27 sept 2013

ESPAÑA, MADE IN GERMANY

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Mais que unha receita para as economías en crise, a perversa austeridade merkeliana construída sobre axustes presupostarios e recortes, en vez de inducir crecemento inclusivo ou actuar como solución do noso futuro, resulta ser un antídoto mais prexudicial que a propia enfermidade.

O resultado dos últimos comicios en Alemaña, non debe resultarnos alleo en absoluto, pois as súas consecuencias, teñen para España unha repercusión mais relevante que se estivésemos ante o escrutinio dun plebiscito xenuíno, e iso, en razón á dependencia cativa que o noso país mantén co estado teutón no ámbito da UE; subordinación, caracterizada por un gregarismo impúdico, mais propio dun gobernante que cambiante coa lexitimidade outorgada polo seu electorado, decidise establecer renuncia do seu propio foro e pregarse a intereses foráneos, asumindo con toda naturalidade un papel subalterno como lle correspondería ao prefecto dun protectorado.

Xustamente esa é a degradante función que desempeña un apóstata Rajoy, aquel, que ao día seguinte do seu triunfo electoral, despois de burlar os seus compromisos coas urnas, nun exercicio de obscenidade política, unilateralmente, optou por rexeitar a defensa dos intereses comprometidos cos electores, para despois de coquetear coa hipocrisía, manifestando aquilo de "incumpro as miñas promesas pero cumpro co meu deber", decidirse por outorgar vantaxe exclusiva aos intereses financeiros alemáns.

De disparatada submisión hai que catalogar a decisión de pregarse ás directivas programáticas da chanceler Merkel, por canto a súa propagada estratexia de austeridade, lonxe de ser un remedio á crise, é unha trampa, unha truculenta manobra utilizada polo Goberno e a banca alemá, como método de fustrigamento á débeda doutros países da zona euro, coa finalidade de desviar a atención sobre eles mesmos. Táctica de acoso dirixida a saquear a economía dos países periféricos do sur europeo (entre eles España), co interesado obxectivo de despistar o profundo burato financeiro no que está sumida a economía xermana.

De aí que mais que unha receita para as economías en crise, a perversa austeridade merkeliana construída sobre axustes presupostarios e recortes, en vez de inducir crecemento inclusivo ou actuar como solución do noso futuro, resulta ser un antídoto mais prexudicial que a propia enfermidade.

Por iso faise obrigado a esixencia de tomar encontro coa realidade e erradicar dunha vez por sempre a excedida credulidade europeista, esa deformada visión que dende o euro-entusiasmo acrítico á marxe de todo debate, sen reflexión de vantaxes e inconvenientes, outorgou ao proxecto de unificación europea atributos idílicos, e ata excelencias que preconizaban un futuro marabilloso.

Enfoque percibido dende a euforia do neoliberalismo, que ao recruarse a crise foise ao traste por perda de consistencia, dando paso ao escenario oposto, é dicir, o dunha Europa en tránsito directo cara á desintegración, por causa do empeño alemán de proseguir coas súas prácticas especulativas cuxa aplicación acentuou diverxencias insoportables no marco da Unión, toda vez que o tratamento de austericidio e demais reformas regresivas imposta pola chanceler Merkel, mais que un remedio para os países en dificultades como o noso, resultou ser unha argucia en proveito propio, e proba evidente de tal afirmación, é comprobar que mentres Alemaña financia a súa economía colocando débeda pública con índices de interese do 0% e mesmo con porcentual negativo, España, ten de  facelo en condicións leoninas, afrontando ata o 7% de interese.

Arrevesada dinámica, cuxos prexuízos fanse extensivos a outros ámbitos da economía, pola influencia hexemónica do establishment financeiro alemán sobre o Banco Central Europeo (BCE); interesado dominio, que converte a esta entidade nun lobby do Bundesbank, e tales factores de dependencia fan que mentres o capital financeiro alemán se encontra na súa salsa, por aplicación dunha anacrónica uniformidade, España vese levada a unha situación insostible, onde á desprotección fronte á especulación financeira ten de engadírselle a paralización de todos os seus motores de sostibilidade e crecemento, e todo iso, por obra e graza dunha Alemaña que menoscabando seu prestixio como potencia, con estas prácticas, vén de comportarse como un avarento imperio colonial que basea o seu éxito no desvalixamento dos países periféricos.

Ante este deprimente panorama, son difíciles de entender as mostras de euforia mostradas polo presidente Rajoy, sobre os resultados electorais en Alemaña, cando extralimitándose da formalidade protocolaria, manifestaba sen o mínimo recato que o triunfo da chanceler Merkel "é unha alegría"

Non resulta doadamente deducible se o seu alborozo é un referendo de conformidade ao acoso sen cuartel que a dirixente alemá manten contra o noso país, ou se talvez, o xúbilo atende ao outorgamento dun novo cuño de identidade, coa merecida denominación de España, made in Germany.




