24 abr 2011

22 M: OPORTUNIDADE OU CONTRATEMPO

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 30  de abril   del 201






Coa celebración electoral na próxima xornada do 22 de maio, formalmente márcase un novo fito na historia do municipalismo, pois coa finalización da oitava lexislatura xa son 32 os anos de continuidade democrática das corporacións locais do noso país, notable circunstancia, senón estivese enturbada pola coincidencia no tempo co peor dos escenarios que viven as facendas publicas locais.

Desde os primeiros comicios do 3 do abril do 1979, por esa realidade evidente de ser a administración máis próxima ao cidadán, as competencias adxudicadas aos municipios sufriron unha alteración substancial, pasando da orixinal prestación de servizos básicos que determinaba o regulamento xurídico da época, á asunción das conferidas na  actual realidade, que converte aos entes públicos locais, en estruturas revestidas de xurisdición pero espidas de eficacia, por canto a asunción de novos labores desde súa orixe non foi asistido da transferencia ou habilitación económica necesaria.

Tal eventualidade propiciou un déficit inducido, que resultando ser sen paliativos unha incongruencia desde unha óptica financeira, aínda tendo en descargo a tipoloxía ou encadre social da súa razón xeradora, por canto os desaxustes orzamentarios na  materia, aínda provindo de actividades alleas ao marco de competencias, viñan empuxados polo desenvolvemento de actividades de primeira necesidade, emerxencia  social ou accións formativas ocupacionais, etc., etc.

Pero isto acontecía no período 79 -87, cando o expoñente de representación estaba conformado por uns persoeiros con entroncado compromiso social, por canto, na súa maioría foran parte dinámica do cambio ou transición, e por iso, nas súas actitudes políticas pesaba mais a inquietude e convicción que o interese crematístico.

É a partir desa etapa cando salvo contadas excepcións, na gran maioría de municipios, as políticas de contención do gasto público antóllase inexistente, ao proliferar o malgaste sufragado sobre contraídos de endebedamento que paradoxalmente foron  utilizados para custear o gasto corrente, método, que converteu as fisuras contables de tempos pretéritos en anécdotas irrelevantes.

Nacía pois a fase negra do municipalismo, onde os representantes políticos rompían a moderación do gasto do período anterior para instaurar o endebedamento anacrónico como norma estable, e por riba, o mercantilismo  da actividade política sobre emolumentos excedidos co acompañamento desaforado dun tropel de liberados, asesores e cargos políticos de confianza.

Agora cando se aveciñan os novos comicios, é obrigado arquivar o guión da fantasía utilizada polos artífices da desfeita, pois a tempo presente, lamentablemente en razón os excesos cometidos, a insolvencia dos municipios toma dimensión xeneralizada, existindo casos no noso ámbito xeográfico, de circunstancias extremas  que delatan ás claras situacións de quebra técnica, véndose recentemente obrigada a Federación de Municipios a mediar, para que certos concellos puidesen satisfacer o pago das nóminas do seu persoal.

Pero se a antesala dos comicios debese ser tempo reflexivo para erradicar a insensatez e marcar un distingo para o futuro dos municipios, resulta que contra toda lóxica os candidatos concorrentes colgan o código ético na percha da aparencia e por cativar o voto seguen escamoteando a realidade os electores. 

Parece coma se alguén se negase asumir que en todo o que ocorre neste país a crise ten un  papel estelar, por iso, pensar que os mercados financeiros que se cebaron sen compaixón desde mediados do 2008 coas economías domésticas e o trenzado produtivo, ían pasar no bico dos pés sobre as contas dos concellos, só podía ser concibido polos obxectores  de testemuños, que resultan ser, os mesmos que manteñen un trato discriminatorio ás corporacións locais.

Un dos maiores responsables da situación correspóndelle a un asiduo visitante, que en época electoral parece sentir un especial atractivo por esta comarca e refírome ao vicesecretario do PSOE, Sr. Blanco, quen é consciente que a crise politicamente excedeulles, xa que logo, como  súa incidencia é letal para os réditos do seu partido, o debate sobre a mesma debe erradicarse.
Por tal motivo desde as competencias que lle atribúe  súa xerarquía, promoveu un cambio na estratexia electoral do PSOE consistente na supresión de toda  referencia á precaria realidade económica do país, e xa que logo á dos  concellos. 

Mais, a  quen    non lle agradan as medias tintas e moito menos a falsificación do evidente, considera,  que mais que ocultismos neste asunto, resulta absolutamente inaprazable a posta en marcha dunha actuación transparente e urxente, para instaurar un novo sistema de financiamento local que proporcione suficiencia e autonomía económica  para os entes locais.

