.


Agora, cando a corneta dos comicios interpreta a consabida marcha electoral para disciplinar vontades, en terras de Ferrol,  mais que desfilar marcando o paso, ese "show da corneta" ten de poñernos en garda sobre aqueles que  electoralmente intentan repetir un novo engano de representación, despois de levar tres longas décadas obstaculizando a actividade produtiva do que fora o principal referente industrial da bisbarra, dun sector naval ao que entre a indefensión e o entreguismo, uns - eurodeputados de cartón pedra - conducírono a unha situación extrema próxima ao bordo da súa extinción.

Así pois facendo historia en vésperas de sufraxio, cabe recordar que a resolución pola que se adoptou o proceso de reconversión do sector, tivo as súas orixes tanto na crise da construción naval, iniciada na década dos 70 do pasado século, coma na negociación na que estaba inmersa España cara á súa plena integración na Unión Europea.

Deste xeito, ás condicións de mercado sumáronse os intereses por regular o sector da construción naval comunitaria, cuns reaxustes que, como se sabe, tiveron como principal vítima propiciatoria, á antiga Astano; pero en todo este proceso prevaleceu en cuberto o obxectivo de favorecer os intereses de países con maior "peso" na Unión en detrimento das cotas de produción que en boa lóxica debesen corresponder ao Estado Español.

Esta situación, e o feito de supeditar xa dende principios dos 80, o futuro do estaleiro de Fene aos intereses doutros territorios, conduciu a esta factoría a iniciar un proceso de lento pero constante declive que se materializou de forma dramática na desaparición de man de obra directa, nunca amortizada malia as continuas promesas, e que tamén tivo importantes repercusións na industria auxiliar.



A falta dunha planificación estatal coordinada, acompañada do deseño de políticas paliativas que limitasen o alcance da crise, e o elevado grao de improvisación que tivo as súas causas na necesidade de converxer no espazo europeo a un custo desorbitado, foron aspecto que engadidos ao interese dos países máis importantes da UE por afianzar a súa posición no sector naval fixo restrinxir toda posibilidade de recuperación do que era sen dúbida o principal estaleiro europeo.


Ao compoñente europeo haberase de sumar, sen dúbida, o español propiamente dito. Cunha estrutura de construción naval que incluía as tres costas españolas e afectaba a catro comunidades autónomas, Galicia, Asturias, País Vasco e Andalucía, sendo un dos principais problemas que se suscitou ante os requirimentos europeos de redución da tonelaxe en construción, o feito de reestruturar un sistema cunha forte e histórica implantación que ía pasar un alto custo segundo as rexións, pero que tamén supuxo a aplicación de elementos de discriminación, dependentes en maior medida da busca do "equilibrio" interterritorial que de cuestións racionalmente organizativas e económicas.

É dicir, primaron os intereses políticos sobre os económicos.

Primeiro, os europeos, conscientes da forte competencia que representaban os estaleiros españois e moi particularmente o de Fene.

Segundo, os españois, motivados na súa maior parte pola necesidade de "resolver" a negociación con Europa e entrar nela tras o longo esforzo de cohesión ao que xa se estaba a ver sometido o conxunto do país.

E terceiro, e isto adquire se cadra  maior grao de responsabilidade no plano político, polo relativo papel que cada comunidade autónoma afectada xogou neste proceso transcendental que mais que atender a cuestións técnicas estivo influído polo poder político segundo o ámbito xeográfico de interese e a situación dos estaleiros.

Polo tanto débese afirmar que foi a improvisación e a falta de executividade da representación política quen conxuntamente contribuíron ao desastre socioeconómico  e  laboral que actualmente padece a bisbarra de Ferrol.

Sendo en consecuencia que as sucesivas ampliacións da directiva comunitaria sobre restrición de mercados marcase a pauta da antiga Astano durante os últimos anos, facendo que a importante bagaxe acumulada pola factoría fenesa ao longo da súa historia correse o risco de perderse en materia de desenvolvemento e nova construción, limitando deste modo a capacidade de oferta non só deste estaleiro, senón tamén do conxunto do grupo público.

Por iso, os que como o PP e PSOE, a pesar de contar coa representación política dabondo para evitalo, optaron a nivel de Estado pola marxinación comarcal, e en vez de forzar en Europa un xiro á situación que facilitara o levantamento sobre restricións de acceso ao mercado naval convencional, fixeron caso omiso da situación.
De aí que agora nestas Eleccións Europeas, ante a evidencia dos feitos, nin eles son quen para pedirnos o voto, nin en consecuencia , nós temos a mínima obriga de outorgarllo.