20 sept 2013

O ESTADO IMPIDE O FINANCIAMENTO EMPRESARIAL

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


Resulta inaceptable levantar falsas expectativas con peripecias lexislativas como a recén aprobada Lei de Emprendedores, cando a saída da crise o que precisa, é dispoñer dun sector empresarial debidamente financiado.

Por mais que o goberno do PP empéñese en diagnosticar síntomas de melloría, o certo é, que a saúde económica do país lonxe de prosperar axeitadamente mantense na incerteza dun invariable prognóstico reservado, e todo, como consecuencia do inadecuado tratamento prestado dende o estalido da crise; por canto, a receita aplicada mais que cumprir a función dun antídoto eficaz actuou como un narcótico que día a día non fixo máis que acentuar a debilidade do sistema conducindo o futuro a unha fase terminal.

É obvio que cando o único revulsivo á situación é un concentrado de economía especulativa, mal imos, e se a iso engadimos que o patrón de melloría avalíese exclusivamente en parámetros de blindaxe dos mercados financeiros, peor poñémolo.

Intentar combater a crise utilizando por todo remedio os mesmos referentes que motivaron a súa xeración, equivale a negar, que a causa nunca pode ser a solución, de aí que insistir en aplicar decisións e políticas carentes de fundamento e orientación, ademais de non ser solución de nada, son actitudes que o único que delatan, é que o noso Goberno deliberadamente interésase máis pola protección dos axentes da economía especulativa e a banca, que dos que apostan por xerar economía produtiva, é dicir, das pequenas e medianas empresas, os autónomos e emprendedores; tendencia que por se mesma é unha mostra evidente que a única preocupación do PP, non é outra que defender ex profeso os intereses dos seus directos compañeiros de viaxe.

Por iso  resulta inaceptable levantar falsas expectativas con peripecias lexislativas, como acontece coa nova Lei de Emprendedores aprobada este xoves polo pleno do Congreso co referendo da maioría do PP, toda vez que o seu texto nace como letra morta ao adoecer do acompañamento de fontes de financiamento; limitación, que paradoxalmente ten nas administracións públicas o seu máximo competidor, pois é innegable que o financiamento do sector público despraza e impide o do sector privado.

Mostra evidente de tal afirmación represéntao o feito que durante o último trienio, triplicáronse os fondos  bancarios destinados  ás administracións públicas en diminución do financiamento das empresas e emprendedores, e este efecto de expulsión da economía produtiva, obedece aos inadecuados criterios utilizados, tanto polo Banco de España coma polo BCE, cuxa aplicación incentiva o financiamento ao sector público en quebranto do sector privado.

Por canto, mentres se lle asigna risco cero ás transaccións de débeda pública emitida polo Estado, comunidades autónomas e municipios, o risco asociado ás operacións realizadas con empresas e emprendedores induce consumo de capital, e tal diferenza, inclina as entidades bancarias a tomar preferencia polo financiamento institucional deixando de atender as necesidades que demanda o sector privado da economía.
Pois como queda dito son as propias regras políticas as que inclinan a determinación das entidades bancarias, de aí que aposten por favorecer as operacións con clientes públicos, por necesidade de menos capital, mentres que se o operador provén da actividade privada, as directivas esíxenlles ampliar a porcentaxe de recursos propios respecto ao volume total dos seus activos.

Así, dos limitados recursos que os bancos destinan para financiar a economía, é significativo o incremento da parte absorbida polo sector público dende xaneiro de 2011, cuxo importe ascende a 273.000 millóns de euros, contía que indiscutiblemente  non será destinada a satisfacer o financiamento que demanda o sector privado, que paradoxalmente en idéntico período, sufriu unha restrición crediticia nunha contía semellante, cifrada en 279.000 millóns de euros

Tendencia ascendente que cunha cota do 33,5%, sitúa as administracións públicas como o principal beneficiario do saldo total do financiamento das entidades bancarias, despois de dous anos e medio de incremento continuado e de ter alcanzado un record do 44%; cifras que delatan a existencia dun "hándicap" que non pode ser ignorado, e cuxa corrección demanda a urxente intervención da representación patronal, na liña de esixir a supresión da competencia desleal que representa adxudicar un maior atractivo á débeda pública, en prexuízo do financiamento privado.