Mire vostede Sr. Blanco, para engano xa abondou co veto de Astano, agora xa non está o alcacer para gaitas, e recórdolle  que o único que historicamente  negou o pan e a sal a esta comarca foi súa organización política, e dicir, o PSOE.

15 abr 2011

PÚBLICA OU IMPÚDICA

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 16 de abril   del 2011



As resolucións da contratación pública na nosa Galicia, cheiran a podrecido, por iso resulta urxente a constitución dun órgano de inspección que aleatoriamente verifique e contraste as actuacións das Mesas de Contratación, arrogado de facultades para a suspensión do procedemento de licitación no suposto de irregularidade manifesta e atribuido de facultades para  dar traslado á xudicatura.
..........................................................................................................................................

As noticias divulgadas unha vez levantado o segredo do sumario da escandalosa operación Orquestra e transcendido o contido detallado do mesmo, obviamente, a calquera empresario que concorra aos procedementos de contratación das administracións públicas, impónselle como mínimo un exercicio de reflexión sospeitosa, por canto, a inconcibible natureza dos feitos convértese en factor detonante de alarma social. 

 Se por avatar ou coincidencia descubriuse unha trama corrupta de adxudicación de obras burlando a esixencia do cumprimento regulado dos procedementos administrativos, por inercia, tan accidentada continxencia xera a natural desconfianza que proxecta un sentir de receo xeneralizado, deixando en dúbida a concepción de excepcionalidade casual, albergando cabida a pensar que tales métodos ten sinal de práctica usual. 

 Os sorpresivos acontecementos que en primeiro termo aparentaba ser unha cortina de fume sen demasiada consistencia, para sorpresa de veciños e estupefacción xeral, traduciuse non só na implicación duns crápulas metidos a políticos exercentes de alcaldes e concelleiros, senón que a dimensión e escala do entramado, aparte, arrastrou ata o esterco da indecencia a técnicos e funcionarios municipais, sobre os que se desprende participación activa como artífices nas turbias manobras de infracción dos procedemento de contratación a favor dunha empresa adxudicataria, que en pago, satisfacía suculentas peaxes como pago de favores polos tratos de vantaxe recibidos.

 Tamaño quebrantamento non fai máis que incrementar o grao de desconfianza que envolve a contratación pública, resultando que con anterioridade aos referidos acontecementos da Costa da Morte, a detección de irregularidades procedimentais na baremación das ofertas de licitación resultaba un todo habitual, sendo sistemático a comisión de arbitrariedades na pluralidade institucional, que por se mesmo supón a inobservancia das determinacións que establece a lei 30/2007 de Contratos do Sector Público. 

 O encontrón entre a teoría e a praxe resulta palpable, transcendendo sorpresivamente o regateo de deberes contractuais que por imperativo legal teñen condición de obrigado cumprimento, resultando pasmosamente contraditorio, aspectos como: 
 A adxudicación sen recoñecemento de audiencia a licitadores en situación de baixa desproporcionada - a incorporación de ofertas excluídas previamente durante a apertura do sobre económico, cando xa era de público coñecemento a puntuación do sobre técnico - a alteración de puntuacións sobre alegación de erros materiais de cálculo - a ocultación dos resultados de valoración nas plataformas de contratación - etc, etc.; aspectos estes que transfiren aos procedementos, nulidade de pleno dereito, sendo sorpresivo que por parte das asesorías xurídicas das mesas de contratación, non se promova a advertencia preceptiva sobre desaxuste a determinacións legais.

 Pero se a tramitación adoece do rigor necesario, resulta cando menos máis sorprendente o uso e abuso que as administracións públicas utilizan á hora de seleccionar a modalidade de contratación, impóndose sobre maneira, a tipoloxía do procedemento negociado cuxo contrato é adxudicado a empresario elixido pola propia administración contratante que paradoxalmente resulta recaer en empresas foráneas, é dicir, que foron seleccionadas polos representantes políticos noutras partes da xeografía, sen considerar as empresariais de radicación xenuína que resultan estar exclusivamente para pagar os impostos. 

 As administracións, debesen obrigarse consultivamente á opinión das asociacións empresariais como representantes da masa licitadora, a fin , de determinar os sistemas de contratación, que salvo excepcións xustificadas, como regra xeral, debese estar presidido polo procedemento aberto como garantía do principio de publicidade, transparencia e concorrencia que debe rexer a contratación pública. 

