27 dic 2013

OS OUTROS SANTOS INOCENTES

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Se este 28 de decembro, dás por caer na conta que o acceso ao traballo e á vivenda deixou de ser unha atribución constitucional, e que ademais acernaron o dereito á sanidade, á xustiza e á educación, non te quedará outra, que deixar de exercer de Santo Inocente e enfrontarte abertamente a quen en propio beneficio está a roubar os teus dereitos inalienables.

Hoxe, xa entreabrida a porta de fin de ano, vivimos unha data heteroxénea, unha xornada onde os medios de comunicación aproveitan para coar o cazapo e facelo pasar como noticia certa, tempo, que outros utilizan para dar renda solta ao seu singular sentido do humor, e o mesmo día que os integristas do nacional catolicismo monopolizan ortodoxia para dar outra volta de rosca á súa interesada cruzada de axitación e propaganda antiabortista, é dicir, toda unha métrica combinada de diversidade característica, unha mostra variada que pon de manifesto as distintas sensibilidades que rodean a conmemoración daquel episodio haxiográfico do cristianismo sobre a matanza dos nenos de Xudea que instigara un desalmado Herodes, co fin de exterminar ao aínda recén nacido Xesús de Nazaret.

Para acentuar esa pluralidade distintiva, tampouco serei eu quen hoxe veña  en dar sentido estrito á festividade litúrxica instituída polo Papa Pio V, aínda cando, por entender que a actualidade o require, si traio a colación aos Santos Inocentes, pero a outros mártires distintos aos da celebración deste día, os maxistralmente creados por Miguel Delibes na súa extraordinaria novela que con idéntico título levara Mario Camus á pantalla, na que foi e segue sendo unha das mellores películas do cine español.

Novela e filme que ilustran de forma realista a España franquista dos anos 60, constituíndo o seu contido unha denuncia contra a ostensible política de marxinación que na sociedade daquel tempo tivo especial repercusión sobre a vida dos menos favorecidos; lesiva influencia, que agora, 53 anos máis tarde, en figurante democracia e con cambiantes protagonistas, de súbito, mais que mostrarse como o reflexo dunha época superada, coa irrupción do novo Executivo do Partido Popular pasou a tomar categoría de plena actualidade e a mais completa das vixencias.

É coma se a contraxeito, fose actualmente a ironía quen marcara a dirección do noso futuro, impoñendo por obrigado itinerario unha adversa viaxe a aquel tempo pretérito, facendo que os fantasmas da época negra da nosa historia tomen corpo de realidade en pleno século XXI, e así, se naquel entón era o ritmo da ditadura e o absolutismo da oligarquía quen marcaba a pauta de regresión aos Santos Inocentes da época, aos damnificados do tempo presente, é a asimetría democrática e os mercados financeiros coa colaboración política necesaria, quen impoñen a instauración dunha nova orde autocrática cuxa hostilidade ocasiona o pesadume na poboación mais exposta, ou o que é o mesmo, na ampla comunidade que agrupa a nova versión destes outros Santos Inocentes.

De aí que cando para desgracia social a dereita mais reaccionaria de toda Europa exerce función de goberno e decide desmontar os elos da cadea que sustentara a sociedade do benestar, a brusca perda daqueles dereitos adquiridos, fai que o oficialismo relixioso que rodea esta celebración tome carácter accesorio, e moi especialmente a cruzada antiabortista de quen tras o seu finxido empeño por preservar a vida, manteñen aberta complicidade coas antisociais medidas do goberno que paradoxalmente afectan á subsistencia social como forma e acción de vivir.

Sendo o testemuño destes escamoteos, quen por translación no tempo fan obrigado rememorar aquela película de Camus, e especialmente a repercusión da súa influencia no profuso colectivo que integran os novos Santos Inocentes, a quen ademais de subtraerlles o futuro inténtanlles agora arrebatar a dignidade.

