26 abr 2013

ENREDO E FUGA DE FEIJÓO


PUBLICADO 20/04/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia


Ao parecer mentir xa non importa e aínda resultando intolerable, ese apego case sistemático ao embuste prima sobre calquera código de conduta, e así, o certo é que á marxe de toda estrutura moral, en política se está a utilizar a mentira como un medio "lícito" co fin de suplir a realidade pola suxestión.


A simple sospeita que un só membro dun colectivo de risco tomara adición polo consumo de drogas, ou no seu caso, que unha sobredose causase un desenlace fatal entre algún integrante do grupo de adictos, coincidindo no tempo tal circunstancia co feito que o presidente da túa comunidade compartía mesa e divertimento co narcotraficante responsable de tal continxencia; pola mera presunción de culpabilidade que tal actitude supoñería, sería causa abondo, para que, a este connotado político se lle pechase toda vía exculpatoria e contundentemente esixíseselle a dimisión do cargo.

Pero cando a hemeroteca, transformase ese suposto nunha evidencia lutuosa, entón, xa non sería suficiente co exercicio de arredamento, senón que o implicado en cuestión, pola lixeireza dos seus actos, indirectamente veríase mesturado neste extravío, e tal circunstancia obrigaríalle igualmente a responder ante a xudicatura como "cooperador necesario" na comisión do delito, coa agravante de implicar por tácito consentimento os que eran os máximos responsables políticos da súa organización na coincidente temporalidade dos acontecementos.

De ser unha conxectura, esta introdución toma corpo de realidade cando encaixamos como protagonista da escena ao actual presidente da Xunta de Galicia, Sr. Feijóo, quen atendendo á súa versión para idiotas, constata que en épocas pretéritas cando só era un "rapaz deRomay ", burlando a disciplina opus deísta do seu protector, sendo só o segundo da bordo da consellaría de sanidade que rexía o seu valedor, tomou camiño do descarreiro ao frecuentar asiduamente o inferno. Toda unha práctica satánica, pero que por declarada inxenuidade fixo que non se decatase que o directo acompañante nas súas andanzas luxuriosas, era nin mais nin menos que Marcial Dorado, é dicir, o demo en persoa. Incrible descoñecemento cando naquel ambiente era notorio o pestilente tufo a xofre.

Ao parecer mentir xa non importa e aínda resultando intolerable, ese apego case sistemático ao embuste prima sobre calquera código de conduta, e así, o certo é que á marxe de toda estrutura moral, en política se está a utilizar a mentira como un medio "lícito" co fin de suplir a realidade pola suxestión, para anular a capacidade crítica dos cidadáns. Ese é o método de todo vale utilizado por Feijóo para lograr o seu obxectivo, que non é outro, que negar a evidencia dos feitos polo prexudicial impacto da repercusión no seu futuro político, de aí que alternativamente aposte por versionar un formato de simulación da realidade cuxa composición favoreza o logro de rendibilidade entre uns receptores predispostos a crela e a aceptala.

Para reforzar esta argucia, nada mellor que poñer en escena unha calibrada simulación a través dun guión elaborado á medida, coa finalidade de sacudir a súa comprometida relación co narcotraficante Dorado e proxectar así a aparencia contraria presentándose ante a opinión pública como unha vítima suxeito de extorsión. 

Pero esas actitudes pouco ortodoxas do Presidente da Xunta, tratando de dar carpetazo ao escándalo político no que se encontra inmerso, ao cualificar como "accidental coincidencia" o seu contacto co narcotraficante en cuestión, por desafortunadas e baleiras de contexto, estas declaracións, mais que achegar solución a tan enredado asunto, coa súa negativa e arrevesada actitude, está a complicar a situación ata o extremo de enfurecer á maioría social que se sente agraviada ao considerar ese proceder como un directo menoscabo á súa intelixencia.