11 abr 2014

DOS DITOS AOS FEITOS

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia



A lexitimidade democrática do noso sistema, atravesa a situación mais complexa dende a transición, circunstancia, que demanda unha renovación de fortalecemento dos seus vínculos xurídicos e políticos.

Controvertida semana para o presidente Rajoy, pois mentres que en sede parlamentaria o máximo mandatario do Executivo pechaba toda porta ás aspiracións dos secesionistas cataláns erixíndose en adaíl do mais férreo cumprimento da lei, ao mesmo tempo, en irónica casualidade facíase acredor do quebrantamento desta.
Iso polo menos é a conclusión que debe deducirse a teor das últimas declaracións do xuíz Ruz, ao confirmar que o PP de don Mariano pagou en diñeiro negro a obra de reforma da sede central que esta organización ten radicada na moi frecuentada rúa Xénova de Madrid

Esa dobre linguaxe consistente en esgrimir a defensa da lei e á vez incorrer no seu incumprimento, converteuse nunha práctica estendida nun amplo sector da clase política, que no caso dos membros do grupo conservador, posiblemente pola súa xenética franquista e a carencia do mínimo código ético, tal infracción se transformou na mais usual norma de actuación, e todo, polo seu exacerbado egocentrismo, como polo feito de traerlles sen conta que toda lei vulnerada desencadea un estado de insalubridade democrática e a introdución á rutina autocrática, que á vista dos acontecementos debe ser a súa pretensión.

E casualmente, son esas condutas e eses manexos adúlteros os que fan que cada día a política sexa unha actividade mais menosprezada e en franca decadencia, cuxa falta de credibilidade social ademais de propiciar a desconfianza e indignación, provocar un divorcio entre os políticos e a sociedade, limitando substantivamente o exercicio real da democracia.
Tendo de afirmarse neste contexto que é a corrupción o fenómenos social mais execrable e demoledor das institucións políticas que conforman o noso Estado de Dereito.

A xulgar polos feitos, a tendencia á mentira que acompaña o funcionamento do PP, non ten de remitirse en exclusiva a puntuais accións de engano que rexen a súa dinámica electoral, como aconteceu co simulacro levado a termo nas últimas Eleccións Xerais e cuxo maquinado resultado foi a clave de acceso ao Goberno, pois se debe ter presente que os últimos testemuños orientan outros desvíos cara á perversión que despexan toda dúbida sobre as súas malas artes e poñen de manifesto que durante os últimos 20 anos o groso de financiamento do partido conservador se custeou mediante contabilidade en B, cuxos ingresos foron obtidos a través de achegas, que en contrapartida ingresaban os beneficiarios de adxudicacións públicas.

E é aí onde hai que precisar que as repetidas imputacións políticas reflicten a xeneralización de adxudicacións a dedo, esa estendida tendencia que ademais de arbitraria, delata a transgresión continuada do ordenamento xurídico en materia de contratación, é dicir, a inobservancia repetida da Lei de contratos do sector público, dese marco legal que máis que unha norma de disciplina contractual resulta ser un referente testemuñal de nula eficacia.

Polo menos esa é a dedución que corresponde ao verificar que un de cada catro euros consignados como investimento público toman extravío cara a prácticas corruptas, tendencia que nos sitúa no primeiro posto do palmarés da Unión, chegando ao extremo que a nosa economía perde máis de 47.000 millóns de euros como consecuencia desas prácticas ilegais.
Resultado que fai que o noso país sexa o segundo a nivel mundial onde mais empeoraron os índices de corrupción.

O fenómeno desta infección pervertida, implica que a efectos empresariais aínda existindo a formalidade dun acceso igualitario e libre concorrencia, a restrición ao mercado de contratación pública veña de establecela a propia tendencia de adxudicación, que curiosamente, sempre vén a recaer en integrantes do colectivo empresarial afín aos hábitos corruptos, e iso é así, porque coa corrupción os bens do Estado non se administran conforme a lei senón en desviación a esta, para así poder converter o recursos públicos en medios xeradores de beneficios particulares para vantaxe de organizacións e políticos desaprehensivos.

Por iso no actual contexto de degradación, os que interpreten o espírito da lei acorde a interesados patróns de conveniencia, teñen de tragar coa responsabilidade de que a tempo presente a legalidade sexa un valor en decadencia, tendo de asumir igualmente que toda implicación en actos de corrupción é unha deslealdade, unha grave desviación e violación da lei que resulta altamente perigosa para o normal funcionamento dun Estado democrático, e que por iso, debe levar implícito consecuencias derivadas, que en supostos de implicación, mais que medidas de panos quentes, debe forzar en proba de escarmento o abandono da función política dos implicados.

