22 mar 2013

A " TROIKA" E AS PREFERENTES


PUBLICADO 16/03/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia

Esa dobre linguaxe de Rajoy,  por incongruente e contraditoria,  é a causa pola que  centos de miles de afectados pola fraude de Preferentes  e Subordinadas  perdan a paciencia e ante a falta de solucións  bótense á rúa


A tenor  do recente rexistro policial no seu domicilio parisiense, a directora xeral do Fondo Monetario Internacional (FMI), Christine Lagarde, está no punto de mira da xustiza francesa  por un presunto delito económico, e iso,   en razón  a que  a actual dirixente   do organismo internacional, durante a súa precedente  etapa como integrante do anterior executivo do Elíseo, ao parecer,    despistóuselle a moral, intercedendo de forma ilegal  na concesión dunha millonaria   indemnización a favor  dun empresario compañeiro de filas.

É coma se  un  halo do mal agoiro pousáse sobre  a cúpula do FMI,  pois o certo é  que  con este novo escándalo,  son  tres os  casos continuados de mandatarios  que ostentando  a dirección   desta  organización, finalizan sentados no banco dos acusados rendendo contas á  xustiza  por incorrer en accións desviadas da mais elemental   regra de conduta. 



Se agora ao parecer, é a ex ministra francesa quen ten  que   someterse ao imperio da lei, antes foino  o seu antecesor  e compatriota Dominique Strauss-Kahn, despois de ser acusado de abusar sexualmente dunha empregada de hotel; un sórdido personaxe que  tomara a substitución ao español Rodrigo Rato,  quen actualmente por non variar,  está tamén imputado no caso Bankia, polas retribucións percibidas pola cúpula de Caixa Madrid.

Esta sucesión de desaxustes á disciplina, e a ensamblaxe de tales  prácticas na órbita  da corrupción  dirixente, ademais de constituír un escándalo de primeira magnitude,  xera unha deterioración que  resta autenticidade  aos  obxectivos que hipoteticamente alberga esta institución internacional, representando  esta práctica de comportamento  o  paradigma diferenciábel entre  a declamación dos seus bos propósitos e a contundencia  dunha realidade oposta.

    
Pero se nun ámbito xeral   a repercusión causada  por este   escándalo,  arrastra consecuencias complexas;  se nos remitimos ao marco  da eurozona,  a  implicación da actual directora do FMI en tan turbio asunto,  ocasiona  un impacto de maior calibre, toda vez,  que ao ser esta entidade  parte da "troika" conxuntamente co BCE e a Comisión Europea, este tropezo, menoscaba a autoridade da  máxima executiva  do Fondo e o influxo  da propia entidade que  dirixe á  hora de concertar    decisións colexiadas.

Grave revés  que deixa vía  expedita ás políticas de recortes  e austeridade enérxica  que preconiza e  e impón  a influente chanceler Merkel,  e cuxo implícito,  lonxe  de constituír  unha solución a longo prazo;  máis que  lograr a estabilidade da zona Euro,  proseguirá acentuando o  receso económico  co agravante  de disparar as cifras de desemprego  e acentuar  os desequilibrios sociais.

Ao parecer o resto dos países membro da UE non se decatan ou se cadra seus dirixentes  estás sumidos no limbo dos idiotas, pois  non se entende, que distraian o feito que á sombra deste avatar, o goberno alemán reforzará  aínda mais o dominio que exerce sobre a "troika", e que o club financeiro  xermánico seguirá  facendo  da crise do euro o maior negocio do século, á conta de subxugar  os países periféricos con rescates, abusos e  medidas  leoninas cuxos efectos  involutivos  ademais de prexudicar o   presente dificultarán o  enganche co  futuro. 

Vén a conto este razoamento polo feito coincidente que en pleno  fragor do rescate chipriota de marcado cuño alemán,  o presidente Rajoy  coma se fose axente  neutral nesta  guerra da "troika", ante o fogo cruzado contra  dos aforradores do país insular, maniféstase  contrario a tal decisión  por entender neste caso que os afectados non son  responsables da situación.