Xa que logo, o Sr. Feijoo debérase deixar de andar con voltas, e saber, que mentres aduce ignorancia de causa, o resto da cidadanía, maioritariamente, si tiña cumprido coñecemento das actividades delituosas que envolvían os negocios do narcotraficante arosano, como tamén sabía do entrelazado que existía entre ambos os dous compañeiros de turismo de luxo, froito dunha relación continuada e estable, labradas durante un longo cuadrienio. 

Tempo e intimidade sobrada para despexar as dúbidas mutuas e desbotar con iso a recorrente ignorancia que aduce o presidente do executivo galego, coa única pretensión, de converterse na vítima dunha conspiración finxida que lle exima o cumprimento do deber, que nun país serio, se tería que pagar asumindo a súa inmediata dimisión.

Pero se ademais do xa referido outorgamos crédito ás súas afirmacións realizadas na comparecencia no Parlamento galego, cando aseguraba que ao ter coñecemento das fotografías en 2003, informou dos feitos ao Presidente do PP Mariano Rajoy, sen que ao parecer o máximo mandatario procedese en consecuencia. Se así fóra, tal extremo esixiría en correspondencia que a súa obrigada dimisión viñese acompañada pola do propio Presidente do Goberno por inhibición imprudente.


19 abr 2013

COSPEDAL PERDE A CHAVETA

PUBLICADO 20/04/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia


Cospedal non dá puntada sen fío e como mercenaria profesional da política desempeña a súa función unicamente polo estipendio, téndose convertido "nunha maquina de facer diñeiro".

Cospedal, que debe en gran parte a súa carreira política a Esperanza Aguirre, non dubidou naquel congreso de Valencia de xuño do 2008, en deixar tirada á súa valedora para aliñarse nas filas de Rajoy a cambio dunha oferta apetitosa, tal era, poñerse á fronte da Secretaría Xeral da organización conservadora, cargo que polo visto ben valía aquela deslealdade.


Pero que ninguén crea que tal deserción foi un descoido puntual na súa traxectoria; moi ao contrario, pois o percorrido profesional daquela avogada do estado deu un xiro na súa continuidade cando decidiu colgar a toga para dedicarse ao exercicio político. 
Nova función dominada por unhas prácticas pouco ortodoxas, por un continuo de torcidas manobras cuxa planificada finalidade, non era outra, que alimentar a súa voracidade lucrativa e satisfacer o seu egocentrismo enfermizo, é dicir, toda unha mestura explosiva e polo tanto pouco recomendable para o desempeño da función política.

Expoñente de tan arraigada vaidade, é a súa ambición desmedida pola acumulación de cargos; contía que por excedida, fai inverosímil o acompañamento dunha xestión eficiente, e malia iso, á marxe da escala de obrigas que todo vínculo de responsabilidade carrexa, a alta executiva do PP sen considerar tal esixencia, non tivo límite á hora de satisfacer as súas apetencias, e así, á adquirida condición de Secretaria Xeral da organización política, engadía outros cargos orgánicos e institucionais, como son, a vicepresidencia da Fundación para a Análise e os Estudos Sociais (FAES), e a presidencia do seu grupo político en Castela - A Mancha, e por se iso fose pouco, a presidencia do goberno da Xunta da mesma comunidade autónoma.


Pero esa pluralidade de atribucións que actualmente ten conferidas, non pense ninguén que as afronta coma se fose un xeneroso mecenas, nin tampouco unha altruísta que non espera nada a cambio, moi ao contrario, Cospedal non dá puntada sen fío e como mercenaria profesional da política desempeña a súa función unicamente polo estipendio, téndose convertido "nunha maquina de facer diñeiro". Chegando ao extremo de ser a político mellor pagada do país dende a instauración da democracia, superando o colmo da imprudencia cando as súas colosais percepcións duplicaban folgadamente os propios ingresos da presidencia do goberno do Estado.