4 abr 2014

POÑAMOS QUE FALO DE FERROL

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia



Cando politicamente se engana a un pobo durante tres longas décadas e este sostén electoralmente a quen lle mente, non é maltrato social o que sofre senón un desafiuzamento emocional permitido; unha situación anacrónica que por dignidade esixe un irremediable cambio de conduta.

Toda rebeldía ten na súa orixe un factor causante, por iso, cando os últimos trinta anos da historia dunha comunidade se teñan de narrar outorgando especial protagonismo á pancarta e á manifestación, non é ao colectivo dos inconformistas a quen debe adxudicárselles a proxenitura da conflitividade, pois en toda convulsión, a verdadeira autoría debe atribuírselle en exclusiva, a quen, ostentando o poder e obrigados polo tanto a tomar cartas no asunto, por falta de proxección política e negativa a traballar na dirección debida, en vez de articular solucións, optan por inhibirse do problema que desencadea a incitación ao conflito, suscitando con iso que a secuencia da axitación social siga a persistir no tempo.

Conste que non estou a referirme a un suposto alegórico, pois o dito, mais que figurado é a plasmación efectiva dunha realidade concreta, dunha situación precisa que se produce no contexto dun escenario xeográfico determinado, cuxa localización marxinal ao bordo da periferia do Estado, é a reprodución dun suburbio social onde se impón o liderado dos mediocres e a política é exercida por uns monicrequeiros que antes de perder o seu crédito xa extraviaran todo control sobre o manexo do fío transmisor.

Estamos a falar do emprazamento dos estaleiros subvertidos, da bisbarra das reconversións ficticias, de polígonos industriais tapizados de maleza, do lugar onde a taxa de paro supera á de ocupación, dun contorno que se desertiza pola permanente sangría de poboación; obviamente todo isto e mais, define a adversa singularidade do marco territorial de referencia, que por pura lóxica espacial non pode ser outro que Ferrol e a súa contorna.

Xa situados neste ámbito espacial, toca cantar verdades e recordar que o factor causante da desfeita da súa principal actividade produtiva tivo a súa orixe trinta anos atrás, de aí que intentar a estas alturas camuflar a complexidade socio económica de Ferrolterra no contexto da crise xeral, é pretender eliminar páxinas da historia para inverter a realidade; e iso, co perverso obxectivo de intentar despistar a implicación política na comisión dos feitos que levaron ao motor da industria local a unha crise funcional, que transixidamente a través do tempo e deseñadas turbulencias sistémicas fixeron agravar ata derivar na actual situación de colapso que apesta a fase terminal.

Todo indica que estamos ante o conato dunha terceira reconversión naval, iso polo menos son os sinais que se deducen do adelgazamento da carteira de contratación dos estaleiros, como a incógnita engadida sobre o quefacer do día despois á extinción do segundo veto do sector; incerteza, que mais que ter resposta crible, vai acompañada de evasivas políticas en versión interposta utilizada indistintamente polo PP e o PSOE, que como artífices do desastre, intercambian o seu papel atendendo ao xogo inverso que lles demanda o feito variable de exercer como goberno ou intervir de opositor.

En todo caso un referente de ambigüidade, que pon de manifesto a escasa fiabilidade que tras trinta anos de inutilidade, deben merecer os membros deste duopolio político para representar e loitar polos intereses cidadáns desta bisbarra no marco da Unión.

Polo tanto, hase de afirmar que a precaria situación que vive a tempo presente o sector naval da bisbarra, mais que vir dada por condicións de mercado ou competencia, é causa reflexa do escaso peso político dos que ante Europa en cómplice e repulsiva conxunción, reiteradamente, durante cinco lexislaturas dende a nosa adhesión, asumiron a restricións e limitacións impostas á cota de tonelaxe asignada ao noso sector naval, claudicando así ás interesadas esixencias doutros estados membro.

E é por iso que agora, cando entramos en véspera electoral sexa obrigado revisar condutas para decantarse polo correcto, e nada mais apropiado que comezar por discriminar actitudes pretéritas para así osixenar a dinámica democrática apostando por candidatos idóneos, 'por homes e mulleres con carga de honestidade probada que lonxe de incumprir as súas promesas ao día seguinte das eleccións, se manteñan firmes na defensa e continuidade da nosa Industria de Síntese, no contexto dun marco de compromiso, reciprocidade, transparencia e lealdade.

En razón aos feitos, xa deberamos estar de volta e saber que non se gañan as eleccións o día da votación senón no facer do día a día, e que as campañas electorais só valen para promover o que nunca se chega a cumprir, de aí que o 25 de maio, polo futuro desta bisbarra esteamos obrigados a plantar ruptura co pasado, cos que por todo resultado achegan unha enciclopedia de trinta anos de engano e tres décadas de incorrección.