Todo un exercicio de cinismo do presidente español, ao mostrar solidariedade foránea,  mentres de portas dentro  consente o espolio aos seus propios compatriotas, que teñen seus aforros secuestrados  fai mais de quince meses  nas caixas de aforro nacionalizadas, co agravante de verse desvalixados   por un Goberno que vén disposto a subtraerlles parte dos depósitos retidos para rescatar a unha banca sen escrúpulos. 

Esa dobre linguaxe de Rajoy,  por incongruente e contraditoria,  é a causa pola que os centos de miles de afectados pola fraude de Preferentes  e Subordinadas  perdan a paciencia e ante a falta de solucións  bótense á rúa reivindicando o que por dereito lles pertence,  e que politicamente é obrigado  restituír  totalmente,  tendo en conta que    os afectados foron vítimas dun atraco levado a cabo  por uns directivos infames que para o exercicio do delito  contaron coa tolerancia das  institucións de control, desde o Banco de España até a CNMV , sen esquecer  a aquiescencia do goberno da nación, extremo que sitúa ao Estado no papel de responsable subsidiario.

Pero con todo que ninguén se alarme, pois  fazañas  deste tipo son  o común denominador  do facer  cotián da   nosa Europa , da "troika" e os seus mercadores.

15 mar 2013

O PARO NO LABIRINTO


PUBLICADO 16/03/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia



Por mais enredos que alume o PP, o único certo, é que este plan é un  recoñecemento  do fracaso da Reforma Laboral

Humillante, ese é o cualificativo que merece a xornada  que sobre a Estratexia de Emprendemento e Emprego Xove, tomou por escenario de representación o palacio da Moncloa, e iso,  en razón  á  afronta que representa a elección  de tal contorna de celebración; pois  resulta unha desvergoña tratar un tema tan  sumamente  sensible na que fose residencia de dous "notables"   ex inquilinos, cando  agora,  mentres un amplo sector da masa laboral toma encontro co desemprego, eses antigos  residentes, rin de España enteira  lembrándonos  a prevalencia  que lles confire  a súa condición de beneficiarios    dun  opulento pluriemprego. Prerrogativa que para maior ofensa social  conta  coa benevolencia política de quen, desde a mesma residencia, co seu silencio outorga plena complicidade á  escandalosa  situación que gozan  os ex presidentes González e Aznar.

Unha vez delatada esta obscena inmoralidade, dicir, que polo prexuízo dos seus efectos  e a afección  da súa incidencia, o paro converteuse no  problema por excelencia e na principal preocupación cidadá, maior motivo, para ser afrontado coa máxima urxencia e co   ponderado rigor; pois é evidente  que ante esta complexidade non cabe outra, que suplir os ensaios  por solucións, e nesa liña, haberase de asumir  que todo remedio, para a súa efectividade,  ten de estar fundamentado na diagnose das súas causas inductoras.

Partindo desta  premisa, non queda outra, que asumir o fracaso do patrón económico que nos conduciu á actual situación, para operar en consecuencia, afrontando como preferente a necesidade dun  cambio  de modelo,   que de xeito evidente,  pasa  polo reaxuste da estrutura produtiva; cambio, que ademais de corrixir os desequilibrios intersectoriais existentes, esixe do acompañamento de investimentos en tecnoloxía,  de mellora da eficiencia  produtiva  na  diversidade de sectores  e a profesionalización formativa, adaptando a especialización educativa ás necesidades do mercado laboral resultante.
Directrices, que conxuntamente  conforman un  novo concepto, unha  estratexia de crecemento confrontada  á inactividade que prodiga a   austeridade  dominante; o que supón   unha  colisión contra a actual política do Executivo, cuxa continuidade, fai  inútil librar  batalla contra o desemprego,  pois  de antemán,  resulta obvio  que sen un mínimo de crecemento,  por mais plans que se elaboren,é tarefa imposible  lograr a creación  emprego.

Por iso, o conxunto de medidas  contidas na   Estratexia de Emprendemento e Emprego Xove,  que  segundo os seus autores,  ten por finalidade    fomentar o autoemprego e a contratación xuvenil, o certo é, que  o seu  verdadeiro  propósito non é outro que o fraccionamento dun  problema colectivo, ao só obxecto de romper a unidade de acción  a través da súa división  por idade, coa  única intención de rebaixar forza reivindicativa, e  lograr así, que a demanda colectiva  contra o paro  perda condición de uniformidade e por extensión dilúa a conflitividade  que acompaña  a súa resolución agrupada.

