22 feb 2013

UN DEBATE DECADENTE

PUBLICADO 23/02/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Atlántico Diario; Globedia

O mais significativo do debate non foi o contido das propostas formuladas, senón a negación do evidente, o que a través dun pacto de silencio deixouse de expresar. 

Despois de 35 anos de desbordar fantasía, presumindo dunha modélica transición e facendo ostentación dun envexable milagre económico; cando mais empachados de éxito estabamos, o estoupido da realidade espertounos do soño, e sobresaltados, vemos agora como a noso arredor se esborrallan aqueles tópicos.
E así, contra todo prognóstico percibimos como a publicitada evolución democrática se foi desvalorizando ata a súa conversión nun bipartidismo corrupto, mentres en paralelo, o propagado prodixio económico se perdía no labirinto dunha crise participada pola interesada e consentida manipulación dos mercados financeiros.

Pero a pesar do exorbitante impacto social causado neste periplo de degradación e dos prexuízos repercutidos á estrutura económica. 
Cando a gravidade da situación esixía darlle unha oportunidade ao futuro, os cómplices do desastre lonxe de asumir responsabilidade e reorientar emenda aos seus erros, nun exercicio de autocompracencia deciden incentivar o seu propio descrédito como clase política, ao contrariar o sentir maioritario da cidadanía e outorgar prevalencia á ambición duns axitadores en menoscabo do sacrificio imposto aos inocentes.

Esta introdución é obrigada para desertar confusións e entrar a opinar de forma rigorosa sobre o debate do estado da nación. Ese feito que esta semana acompañou o protagonismo do Congreso dos Deputados e cuxa frustrante impresión, salvando excepcións, deixou ao descuberto a mediocridade dos membros do bipartito dominante. Cuxos compoñentes a pesar da súa aparente conflagración dialéctica non deixaron dúbida para concluír, que tanto uns coma outros, socialistas e conservadores en conxunción ou por separado, foron e son os directos responsables da comprometida situación que padece o país, coa agravante engadida, que por insolvencia política e atribuíble deslexitimación, mais que ser unha solución ao problema convertéronse no seu principal obstáculo.

Polo tanto calquera diagnóstico sobre este debate, debe circunscribirse ex profeso ás dúas faccións parlamentarias que simbolizan o PP e o PSOE, en razón ao seu peso de representación, á coincidente alternancia no poder, e sobre todo, á implicación asociada de ambos os dous como redactores materiais do que vén a ser o capítulo mais escuro da nosa historia contemporánea.

Con todo, o mais significativo do debate non foi o contido das propostas formuladas senón a negación do evidente, o que a través dun pacto de silencio se deixou a un lado por parte destas dúas formacións parlamentarias, ao só obxecto de non destapar contradicións nin ofender o mensaxeiro.

Por iso no devir do  debate,  resultou obscena  a insistente petición ao sacrificio dirixida á  cidadanía  por parte dos mesmos  que  a través dun  silencio cómplice teñen a desvergoña  de tolerar un trato avantaxado a prol de dous    sobresalientes da política española,  como resultan ser, os   ex presidentes González e Aznar, que  a pesar da que está a caer, e cando debesen ser modelos de referencia,   fóra de toda ética  néganse a arrimar o ombreiro  incrementando sen límite  os seus  ingresos  con multimillonarias  percepcións, cuxa  procedencia, dista de gardar encaixe co  mais elemental  código de conduta.


Igualmente foi unha indecencia, aproveitar este foro  de discusión parlamentaria  para  salientar sensibilidade  sobre  o paro e pedir  resignación aos afectados, mentres se encubría o outro mercado laboral,  aquel cuxo funcionamento se rexe polo  nepotismo, o enchufismo ou a afinidade política. Unha promoción de desigualdades que favorece solución lucrativa a dirixentes  políticos,  en tanto,  o resto dos  cidadáns son abandonados á súa sorte.