Pois a partir do golpe de estado global causante da eclosión da crise de deseño do 2008, inténtase por todos os medios forzar a capitulación dos dereitos civís e laborais de pertenza en asunción ás presións impostas pola nova orde mundial, contando coa  man interventora do actual Executivo do Partido Popular, organización política que a xulgar polos feitos, vén disposta a estender o estado de pánico e con iso reducir a resistencia a mínimos para rebaixar a conflitividade social, e lograr con iso, que a única reivindicación admisible se reduza a sobrevivir en mimética correspondencia ao comportamento daqueles submisos xornaleiros que con toda crueza creara en tinta e papel o mestre Delibes.

Pero os instigadores políticos da situación, antes de cantar triunfo deberan saber que non son bos tempos para o conformismo, e polo tanto, que o futuro das persoas nin é negociable nin admite renuncia de tipo algún, e que toda medida imposta contravindo os dereitos establecidos no ordenamento constitucional contará coa réplica acorde, pois como no desenlace da novela de referencia, cando o poder despreza os dereitos fundamentais e o abuso faise intolerable, ata os Santos Inocentes reaccionan en clave de escarmento.


20 dic 2013

CAGAN POR NÓS, E DISQUE SARABÍA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Dende a perspectiva de dereitos sociais, o ano que estamos a despedir resulta totalmente fatídico, pois as políticas de austeridade aplicadas polo PP, causaron empobrecemento, inseguridade económica, unha situación de vulnerabilidade crecente e un incremento das desigualdades, que nos sitúan nun punto de difícil retorno.

Por basto que aparente o título, cando a tempo de quitarche o paraugas déixanche caer enriba un trebón de inmundicia, ante tal situación, ningunha expresión de protesta debe tomarse por grosaría, pois o bo dicir, non consiste en protexer inmaculada a arquitectura do léxico, senón, utilizar a expresión mais apropiada para referir con maior fidelidade a realidade que che prexudica, e neste caso, cando a meteoroloxía política transita entre o fétido e o cotroso requirindo tapar o nariz, mais que edulcorar a linguaxe, é tempo de chamar ás cousas polo seu nome, pois por mais exquisiteces que simulemos cando o que está a caer é merda, o normal é,  que a expresión literal atenda a tal eventualidade sen que caiban pinceladas. 

Por iso, porque a realidade o evidencia e os estudos de opinión pública o referendan, cumpre dicir, que para o ámbito da España social, o estado de degradación política no que está sumido o Partido Popular derivou por contaxiar ao país ata a súa medula, de aí, que ademais de ser responsable de arruinar o presente da colectividade é tamén o causante de truncar as súas expectativas de futuro, como igualmente, de promover e impulsar a corrupción e a súa escandalosa actualidade. Perniciosas influencias, que por manifesta tolerancia, coma se dunha ironía democrática se tratase, orientan conducirnos cara á dramática situación de ter que repetir un novo ciclo do franquismo na súa fase mais recalcitrante.

Unha fatídica situación de decadencia e de progresiva deterioración, e iso é así, por mais que os directos artífices, intenten agora camuflar o seu papel protagonista por medio de inculpacións de despiste, adxudicando a raíz dos males a imaxinativos especuladores interesados en desestabilizar e crear alarma social entre a poboación; todo un engano, un estrataxema de distracción da mais reaccionaria dereita europea, dun PP autocrático, que contra vento e marea prosegue no seu afán de reducir a cinzas o marco constitucional, para despois, rematar por restrinxir a liberdade de pensamento e confinar os dereitos individuais.

De aí que tras esa dose de disimulo, se lles antollase un empacho de descaro, degustación, que tivo por protagonista ao propio Presidente Rajoy, quen tomando unha vez mais a fraude por monteira e aos cidadáns por idiotas, esta mesma semana satisfixo a súa desvergonza, cando sen o menor reparo puxo de manifesto que non existen datos para afirmar que no país está a aumentar a desigualdade; é dicir, unha declaración meritoria dunha cátedra á insolencia, por canto é farto sabido que España, é o país con maior desigualdade social da eurozona, como poñen de manifesto os 3.250.000 persoas, que no noso país, están en risco de exclusión e pobreza extrema.