Por mais enredos que alume o PP, o único certo, é que este plan   é un  recoñecemento  do fracaso da Reforma Laboral,  e o que é mais grave, aínda  cando a súa  estratexia está aliñada coa Unión Europea e cos obxectivos do que vén denominarse como"Garantía Xuvenil" europea,  prodigados pola chanceler Merkel, o certo é, que ao estar inspirados no contrasenso  da  filosofía neoliberal,  esta nova formulación mais que unha alternativa de solución é  unha estrataxema inapropiada, que por non ser a solución de nada,   tampouco  arranxará o gran problema  de fondo.

Un problema  estrutural do mercado de traballo ao que hai que engadir  a debilidade do tecido produtivo, a conxelación do crecemento e unha desmesurada   austeridade , mestura  letal que  conxuntamente  ameaza con sumir á maioría  da poboación nun paro de longa duración e de aí, á pobreza.

A reafirmación neste  pesimismo  intensifícase  cando a tempò presente, na recente reunión do Consello Europeo,  vemos como os lideres dos estados membro, no canto de achegar solucións e tomar cumprida dimensión da complexa situación, seguen estancados no debate entre austeridade e crecemento. Actitude pouco responsable   cando o problema de fondo non precisa maior  reflexión, pois  é de sobras sabido,  que de non aplicar  políticas de impulso da economía, a creación de emprego seguirá a ser unha falacia,  un guión escrito sobre papel mollado, unha fórmula de obstaculizar o funcionamento das cousas impedindo a aplicación de remedios eficaces.

Por iso de non reverter con urxencia a actual situación de estancamento económico e retomar a senda do crecemento,  non só será imposible crear emprego senón que se disparará  a  tendencia ascendente da gráfica do paro, facendo cada día mais custoso  o rescate do mercado laboral.  

8 mar 2013

UN PROCEDER MOI ESCABROSO


PUBLICADO 09/03/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Atlántico Diario; Globedia


Ao parecer  non só  o Goberno  perdeu  toda sensibilidade en poñer solución ao  paro, senón que tamén  os axentes empresariais, índolle á zaga, fixeron súa esa obscena doutrina de desinterese  polo mesmo.

En verdade, faise difícil entender  a posición  que manteñen os representantes da   patronal ante un problema  tan  complexo como o desorbitado e imparable  incremento do paro, e esa postura tórnase mais   complicada   de concibir,  por canto, detrás de cada persoa que pasa a engrosar as listas do paro, ademais dunha calamidade persoal existe un problema empresarial de marcado     alcance e  farta  complexidade.

Ao parecer  non só  o Goberno  perdeu  toda sensibilidade con     o problema de maior calado  do país,  senón que tamén  estes axentes empresariais, índolle á zaga, fan  súa   esa obscena doutrina de desinterese  e despreocupación por este asunto transcendental. Incomprensible actitude, sobre todo   cando a súa solución pasa  por ser o único remedio  para recobrar o presente e a corrección  necesaria  para  asegurarse o futuro.

Curiosa   empatía de quen  non son capaces de deducir  os seus propios prexuízos, de quen  coas súas actitudes  demostran non  ter  a  agudeza apropiada para  advertir  que sen continuidade  e estabilidade  no   emprego,  mais pronto que tarde, ademais  do atroz incremento do paro, esa amortización laboral, xogará á súa contra  arrastrando na caída   ao groso  de     a actividade empresarial.

O referendo destas institucións  ás políticas do Goberno é cando menos irónica, pois  aínda que  os seus dirixentes oculten o evidente, a realidade  canta en números vermellos ao cifrar en case 400.000 as actividades  mercantís  sepultadas por Rajoy durante o curto período  que leva  á fronte do Executivo. Dramáticos díxitos xerados  por unha  política errada, sustentada en priorizar  unha  pugna sen cuartel contra  o déficit público, enmarcado no   contexto  dunha  loita inútil, fundamentada  nun brutal axuste orzamentario exento   de toda medida paliativa  de estabilización e crecemento.