Expoñentes  desta  preferencia  de trato  foi  o outorgado  a destacados  cargos do agrupado bipartidista, entre os que citamos  por significados, aos  membros do  PP,  Rato, Zaplana,  Acebes, e aos do PSOE  Solbes , Salgado. Relación á que hai que axuntar  a interminable listaxe  de familiares e  altos cargos, todos eles introducidos  en empresas afíns ou en institucións públicas.

Agravios   comparativos desta envergadura, ademais de confundir a realidade, inclinan   a pensar,  que a función política é unha actividade  miserable, saturada de impostores  que só pretenden enriquecerse con ela, e por esta estendida conxunción,  non queda outra,  que concluír  afirmando que ao    debate sobre o estado da  Nación ten  de outorgárselle nula credibilidade, en razón   a ese  contaxio de degradación, que de seu,  impide poñer  solución  aos  graves problemas  que ven de soportar  a cidadanía.



15 feb 2013

CUMPRINDO, QUE DEBER ?


PUBLICADO 16/02/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Atlántico Diario; Globedia


Aquelas políticas  neoliberais  que pola súa alta dose de impopularidade  ocultáronse estratexicamente no fondo de armario  electoral, agora, pasados os comicios impóñense como obxectivo preferente.

"Non cumprín coas miñas promesas, pero cumprín co meu deber". Quen anden distraídos da actualidade política, ao ler o contido  desta introdución; pola súa carga  de evasión  e a súa  tendencia  ao  pretexto, seguramente en primeiro termo    non dubidarían    en atribuír  a súa  autoría intelectual  á mente  exaltada dun militar golpista á usanza, que despois de atentar contra a orde constitucional, optase por xustificar  o seu  episodio involucionista amparándose  nunha interesada  interpretación  do cumprimento  do  deber.

Pero contra todo prognóstico, neste caso  o autor  nin se esconde tras o anonimato nin tampouco vén ataviado con galóns   militares, pois aínda resultando  sorprendente, a paternidade  de semellante  desvarío,  ten de atribuírselle,  nin máis nin menos que    ao cidadán  Rajoy, quen para maior  proxección  de alarma,    na actualidade ostenta a  presidencia do goberno do país.

Representa pois un problema, predicir se a lixeireza expresiva  do xefe do Executivo é consecuencia  dun  puntual trastorno de egocentrismo, se a actitude de extravío  obedece á  insuficiencia de hábitos democráticos,  ou se a súa  motivación vén causada  pola confluencia   de ambos os extremos .
O que está fóra de dúbida,   é  a carga  reaccionaria   que dita  locución arrastra; por canto, resulta evidente  que  o   implícito  do seu contexto  atenta de forma intolerable e perigosa, contra o funcionamento  da  democracia e  contra a estabilidade  do  propio estado de dereito.

Proba diso, simbolízao o feito de minimizar  relevancia ao  incumprimento continuado dos contraídos que terían que estar  supeditados ao mandato electoral. Mudanza, cuxa gravidade se dispara até pasar o límite  da falsidade, máxime cando o PP  non    satisfixo  nin unha soa das súas ofertas vinculantes; circunstancia que á parte de subtraer total solvencia ao seu facer político,  por infracción manifesta, anula  toda lexitimidade ao desempeño da función executiva  do  goberno, e por riba, suprime  o  poder de representación  aos membros das cámaras de representantes que utilicen  o seu voto para referendar   aquelas accións  que por contrapostas  supoñan  a consumación  do   maior desfalco  electoral da historia democrática.

No entanto, se a infracción programática  non fose carga de desprestixio  suficiente, agora,  aquel candidato que en novembro do 2011 conquistara a vontade popular asegurando que a súa  conexión desde o goberno cos cidadáns estaría presidida pola sinceridade, a participación e a   transparencia. Resulta que  logrado o seu obxectivo,  "manda calar" aos cidadáns, e nun alarde  de arrogancia    marca distancias  a través dun  testemuño de prepotencia,  que acentúa o desengano, ao impor  que a súa  xerarquía está por encima da soberanía do Estado. Valga como alerta a tal afirmación, esa proclama   de fachenda ,  cando unilateralmente, dende a súa cobiza enfermiza, Rajoy,  decide suplir as normas de relación democrática por unha incoherente  e exasperada  interpretación do  cumprimento do deber.