Claro que se quen nega esta realidade é o mesmo que reside no círculo vicioso da mentira, e politicamente exerce de mitómano patolóxico deformando a realidade para tapar as súas propias implicacións coa corrupción, entón é cando a falta de rigor deixa paso a unha ferinte fantasía, e o mais grave politicamente, cando a falta de código de conduta vén a referendar como norma a perversión e a decadencia.
O problema de gobernar a golpe de mando dos mercados financeiros, ocasiona que os fundamentos que sustentan o estado social de Dereito rematen no colector como un simple desperdicio, e que a perda de sensibilidade social se converta en hipocrisía política; se así non fóra, o PP tería que asumir que os recortes sociais e as medidas de contención do déficit público que están a aplicar, son a principal causa do actual estado de degradación, deste proceso de empobrecemento paulatino que provoca un circuíto de miseria situando a mais dun terzo da poboación fóra de xogo, descartada do crecemento e sen trazas de futuro. Como tamén o motivo do aumento da pobreza severa que nesta España "democrática" xa sitúa a 630.000 fogares en estado de quebra familiar por total falta de ingresos nin prestacións. 
Para inverter a tendencia, é incuestionable que toda fórmula dirixida a atenuar as desigualdades, pasa obrigatoriamente, por incrementar a oferta activa de postos de traballo e facer crecer o montante da poboación empregada; medidas fundamentais que para afianzar o obrigado reequilibrio, teñen  de contar así mesmo co acompañamento dunha alza salarial, a depreciación das rendas do capital e a aplicación dunha política fiscal progresiva, non existindo solución alternativa a tal formulación; pero a verdadeira complexidade das devanditas medidas non é a súa propia finalidade, senón a oposta vontade política para levalas a termo, por canto o seu contido é o reverso das actuais medidas que está a impoñer o goberno.

Por iso que mentres a vontade de cambio non sexa manifesta, non intenten vender por sarabia o que é unha puta merda.
Á xente de ben, Bo Nadal

13 dic 2013

AS IRREVERENCIAS NAVAIS

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

A continuidade e futuro do sector público naval, formalmente debera estar a expensas de decisións políticas, pero a xulgar polos feitos, é a dinámica dos mercados á marxe da política, quen impón as regras de funcionamento e a súa ordenación sectorial.


Mentres a xestión dos estaleiros adscritos á súa competencia resulta desastrosa: inactivos, sen traza de pedidos e á cola do sector; o nefasto ministro Montoro, lonxe de tomar encontro coa realidade e poñer remedio a esta grave situación, por toda resposta, nun novo arrebato de excentricidade, opta por enarborar o estandarte do triunfalismo electoral e profetizar de forma insolente, que o PP gañará as eleccións porque "os mercados non son gilipollas".

Por non variar de extravagancia, de novo este señor, vén a transmitir outra solemne estupidez co ánimo de eludir a súa responsabilidade política, pois pola nefasta acción de goberno do PP, resulta de todo punto inaudito imaxinar a posibilidade que esta formación volva obter a confianza dos votantes para poder incautarse do poder executivo, salvo, que no seu índice de disparates lexislativos, o goberno conservador, teña en cernes unha reforma da Lei Electoral, onde decidan derrogar o voto cidadán, e en suplencia, outorgar a condición de exclusivos electores a eses mercados afíns que tanto gusta de eloxiar este axitador. 

Xustamente, eses operadores que sinala o ministro como os socorristas que manterán a prórroga da súa formación en primeira liña do candeeiro político, paradoxalmente agrupan ese colectivo de intereses cuxas prácticas mercantís pouco ortodoxas, en boa medida, son as causantes de provocar a situación de precariedade, que por exemplo, sofre o mercado de construción do sector naval, e por engadido, culpables igualmente que a carteira de pedidos dos estaleiros públicos marque un récord de mínimos no seu histórico de contratación.