Sen esta obrigada corrección, por mais marcos lexislativos que aprobe o Partido Popular, será imposible que flúa o crédito bancario cara á actividade empresarial, extremo que ademais de acentuar o risco de inestabilidade, limitará a creación de novas empresas, co impedimento engadido á posta en marcha de novos proxectos de investimento e expansión, feito que imposibilitará saír do labirinto á nosa economía para sumirnos nunha permanente situación de crise e desemprego

13 sept 2013

CANDO CHOVE SOBRE MOLLADO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Nin a aconsellable transparencia, nin as boas prácticas son pezas de acompañamento no funcionamento das institucións públicas tocante ao marco da contratación, pois sen excepción, as decisións nesta  materia están dominadas por un halo de discrecionalidade.

Debeu ser o mitolóxico Xúpiter, aquel deus da chuvia, o raio e o lóstrego quen o pasado mércores non quixo perderse a inauguración do curso político no Pazo da Carreira de San Jerónimo, e alí, empolicado na cuberta do Congreso dos Deputados deu en facer trasnadas, e mentres provocaba un trebón torrencial removía as tellas no seu tellado, deixando que entrase a auga a chorros dentro do hemiciclo nun día tan significado; forzando de tan húmido xeito a suspensión da sesión, xusto cando, as súas señorías sorprendidas e sen paraugas ían retomar a actividade parlamentaria.

Ou ben foi este o motivo ou caso contrario non queda outra que aducir que debeu ser cousa do demo, pois o que resulta inadmisible, é pensar que tal continxencia viñese motivada pola neglixencia da empresa adxudicataria; unha firma líder da primeira división, que ao parecer, en razón a esa categoría, foille outorgada pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado a execución das obras que por importe de 4,5 millóns de euros, incluían entre outras actuacións a substitución das cubertas do complexo da cámara baixa.

Traballos para cuxa licitación seguiuse o método "negociado sen publicidade", é dicir, sen concurso aberto nin difusión, ou o que en práctica de equivalencia resulta ser o mesmo, que unha arbitraria contratación a dedo.

Todo un atípico procedemento cuxa utilización difire no substancial dos supostos de aplicación reservados para a posta en práctica desa modalidade contractual, ao non se dar neste caso nin causas xustificativas, nin solidez de argumentos que debesen avalar a súa utilización, e polo tanto a súa imposición forzada, ademais de disconforme, ocasiona unha flagrante discriminación, ao ser resolto pola administración mediante convite restrinxido en vantaxe única do adxudicatario, por canto resulta obvio que a través deste sistema conculcouse a libre e pública concorrencia.

Discrecionalidade que sumada a unha inadecuada tramitación, dá renda solta para que no ánimo dos administrados prodíguese a desconfianza que provoca todo trato de vantaxe salpicado de opacidade, síntomas que polo seu propio carácter perverten o procedemento deixando porta aberta ao contaxio da corrupción.

Deficiencias que neste caso non veñen soas, pois á citada irregularidade contractual haberá de engadirse o reproche que por neglixencia merece a lixeireza de comportamento dunha clase política que en plena época de recesión mentres esixe sacrificios a destro e sinistro non reparan en consumar suntuarias intervencións destinando un gasto multimillonario xusto no momento mais inadecuado e para unha finalidade totalmente prescindible.

De aí que o incidente das goteiras do Congreso, á parte do seu carácter de continxencia, veña de resucitar o feito, que a contratación pública é a actividade de goberno mais exposta á perversión por parte dos que ven a función pública como  un botín político, e que por sarcástico que aparente, teñen na propia Lei de Contratos do Sector Público o aliado mais apropiado para cometer impunemente uns actos de corrupción. que pola súa proliferación extensiva tomaron condición sistémica e estrutural.

Nin a aconsellable transparencia, nin as boas prácticas son pezas de acompañamento no funcionamento das institucións públicas no marco da contratación, pois sen excepción, as decisións nesta  materia, están dominadas por un halo de discrecionalidade onde prevalecen os criterios de oportunidade política ou de opaca conveniencia sobre a fiabilidade e o rigor das mellores ofertas; decidíndose as adxudicacións dos concursos á marxe de toda disciplina, condicionadas exclusivamente ao nivel da peaxe aboada á marxe dos termos previstos nas regras de aplicación, e  dos termos establecidos nos pregos de condicións. Extremo contrastable coa mera supervisión dos expedientes delituosos dos incursos en causas xudiciais connotadas con esta actividade, como tamén, revisando aleatoriamente o contido das ofertas de licitación en contraste coas resolucións recaídas.


Actualmente a contratación pública segue a ser o maior foco de corrupción do país, e o seu remedio non radica tan só na remisión taxativa ao Código Penal dos presuntos implicados, sendo necesario por eficacia de resultados a aplicación de remedios complementarios que no plano político limiten a concorrencia dos afectados ao proceso electoral, de tal modo que politicamente a corrupción mais que un delito exento de cargo arrastre repercusións limitativas. Tendo de engadir a iso a cesión parcial das competencias políticas en materia de contratación a favor doutros cargos executivos, para que esta mingua de atribucións, erradique toda trama de intereses e por deriva oposta poida ser devolta a decencia á función pública.