Con semellante desaforo, o seu grao de incongruencia chega ao límite do esperpéntico cando a pesar do seu proceder pouco exemplificante, publicamente eríxese en defensora da austeridade, dos recortes, do aforro e do sacrificio, ao tempo que liquida dun plumazo unha substanciosa hipoteca pertencente á súa "mansión- búnker - toledano", un inmoble de 700 metros cadrados e 2,5 millones de euros.


Pero a pesar de tan sorprendentes referencias, hase de deixar constancia que as súas excentricidades non teñen límite, de aí que agora, cando a presión do seu totalitarismo sectario lle xoga outra mala pasada, nun novo desenfreo, se atreva a acusar de nazismo puro os "escraches" das vítimas dos desafiuzamentos.


Desafortunado símil de quen esgrime a súa condición de douta letrada, pois é evidente que a protagonista de tan disparatada declaración, por mais licenciatura que ostente, evidencia nulos coñecemento sobre o nazismo do trienio negro alemán; se así non fóra, non tería incorrido nesa lixeireza de adxudicar a terceiros tan inadecuado e ofensivo cualificativo.


Para evitar eses bautismos inapropiados, esta adicta a trepar, debera dedicar mais tempo ao estudo para saber así, que os nazis non se manifestaban ante quen pensaban distinto a eles, senón que dende o goberno, procedían a desaloxar dos seus fogares aos elementos contrarios ao réxime.



Coincidente similitude cos feitos que neste país veñen repetíndose a diario dende o ano da vitoria do PP, pola incondicional protección, que esta organización lle presta a unha clase bancaria estafadora. Situación que se agravará despois que este xoves a sesión do Congreso aprobase a Lei de Medidas para a Protección aos Debedores, Reestruturación da Débeda e Aluguer Social, cos votos exclusivos da súa organización política; por canto tal determinación prorrogará as vantaxes das entidades financeiras, quen ademais de quedar coas vivendas, seguirán sendo acredoras duns afectados que por razóns políticas teñen por único futuro a súa propia miseria.

Por iso que Cospedal, sempre seguirá transmitindo a súa pailaroca insolencia; o que nunca poderá impartir por falta de integridade, serán leccións para a democracia.


12 abr 2013

O MORTO PIDE ENTERRO


PUBLICADO 13/04/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia


Todo dirixente que se prece, debe estar referendado pola enteireza e amparado en prácticas de responsabilidade; de tal modo, que os seus actos sexan un reflexo de integridade.

Un presidente de goberno incapaz de poñer solución ao turbio escándalo de financiamento da súa propia organización política, por lóxica determinante, tampouco resulta ser a persoa apropiada para dirixir os designios do país, por mais que as urnas lle outorgasen ese labor, pois a carga de corrupción que acompaña os feitos sobrevidos deslexitiman toda autenticidade aos resultados electorais. Tendo que engadir á reprobación, que un político sen xerarquía para dirimir os problemas que lle son propios, resulta totalmente cuestionable para remediar os asuntos de rango colectivo.

Este país non pode agravar o seu debilitado status mantendo á fronte do Executivo a un presidente que coas súas espiñentas connotacións expele un rastro de desconfianza e sospeita; inconvenientes, que obstrúen toda vía de reactivación e xeran unha limitación que nos conducen fatalmente á consolidación dun Estado hipertrofiado. Realidade perceptible, que de forma inequívoca, vén a delatar que temos o presidente que non necesita España.

Hai que engadir ao desprestixio político, o feito, que o presidente Rajoy non entende nin a metade dos problemas que ten diante  de si, e por iso calquera observador á primeira vista, pode deducir doadamente que estamos ante un dirixente feble, un referente pouco fiable que non ten establecido ningún plan para saír da crise, e que polo tanto, tampouco dispón de método nin de sistema que guíe a súa acción política, estando conducidas as súas decisións pola inercia da improvisación.