Complicada situación que mais que frivolidade política, demanda responsabilidade resolutiva a través de decisións de urxencia, aplicando ao efecto medidas de  constrinximento que eviten o ocaso deste sector estratéxico, por canto, as atraentes expectativas de desenvolvemento que se prognostican no contexto do mercado mundial, rompen a tendencia adversa do último ciclo, augurando un futuro prometedor, que abre oportunidade ao relanzamento, ocasión que de manter o actual estado de renuncia pode desaproveitarse e converterse na trangallada que motive quedar descolgados a e á marxe de poder aproveitar esta nova oportunidade de recuperación e afianzamento do sector.

De aí que mais que exhibicións de idolatría para cos "mercados non gilipollas", este mameluco metido a ministro, debera cesar con esas bravatas e poñer límite á súa arrogancia característica, a esa arrevesada conduta, que tomou por práctica de actuación dende o seu nomeamento, e que co paso do tempo, en vez de evolucionar a positivo derivou cara a actitudes de incompetencia e ruindade, sendo a hemeroteca o mais fiable delator desta realidade ao poder falar do pasado en termos de actualidade.

E é así como podemos percibir ás claras a que está a liar este señor, que vén a ser o mesmo, que en papel de oposición cargaba as súas críticas contra a representación executiva do goberno anterior polos nulos resultados de contratación, e cando agora por alternancia política ostenta a máxima xerarquía do sector e as cifras do seu empeorado balance superan en negativo as do seu antecesor no cargo, é nesta comprometida tesitura cando este individuo se desprende do código de conduta e en vez de asumir o fracaso das súas accións, de súbito, a través dunha manobra de sálvese quen poida, escapule toda culpa mentres tira de exterminio contra o seu lugartenente na presidencia de Navantía, cuxa cabeza rodará mais pronto que tarde.

Fatal desenlace que sen ser a solución de nada, como sempre acontece en política, toma por vítima propiciatoria a quen indebidamente sufrirá as consecuencias da neglixente xestión do principal responsable e directo causante a extrema situación que padece o sector, é dicir, a persoa do ministro Montoro, ese fascinado e ostensible amigo dos "mercados non gilipollas".

Aquel que en plena campaña electoral anunciase a bombo e prato que poñería remedio á gran seca contractual do goberno socialista, declaración en clave de optimismo, que se corresponde coa tamén realizada en sesión de control parlamentario, cando xa como ministro, sen detallar encargos, non dubidou en elevar a fantasía á realidade dando por certo a existencia de importantes contratos asinados por Navantía; ou a mesma persoa, que segue alimentando ambigüidades xogando ao gato e ao rato coa construción do dique flotante; ese home pouco serio, que sen inmutarse é capaz de tirar do cinismo e confirmar a existencia de alta ocupación no naval ferrolán, cando se estaba a concluír a última unidade de contratación e apestaba a baleiro a carteira de pedidos, etc., etc.

Cando isto acontece, e a actitude executiva do mais directo responsable do naval público, resulta ser un expoñente de arbitrariedade e de antítese resolutiva, entón, á par de pecharse toda expectativa de solución, percibes, como no teu caso o ministro, "si che trata de gilipollas".


6 dic 2013

CONVERTER A CONSTITUCIÓN NO FELPUDO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


Detrás do medo duns a reformar a Constitución ocúltase o empeño doutros por rematar con ela, e actualmente, son estes últimos quen levan a dianteira, de aí que ao presente, a Carta Magna como norma suprema do Estado, mais que languidecer, sucumbe.


Se oficialmente onte celebrouse no país un novo aniversario da festividade constitucional, hoxe como día despois, en razón á que está a caer, resulta de todo obrigado por vinculada inmediatez, reivindicar esta data como xornada de reflexión, ao só obxecto, de despexar a incógnita e saber que parte do cumprimento da Carta Magna estivemos a celebrar, ou se o que verdadeiramente festexamos, foi o obxectivo inverso, é dicir, enaltecer a súa vulneración.