Por iso resulta burlador  ese obxectivo  xenérico  que se atribúen as institucións  patronais  cando preconizan  a defensa do sistema de iniciativa privada e economía de libre mercado, como tamén o seu declarado  apoio á empresa  como núcleo básico de creación de riqueza e emprego,  cando a súa realidade de acción ten unha tradución  contraria.

Pois  contra toda lóxica, contravindo  a ortodoxia que cingue a intervención do  Estado na actividade económica á función de árbitro de competencia; agora, cando o intervencionismo político invádeo todo e o futuro das empresas afógase   por estrangulamento  financeiro, esta cúpula  dirixente, engade un novo aditivo ao desequilibrio  dominante, renunciando á  defensa da súa masa asociada para auxiliar  ao Goberno na salvación da banca,  aínda a costa,  de arruinar a miles de empresas e destruír millóns de postos de traballo.

Incomprensible alianza, que se mire por onde se queira,  fai levantar sospeitas  cando vemos aos  representantes dos directos promotores   da economía produtiva e o emprego, abandonar a aposta polo crecemento, para tomar partida a favor  dos   defensores  da economía especulativa, daqueles que agora buscan a súa salvación á conta de sumir á economía española na súa maior  depresión.

Con semellante proceder a diminución de fiabilidade da representación patronal é  un todo  ostensible,  podendo dicirse  que a enteireza dirixente  destas organizacións  non  atravesa o mellor dos seus  momentos,  pois se tempo atrás foi o ex presidente da CEOE, o hoxe presidiario  Díaz Ferrán, quen impartía leccións para saír da crise á vez que arruinaba  ás súas empresas e deixaba na rúa a miles de traballadores, agora,  é tamén o vicepresidente do mesmo organismo Arturo Fernández , quen debe abandonar o cargo  por mor de estar incurso  en malas prácticas no  pago aos  seus traballadores.

Por se  iso non fose dabondo,  o actual presidente  da entidade Juan Rosell, no canto de comedir as súas palabras  e darlle unha oportunidade á sensatez ,  en pleno escándalo de corrupción,  avulta o seu propio desprestixio  ao restar importancia   aos donativos económicos  de empresas para o financiamento do PP, en razón, ao que el xustifica   como escasa contía.

Disparatada  afirmación coa que o máximo mandatario da patronal  vén a validar como sistema  de procedemento  as turbias manobras de alcanzar as  adxudicacións  de obras  a través de prácticas corruptas, declaración que por excedida, debese traer consigo  o seu cesamento fulminante  e a   expulsión  dos corruptores que coas súas ilícitas manobras, ademais de devaluar   a imaxe do colectivo empresarial, revelan total  ausencia de ética  e completo desprezo polas regras  da competencia.

Por tanto, hase de concluír afirmando, que a relación  entre a cúpula  política  e patronal, lonxe dunha alianza estratéxica con fins positivos, é igual á dun clan sen principio de integridade,  cuxo único obxectivo non é outro que satisfacer os seus propios  intereses. Extremo que de proseguir, levaranos  a un estado de  corrupción permanente.




1 mar 2013

PAUS DE CEGO


PUBLICADO 23/02/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Atlántico Diario; Globedia


A política económica deste  país non pode seguir sosténdose  na persistencia  dunha mestura inadecuada  dos seus sectores produtivos.


Por máis que  voces acreditadas advertisen coa anticipación debida do inconveniente que representaba basear  as   medidas de reactivación económica nun formato   de austeridade enérxica sen acompañamento  de políticas de crecemento, o  goberno do PP,  tomou partida pola  lixeireza desatendendo  a    opinión  de fontes  expertas, e como se tal cousa fora, a través dunha fraude poselectoral decidiu facer xustamente o contrario  do que comprometera cos seus votantes, apostando por embarcarse na  temeridade sen sopesar as  consecuencias inducidas.