Tras esa manobra de obscenidade política cometida por quen se proclamara como un presidente previsible, se enmascara a infame misión dun deber ficticio, tras o cal, se oculta a verdadeira magnitude da maior fraude electoral cometida por unha forza política, e cuxo nivel de escándalo non ten parangón de contraste na temporalidade transcorrida dende os albores da transición.

As súas graves derivacións poñen ao descuberto a escasa vocación democrática que profesan os membros do PP, aos que lles é indiferente gardar a palabra, como tamén crear distancia entre obrigarse cunha cousa ou facer diametralmente o contrario. De aí que ese recorrente "cumprimento do deber" do que tira asiduamente o inquilino da Moncloa, mais que un método de ruptura de lazos de obriga, haxa de adxudicárselle a función de sistema condutor polo que facer circular aquelas políticas  neoliberais  que pola súa alta dose de impopularidade  ocultáronse estratexicamente no fondo de armario  electoral, e que agora, pasados os comicios impóñense como obxectivo preferente.

Polo tanto, xa non cabe a trivialidade de xustificarse na herdanza recibida, agora xa todos coñecemos os resultados e as consecuencias do que Rajoy insiste en denominar "cumprimento do deber". A masa electoral está ao tanto da metamorfose do embeleco, así como da imposición lexislativa dunhas medidas inspiradas nun neoliberalismo estéril. Mostra diso son os recortes en pensións, en sanidade ou educación, ao igual que a suba do IVE e ol IRPF, como asemade o rescate á banca,  as taxas xudiciais ou os soldos dos funcionarios; medidas todas elas de nula eficacia e que para nada representa o cumprimento de deber algún, que si, a consumación dunha fraude electoral sen precedentes.

8 feb 2013

O PERFUME DA INMUNDICIA


PUBLICADO 09/02/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Atlántico Diario; Globedia



O  grave descontrol na contratación pública, é  o verdadeiro detonante  de  múltiples ilegalidades, e factor  causante  dos cada vez mais  reiterados casos de corrupción.

Neste noxo de país, cando   a maioría do  sector político  soborda  empacho  falando  de hixiene institucional, non pense ninguén  que os seus membros o fan  co obxecto de destapar  transparencia  á súa xestión, todo o contrario, o maquinan coa  intención  expresa de enmascarar a   impureza que ocultan  tras os turbios procedementos da  contratación pública.

Pois aínda resultando duro de asumir, é manifesto que tras da Lei de Contratos das Administracións Públicas,  ocúltase a  verdadeira  lanzadeira do bombardeo  de corrupción que ameaza con arrasar o país, toda conta,  que cando falamos de corrupción no sector público, non temos de esquivar que á parte do enriquecemento ilícito dos implicados, a súa afección, repercute negativamente no investimento, o crecemento económico e o desenvolvemento do país, sendo España unha mostra evidente de tal afirmación.


A pesar da  alarma social xerada pola  falta de escrúpulos desta comitiva de  corrompidos  e  que  a proliferación  dos seus desenfreos  disparou a preocupación cidadá  até  converter a corrupción   no cuarto principal  problema do país.  Aínda  con iso, aquí ninguén se dá por referido, e cando pola súa propia deriva, a   situación debese forzar un cambio na  conduta  dos representantes públicos, estes,  optan por mirar cara á  outro lado sen darse por aludidos  mentres proseguen  o  ritmo do impropio.

Aquí ninguén se inmuta, por iso, con todo o que está  a caer  mantense invariable o  grave descontrol na contratación pública. Ese mal que  afecta o conxunto das administracións, que en se mesmo, é  o verdadeiro detonante  das  múltiples ilegalidades, e factor  causante  dos cada vez mais  reiterados casos de corrupción.