Non sempre a dúbida é orixe da verdade, pero en democracia, cando un grupo político pasa polo forro o seu programa electoral, o só feito dese degradante proceder, mais que unha disxuntiva é unha afronta á cidadanía que vén a corroborar que chegada a situación, idéntico proceder dispensará cara ao marco constitucional, e neste caso, para que non caiba dúbida a ratificación a tal afirmación está referendada pola propia realidade dos feitos.

Pois no actual contexto, a aplicación arbitraria do texto constitucional constitúe unha transgresión da norma suprema do ordenamento xurídico, en razón que a imposición de deberes imprevistos entra en contraposición coa supresión xeneralizada de dereitos recoñecidos, disparidade, que revela a existencia dunha mutilación en cuberto desta norma suprema que afecta tanto á súa letra coma ao seu espírito, e que por detracción de dereitos e liberdades pon en serio perigo non tan só a estabilidade democrática, senón tamén a propia pervivencia do Estado de Dereito.

Non é ningunha novidade afirmar que a maioría política do PP, xurdida dos últimos comicios e teoricamente suxeita á Constitución, dende o mesmo día do seu desembarco no poder, desatendeu o mandato da vontade dos electores, e esa infracción levou implícito que as garantías constitucionais non quedasen aseguradas, toda vez que o Goberno conservador, lonxe de velar pola digna calidade de vida dos cidadáns e promover a equidade social como norma de convivencia, apostou por antepoñer o seu apoio a intereses privados en detrimento do ben público, ensanchando con iso as diferenzas entre ricos e pobres, é dicir, levando a termo unhas políticas de goberno en dirección inversa co que ordena esa Constitución que eles mesmos xuraron cumprir e acatar ao tomar posesión dos seus cargos.

Por iso que nada habería que celebrar, pois a Lei de Leis española está, si non morta, en fase terminal, por canto, a tempo presente non pode garantir o cumprimento de ningún dos dereitos que formalmente nos ten outorgado como cidadáns, motivo que converte o seu contido nun declarativo de intencións de carácter testemuñal, e iso é así, despois da intervención express de setembro de 2011, cando sen consultar aos cidadáns, a maioría política do parlamento a entregaron como unha prostituta aos mercados financeiros promotores da crise a través daquela escandalosa modificación do seu artigo 135; desafortunada decisión que ademais de acernar o conxunto de dereitos fundamentais fixo desistir de calquera indicio de soberanía económica, e por conseguinte do control democrático da economía.

Ante tal involución, cando a sabendas que non só temos hipotecado o Estado senón tamén a súa Constitución, fronte tan nefasta realidade, resulta cómico aínda sendo tráxico, ese alarde de patriotismo enfermizo esixindo disciplina constitucional, ou esa advertencia ameazante contra todo opositor ao actual estado de artificialidade.

Empeño cuxa única finalidade, é manter o disfrace a unha perigosa acción de goberno que paulatinamente nos conduce cara á deriva antidemocrática e camiño á insensatez preconstitucional, coa única finalidade que non é outra que a creación dun ambiente acorde á súa inspiración política e alleo polo tanto ao marco de dereitos e liberdades, por ser ben sabido que a democracia non é sitio para fascistas.

Así pois, como referendo dese escabroso propósito ademais do acoso e asedio á Carta Magna, temos de sumar a cadea de desmandos emprendida polo PP, empezando pola regresiva Lei de Seguridade Cidadá, para seguir coa reaccionaria reforma do Código Civil, continuando coa aberrante Lei de Educación, para proseguir coa leonina Reforma Laboral, sen esquecer a inapropiada Reforma Sanitaria nin as sórdidas medidas fiscais, é dicir, que a supresión en cuberto do marco constitucional conta coa escolta dun bloque de medidas lexislativas que á parte de amordazar a liberdade de expresión nos sitúan en espazo inmediato anterior á transición democrática.

Grave situación que un verdadeiro demócrata mais que celebrar debe combater, deixando para renegados o fariseísmo institucional de converter a Constitución no felpudo da porta de acceso á regresión. Por iso onte, a xente de ben, nada houbo de celebrar.