Para maior concreción, hase dicir  que os membros  do grupo político conservador  unha vez consolidados como Executivo, prescindiron do mandato das urnas optando  por someterse  unilateralmente  ao   ditado da  troika, para acatar como correctas  as medidas e reformas económicas impostas  polos membros dese  club, (Comisión Europea, Banco Central Europeo y Fondo Monetario Internacional); cuxa contrapartida  á súa adscrición, ao parecer, faría  obrar o milagre de sanear  as nosas contas e impulsar  o ritmo do crecemento.
Imperdoable erro, pois  o correr do tempo puxo de manifesto  que aquela anexión,   mais que achegar as presumibles  vantaxes fixo que caésemos  nunha espiral de recesión; extremo que non  só causou  a suspensión na nosa  recuperación económica senón que para maior contrariedade veu delatar  que estabamos a avanzar marcha atrás.

Nesta  dirección, é fácil percibir  o fracaso das políticas fundadas  nese  formato de austeridade en solitario,  como tamén  deducir  que coa   súa aplicación dificultouse a estabilidade e o crecemento económico; limitación que desencadeou unha  inactividade extensiva, cuxos síntomas  característicos  foron a  destrución  encadeada  do tecido produtivo  e por expansión o incremento desproporcionado do  desemprego até alcanzar  límites  inusitados.

Factores  que  ademais do dano repercutido  aos directos afectados, desde o  estrito  plano  económico,  a evolución do  seu impacto, impediu manter a estabilidade necesaria para garantir a xeración de ingresos públicos cos que afrontar a redución do déficit ou a diminución do groso da débeda pública.
Representando esta complexidade  unha reafirmación engadida   para sentenciar que as  políticas de austeridade  que veñen aplicando coa xustificación de mellorar  as  finanzas públicas,   polo seu notorio  carácter improductivo, exercen  a función oposta aos prognósticos que patrocina o Executivo, pois como queda visto, sen  a impulsión de alternativas de crecemento a débeda  é impagable e o seu incremento  toma formato  exponencial, aspectos  que  de non remediarse  obstaculizarán  aínda mais  o acceso á reactivación.

Pois ben, agora consumado o fracaso, cando o grao de deterioración  faise insoportable, cando  as  peores perspectivas desbordan o pesimismo das  previsións  estatísticas e a conflitividade  aprópiase das rúas. Nesa situación extrema, con mais empeño  se cadra, debemos  seguir esixindo que quen coas súas actuacións leváronnos  á crise, sexan  os obrigados  a sacarnos  dela; pero obviamente,  mantendo a premisa  que   para tal finalidade,   é condición "sine qua non",  renunciar  á continuidade do actuado,  para centrar as accións nun cambio de mentalidade,  no bo sentido de habilitar as bases apropiadas  para o establecemento dunha economía social e sustentable, previo diagnóstico da actual  estrutura  produtiva.

A política económica deste  país non pode seguir sosténdose  na persistencia  dunha mestura inadecuada  dos seus sectores produtivos, como tampouco, podemos dar continuidade a un  modelo de futuro sustentado en recorrentes  dinámicas coa  improvisación como  factor dominante,  ou sorteando os obstáculos funcionais dando    paus de cego. A situación esixe solucións  apropiadas  e nesa traxectoria temos  de dirixir o noso obxectivo  que pasa ineludiblemente  pola creación dun Plan operativo de desenvolvemento económico, estruturado na economía produtiva, a potenciación industrial  e a innovación tecnolóxica. Debendo conter por eficacia,  unha programación de temporalidade  do desenvolvemento do planificado,  como  así mesmo,  a dotación orzamentaria  adecuada para levar a     bo termo o seu contido estratéxico.

Esta ten de ser a folla de ruta apropiada, cuxa eficacia  debera contar  co  consenso vinculante  dos axentes sociais e o necesario referendo político  do Parlamento. Esta alternativa é unha   ferramenta esencial  para iniciar o camiño ao futuro de forma  ordenada, con paso firme e decidido; a  vía oposta é darlle continuidade ao  entreguismo  deixando a economía do Estado, a expensas da decisión unilateral  dos  mercados financeiros. Nesa tesitura cada quen ten  de tomar posición, sabendo que  en política, os riscos son unha opción e as consecuencias a resposta  debida.