Aspectos tales  como  o fraccionamento dos contratos para facilitar a contratación directa, a utilización abusiva da figura do concurso en lugar da poxa, a falta de xustificación  na elección dos procedementos, o  outorgamento  de falsas urxencias  aos  expedientes de obras, a carencia de criterios obxectivos na adxudicación dos concursos, a ausencia de publicidade e  de libre concorrencia en infinidade de contratos,  son  entre outras  as prácticas reiteradas que socavan a credibilidade do sistema  e converten  a contratación pública no maior foco de corrupción.

Sendo iso igualmente a causa  da  proliferación  dunha  interminable  relación de procesados políticos  de todo signo  e condición,  que diariamente toman cabeceira  dos titulares de prensa e cuxa erradicación é farto difícil, por canto os mecanismos de ofensiva  non funcionan apropiadamente ao depender o seu movemento  de quen  paradoxalmente  ocupan os espazos onde se referencia a corrupción. Extremo que fai entendible   que na loita contra a corrupción política  impóñase a manida  presunción de inocencia  contra  a obrigada dimisión daqueles  cargos electos que por desviación de conduta  resultasen formalmente imputados

Cando os estamentos do país  desde o marco institucional e a través da  opacidade,  proxectan a estendida percepción  que a corrupción  domina aos mecanismos do mercado, nese momento, o político  coa súa mala praxe outorgaría carta de natureza  ao  corruptor ,  pois  os empresarios involucrados, a pesar do risco de afrontar un camiño tortuoso,  desviaranse  da disciplina legal  implicándose na arbitrariedade  procedemental.  Alternativa forzada  pola subsistencia   do funcionamento empresarial e  non  incorrer no tropezo do estancamento que conduce á extinción da actividade. Método pouco ortodoxo e totalmente censurable;  pero que incuestionablemente, ten como verdadeiro  promotor a unha clase política,  que exerce de tahúr, impondo participar nunha partida onde se xoga con cartas  marcadas.


O retrato da actualidade política non pode ser mais desolador, pero a pesar diso e  do empeño  dos elementos causantes da situación, temos  de afirmar      que a corrupción  non é inevitable.  Pódese limitar, débese  controlar, hase de erradicar; e isto ten de ser así, se estamos dispostos  a salvar a democracia como capital  irrenunciable en atribución ao feito que nos outorga ser os donos  do noso destino.

Xa que logo, non debemos  conceder  mais prórroga a quen esgotaron  a confianza dos cidadáns, a quen  aproveitaron a función política para satisfacer  as súas propias finalidades.Nós, a sociedade civil,  temos a chave para impulsar o cambio necesario, e tamén a responsabilidade   de esixir    o desaloxo da actividade  política de quen perdeu toda  confianza  para  o estrito control do diñeiro público e a quen extraviou  o esencial  código  de conduta  que require  a dedicación á cousa pública.

Por iso que a cidadanía deste país non debe estar exposta  ao contaxio forzado que supón ter que  inhalar  o noxento perfume da inmundicia política.




1 feb 2013

ESTALEIROS EN DECLIVE


PUBLICADO 02/02/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia


A decisión de abandonar a execución do dique flotante, contrariamente á versión adúltera que agora se intenta vender, foi unha disposición política tomada en exclusiva polo Partido Popular, co pertinaz empeño de saldar o sector naval da ría ferrolá.


En asuntos políticos, deixarse ensimesmar pola mentira cando se coñece de antemán  a verdade  é unha  actitude  propia de imbéciles, de individuos   de escasas luces ou de marcada tendencia ás profecías. Por iso, entre persoas aparentemente  espertas, resulta incomprensible o seu  ostensible enfado  ao tomar coñecemento  da negativa  do PP en afrontar  a construción do dique flotante para Navantia,  cando antes de facerse público o rexeitamento, tal resolución,  xa era un clamor a voces, e por iso calquera intérprete por neófito que fose  debese traducir anticipadamente este desenlace, pois por extrapolación do  seu proceder rutineiro era un todo evidente que esta organización  política  faría todo o contrario  do ofertado electoralmente.