.

6 sept 2013

DEMOCRACIA EN CLAVE SUBVERTIDA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Aquí non caben mais enganos, pois o certo é, que a quebra do noso modelo de convivencia non obedece a unha situación accidental, tendo de  afirmarse que os acontecementos do último bienio, atenden a unha estratexia exhaustivamente planificada.

O esforzo dos integrantes da cúpula do PP por esfumar evidencias da súa degradación, é múltiple e variado, e así por análoga tendencia, tanto pódeselles relacionar cunha interesada manipulación de equipos informáticos para entorpecer a acción da xustiza, como maquillando o trasfondo da súa verdadeira condición política para proseguir a súa fraude sistemática e vender como boa á cidadanía o produto dunha falsa realidade.

Toda unha plasmación do expresado por Aldo Pellegrini, cando afirmaba, que os escasos de razón viven nun mundo falso e artificial, baseado no poder que poden exercer sobre os demais.
Encaixe de identidade adaptable neste caso a quen carentes de ética e de hábitos democráticos chegan a ostentar a dirección de goberno, e por condición reflexa transgriden o réxime de dereitos e liberdades, dando paso a un estado de absolutismo dominado polos desmandos, os abusos de autoridade e a corrupción, é dicir, o statu quo que identifica o exacto proceder do actual Executivo conservador.

Con tales extravíos é doadamente deducible que as malas prácticas impóñanse ao cumprimento da norma e fagan subverter o funcionamento do sistema democrático.
De aí, que aínda que legalmente o Partido Popular dispoña do respaldo dos comicios, non ostente lexitimidade ningunha como posuidor da maioría parlamentaria e a titularidade do Executivo, por canto, para a súa consecución, a soberanía popular como plasmación da vontade dos electores foi ninguneada a través dunha tendenciosa campaña electoral, caracterizada por arbitrarias promesas con profusión de falsidades e mentiras, manobra, cuxa deriva trouxo consigo o total incumprimento dos compromisos contraídos cos electores.

Dinámica desprovista de toda ética, propia dos adictos á mentira e habitual en quen nin sente estima, nin o mínimo respecto pola democracia, daqueles que non reparan en traizoar a confianza dos electores, ao só obxecto, de satisfacer como única meta a súa desmedida ambición por instalarse no poder.

Por iso que despois do acontecido nos últimos comicios, visto o xiro dado polo PP ao seu programa electoral non debe caber a mínima tolerancia, sendo obrigado proceder en consecuencia para denunciar sen mais paliativos que a acción de goberno que vén despregando o actual Executivo, por incumprimento continuado de contidos ten de outorgárselle o cualificativo de fraude democrática.
Epíteto empeorado por ulteriores manifestacións do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, quen despois de recoñecer o incumprimento das súas promesas electorais, nun intento de xustificar o inxustificable, afirmaba ter cumprido co seu deber", toda unha metida de pata que lonxe de ser un argumento de defensa, delata o seu total desprezo pola democracia, cuxa esencia reside precisamente en todo o contrario, é dicir, en gardar disciplina ás leis e regras do xogo desbotando toda transgresión de norma ou acción que implique a violación do sistema como agora está a acontecer.

Aquí non caben mais enganos, pois o certo é, que a quebra do noso modelo de convivencia non obedece a unha situación accidental, debendo afirmarse que os acontecementos do último bienio, atenden a unha estratexia exhaustivamente planificada, mostra diso é o feito que dende a chegada ao poder do PP, a crise económica viuse agravada por unha crise social crecente e unha gradual deterioración democrática, e todo, como consecuencia do "contrabando electoral" instaurado ao seu antollo polo grupo conservador, unha práctica consistente en utilizar sutilmente a vontade popular e tras a súa manipulación dar o cambiazo con intención oposta, tal é poñer o sufraxio popular a libre disposición e defensa do evanxeo que predican os mercados financeiros e  tamén  coa finalidade de converter a democracia nun referente testemuñal reducido á mínima expresión.

O futuro do país non pode estar en mans de quen utilizaron a forza das urnas para facer o inverso do que ofreceron; non pode recaer tampouco nunha organización política que apesta a corrupción, sendo de urxencia capital afrontar unha profunda rexeneración da clase política, poñendo á fronte e en substitución persoas moral e profesionalmente preparadas, capaces de afrontar os novos retos que esixe a renovación da vida pública e política, xerando así, un novo estilo onde a conexión entre gobernantes e gobernados volva ser a clave de referencia.

Urxencia incontestable, pois coa degradación política que adoece o PP, nesta conxuntura, antóllase inútil toda vía do rexurdimento.