Son referentes de tal afirmación, aspectos como, a alza do déficit ata o 10,6% inducido polo rescate bancario; a ruta ascendente dunha taxa de desemprego excedida, situada por enriba do 26% en razón a unhas medidas de austeridade desmedida; tendo de engadir a iso, o fracaso das iniciativas de fomento do emprendemento, ao igual que a destrución do tecido empresarial, motivado pola dificultade de acceso ao financiamento bancario, resultando determinante que as medidas tomadas por Rajoy coa Reforma Laboral como abandeirada, son decisións equívocas que demostran o contrario do que se conta, e que evidencian, que a continuidade da súa utilización, ademais de agravar a situación, resultarán nulas como ferramentas  de reactivación.

En razón a iso, é notorio que este país precisa doutro dirixente e outras directivas políticas. Sendo urxente erradicar a corrupción e aos corruptos incrustados no sistema, ao igual. que excluír aos que adoptaron a política como profesión, en razón ao risco de impudicia que tal condición carrexa; pois todo dirixente que se prece debe estar referendado pola enteireza, e amparado en prácticas de responsabilidade; de tal modo, que os seus actos sexan un reflexo de integridade. Resultando inadmisible a diferenciación social, ao tempo de esixir sacrificios a través da aplicación de medidas de axuste, que en todo caso, deberan manter o principio de equivalencia equitativa e unha xusta repartición de cargas para evitar desproporcións onde o gravame duns se converta no beneficio doutros

Nesa liña, sobra dicir que debemos esixir o fin da economía imperfecta, pois non resulta tolerable manter activas por mais tempo as actuais políticas apadriñadas por Rajoy e sustentadas no dogma económico da "austeridade expansiva", que tan radicalmente defende a "troika" e os mercados especulativos, a pesar de sumir á Eurozona nunha crise profunda, e que tras catro anos de aplicación, non se albisque a expansión económica prometida.

Todo o contrario, o verdadeiramente ostensible, foi que a aplicación das políticas derivadas de tal dogma cumpriron a función oposta á prevista, pasando a converterse en resortes da recesión; pero a pesar da súa involución, a UE non se esforza en despexar a ecuación de austeridade - crecemento económico, como alternativa para sortear a espiral da crise, dándose o paradoxo que despois de falidos intentos dos mandatarios dos Estado da Unión en establecer alternativas de crecemento, o certo é, que Europa segue aferrada á doutrina xermana marcada polo chanceler Ángela Merkel.       
                                                                                                                                                       
En razón a iso, temos  de concluír afirmando que deben ser o empresarios como únicos axentes dinámicos da economía produtiva, quen marquen as pautas e reconduzan a situación enfocando os seus esforzos á promoción dun escenario acorde para propiciar o crecemento das actividades económica e con iso a xeración de postos de traballo, que son os factores determinantes do inicio da reactivación económica.

Formulación contraposta ao segundo plan de reformas, anunciado estos días por un Presidente que polas razóns expostas mais que aferrarse ao continuísmo; polo ben do país, debera ir reservando  lápida no cemiterio político.



5 abr 2013

ESPAÑA CHEIRA A DITADURA

PUBLICADO 06/04/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia

 Un demócrata que se prece ten de escapar de cerimonias de confusión e asumir en consecuencia que toda acción reivindicativa contra quen usurpe o poder político a través da fraude electoral, goza de plena autenticidade democrática.



Quen sen ter ánimo de polemizar, asume o principio ineludible de defender as liberdades fundamentais e o Estado de Dereito, ante calquera síntoma de involución que quebrante estas regras de convivencia, non lle queda outra que reaccionar en consecuencia para esixir a restitución da lexitimidade institucional e o restablecemento das regras democráticas, por ser iso, misión irrenunciable para garantir a seguridade, a xustiza e a dignidade do conxunto da sociedade.

Dereitos, que nos últimos tempos, por continuada transgresión son suxeito de quebranto combinado; extremo que en dereito de amparo demanda unha reacción contundente, un "escrache" social colectivo; por canto, contradicindo, a consideración antidemocrática que atribúe Rajoy a estes actos, hase de afirmar que toda lexitimidade democrática, socialmente éo, en razón directa á consecuencia obxectiva da causa que persegue, e politicamente ao grao de enteireza co contexto dos compromisos electorais, que ninguén debe evadir tras a fráxil argucia dun incoherente "cumprimento do deber".