Por iso é de torpes considerar que o  naval ferrolán tería de ser un  verso solto, cando resultaba  notorio que  as estrofas redactadas  polo   partido conservador  manteñen idéntica secuencia nas súas rimas, dominadas por asonancias tales como  a mentira, o discurso  contraposto ou a omisión  programática. Sendo  exemplo expresivo da súa obra,  poemas tan  hostís   como  a reforma laboral, a destrución empresarial, os recortes en sanidade  e educación, a inxección de diñeiro público na banca privada, a amnistía fiscal    e todo un cúmulo de despropósitos    aos que por ostensible dedución, era visto que estes indolentes,  tentarían  engadir  o desmantelamento definitivo do sector naval.

Non obstante, sendo remisible o feito de ter outorgado confianza aos vaticinios, tema distinto é ter que tragar a posteriori coa autoproclamada inocencia dos cómplices. Con esa evasión que en evitación de fugas de reputación, sistematizan os políticos autonómicos, comarcais e locais do PP, a través dunha burda estratexia, consistente, en aparentar o papel de decepcionadas vítimas, e á vez, intentar confundir á cidadanía aducindo por toda xustificación, a necidade, de facer recaer en Navantia a culpa de tan adversa resolución; torpe manobra dirixida dende o aparato do partido, ao obxecto de saír airoso camuflando toda responsabilidade política.
Claro que tirando de tan absurdo argumento, tamén eu por agnóstico, seguramente sen decatarme, resultarei ser o bispo de Canterbury.

Aquí non caben encíclicas nin epístolas para crédulos, como tampouco alegacións incoherentes, por canto, a decisión de abandonar a execución do dique flotante, contrariamente á versión adúltera que agora se intenta vender, foi unha disposición política tomada en exclusiva polo Partido Popular, co pertinaz empeño de saldar o sector naval da ría ferrolá.

Determinación, que á parte de merecer  unha contundente repulsa, obriga a rescatar  o debate para traer a colación, tanto  a  cuestionada lexitimidade  que acompaña esta posición, como a controvertida autenticidade democrática do acordo desestimatorio.  Por canto  debemos  constatar , que o triunfo electoral do PP creou  ao actual   Executivo  un vínculo de obrigado cumprimento  co sector naval  en razón a senllos compromisos programáticos, como eran, a construción do dique flotante  e  o levantamento do veto. Representando  o abandono  destes contraídos,  unha infamia  que reviste  de nulidade  a expresión outorgado polas  urnas,  feito  que  ao suceder, ademais de consumar unha fraude electoral  adxudica á decisión a condición de afronta    política.

Nun procedemento  escudado  na falsidade  e a  mala praxe, o Partido Popular burlouse desta comarca  ao negar agora   o seu apoio  a unha demanda esencial  para a  continuidade dunha actividade estratéxica e por tanto  vital para  a sustentabilidade económica  e laboral. Nin unha cousa nin a outra, nin  construción do dique, nin levantamento do veto, este foi o veredicto deste tribunal "popular", unha  sentenza  que ten por única meta   suprimir a   continuidade da actividade naval, utilizando a dinámica de baleirar a carteira de contratación  e inducir con iso a  inactividade    que  xustifique  a desaparición do sector. 
Queda visto pois ,  que o PP nunca albergou interese algún por defender o futuro dos estaleiros, só aproveitouse da súa manifesta eventualidade para lograr rendementos electorais; estratexia que contou coa participación dos seus  aliados mediáticos na  temporalidade das campañas electorais, onde Rajoy e Feijoo,  rendibilizaron o resultado deste  deplorable  artificio.

Por iso, a pesar desta planificada adversidade,  a masa social da comarca de Ferrolterra  non se pode dar por vencida, pois non  é época  de distensión; agora mais que nunca é tempo obrigado  para reaccionar ao unísono, utilizando se é necesario a confrontación social para frear esta nova  fase  de demolición, este colofón de destrución masiva que representa  ser  o capítulo final  dunha morte anunciada tres décadas atrás. De non proceder en consecuencia  repetiremos erros pretéritos, co agravante que  esta vez non só seremos as vítimas  senón tamén os  culpables.