Polo tanto, un demócrata que se prece ten de escapar de cerimonias de confusión e asumir en consecuencia que toda acción reivindicativa contra quen usurpe o poder político a través da fraude electoral, goza de plena autenticidade democrática cando a finalidade do seu obxectivo sexa esixir o cumprimento dos compromisos que facilitaron a consecución do acceso ao poder. De aí que resulte un despropósito a inadecuada expresión do Presidente, cando manifesta que a maioría non pode ser coaccionada por unha minoría, xusto cando neste caso a chantaxe pinta a inversa, sendo iso razón abondo para non se render sen opoñer resistencia.



Por iso, para impartir leccións de democracia hai que ter hábitos acordes e non descapitalizar a súa esencia comparecendo como Presidente tras a blindaxe dunha pantalla de plasma. Ese comportamento fuxidío, é propio de quen parece esquecer que a democracia é un exercicio de permanente transparencia e de continua explicación aos cidadáns, en prol de satisfacer o seu dereito a saber, e polo tanto, toda actitude contraria a este proceder sitúa aos protagonistas ao bordo da involución, onde o totalitarismo dos nostálxicos intentará impoñer o control do seu propio réxime en detrimento da liberdade de información.



Ante esta complexa tesitura, resulta mais grave se cabe, que a pesar dos evidentes signos de corrupción que socavan a exigua estabilidade democrática, o PP siga mantendo inalterable o seu discurso de continuidade, negándose a extirpar esa infección endémica que como estendida metástase contáxiase no seo da súa propia organización.
Ao que para maior abundancia, terase de sumar o impedimento en variar as súas políticas contra a crise, cando o seu contido por mais alarde de vantaxes que se lle adxudique, non só terá nula eficacia senón que a súa lesiva repercusión ademais de desvertebrar a sociedade, acentuará a inestabilidade prorrogando a continuidade dunha recesión interminable.

Hase de interpretar polo tanto, que a comparecencia televisiva celebrada este mércores polo Presidente do goberno, Mariano Rajoy, lonxe dunha intervención para a cidadanía na que render conta de resultados da súa acción de goberno, se ten de analizar en clave da súa auténtica finalidade, é dicir, como un acto de reafirmación interna coa finalidade de levantar o decaído ánimo da gran maioría dos membros da Xunta Nacional do partido  conservador, afectados polas contradicións que xera na propia militancia a falta de resultados ao discurso ideolóxico neoliberal sobre a saída da crise a través de sacrificios de austeridade.

Tal é así que tras un ano de recortes brutais, non se logrou cumprir sequera o obxectivo primario de reducir o déficit, e cando ademais, tan milagrosa receita contra a crise, non deixou de disparar o desemprego, a marxinación e a pobreza, resultando evidente que os prodigados sacrificios de hoxe non traerán as prosperidade de mañá.

Pero nin estes prexuízos sociais son a preocupación de Europa, nin a asunción democrática ten idéntica uniformidade conceptual. O verdadeiro interese de Merkel como principal executiva da UE, é dispoñer do aliado idóneo para impoñer a súa férrea disciplina; labor que tiña garantido con Rajoy, cuxa confianza se viu afectada negativamente polo escándalo Bárcenas e a acusación inducida de ter recibido sobres de diñeiro negro durante anos, situación, que lle adxudica escasas posibilidades para rematar a lexislatura, por canto aos ollos de Europa, Rajoy, perdeu a escasa credibilidade que lle quedaba. e o obxectivo agora é aplicarlle a súa propia medicina fraguando en España unha ditadura tecnocrática, coa finalidade de substituír ao desvalorizado responsable do Executivo.

Ao parecer, corren malos tempos para Rajoy, pero tamén para a democrácia...!