 A xulgar polos repetidos escándalos, as administracións públicas non poden ser a ultima peza da resolución contractual, por canto tal circunstancia como queda farto demostrado deixa chave aberta á comisión de excesos, irregularidades e corrupcións, sen que os prexudicados teñan garantido seguridade xurídica dos seus dereitos en vía administrativa, por canto, na actual conxuntura pódese dar a dicotomía, que quen incorre en delito teña atribucións conferidas para a resolución do recurso potestativo de reposición.

 Por todo iso resulta urxente a constitución dun órgano inspector, cuxos compoñentes, de modo aleatorio e por método de sorteo, sen previo aviso, acúdan á institución que resulte, ao fin de supervisar os expedientes de licitación antes da adxudicación definitiva, verificando o actuado polos membros da Mesa de Contratación (rama - técnica, xurídica e política), debendo estar atribuidos de independencia funcional e competencias de traslado á xudicatura se as circunstancias inducíseno. 

 Os muros que deslindan o ámbito das institucións non poden resultar infranqueables, debendo considerarse esta iniciativa inspectora como unha fórmula de apertura á transparencia, e tamén, como un eficiente e necesario antídoto para políticos e funcionarios con descoidada moralidade.

9 abr 2011

DESCOIDADA COMPOSTURA

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 09de abril   del 2011




Consello a visitantes

Cando encasillamos noso pensamento na ambigüidade discordante entre dereitas e esquerdas, a neutralidade analítica sucumbe ante o delirio tendencioso, e nosa capacidade critica,  é suxeito dunha  parcialidad exaltada que incrementa intransixencia e limita a razón.

 Xa que logo, se o lector non ten superado esta dicotomia, mellor non siga lendo o contido do presente, pois se o fai, seguro que no seu implícito apareceránselle os demos  dos seus arrebatos, que situarán a este  autor, na bifurcación  bautismal como retrógrado ou  sublevado.
...............................................................................................................................................
ARTIGO DE OPINIÓN

A historia que á fin e ao cabo é o resultado de conxugar o pluscuamperfecto en tempo presente, achega as efemérides con certa aureola de terxiversación, cando os actores participantes nos acontecementos consideran que a exactitude dos feitos pode prexudicar seu prestixio e renome, ou cando ven rodeada de circunstancias que poidan influír negativamente na reputación ou integridade dos membros dun entramado de poder.

Por iso á historia hai que deixala pousar, ocórrelle como ao bo reserva, canto mais envellecido mellor se antolla súa calidade, claro que tamén a tendencia  neste caso establece distingos  substanciales, pois mentres a historia ten versións variadas en función do seu  interprete, as excelencias do viño tan só pode adxudicalas colexiadamente o selecto padal dun prestixioso sumiller. 

Contando que meu nivel como catador, ten como maior virtude a limitación de percepción de exquisiteces e a negación en saber determinar o ano de colleita, é por iso, que prefira decantarme por traer a colación aspectos da nosa historia contemporánea, e por razóns que se concluirán, o protagonista desta relato sae do anonimato temporal para tomar corpo de actualidade, refírome ao ex-ministro de Economía e ex-comisario de Asuntos Económicos e Monetarios, Pedro Solbes.

Este coñecido profesional das finanzas, ten no seu haber a enoxosa deshonra de ser o responsable directo da deterioración económica do noso país, e non tanto como promotor causante dos factores inductores, senón como artífice directo, ao promulgar aos catro ventos a inexistencia da crise, cando correspondía estar tomando medidas paliativas para a estabilización e contención económica.

Pasado o tempo, agora sen ambaxes é a propia historia quen vén destapar a manipulación da realidade, o esperpento daquel deleznable debate televisivo pre electoral, no que as sombras impuxéronse ás luces, e onde o presumido prestixio do responsable económico do goberno quedara en evidencia.

Resultaba pois, que aquel sexaxenario alacantino que negara incorporación militante ás siglas do PSOE, actuou dando cobertura á ambición dunha vicepresidencia e a vanglória  ministerial, e así, a través de subterfuxios e fantasías, logrou cativar a vontade dos electores e con iso prorrogar a estancia socialista no executivo do estado.

Aquele despropósito audiovisuai, publicitado dramaticamente como lección maxistral, tivo na persoa do presidente do goberno o alumno máis avantaxado, por canto cos seus feitos demostrou ser o primeiro convencido e proba diso foi a súa contumaz negativa en admitir a existencia da crise, ata que o imperativo externo impúxolle un obrigado encontro coa crúa realidade.

Ao astuto Solbes falloulle a táctica, e o que fora unha estratexia electoral converteuse no bumeran do seu propio cesamento, pero aparte daquelas xenialidades de caducidade extinguida, durante súa estadía no executivo de Zapatero, hai un aspecto relevante que quedou difuminado no tempo e por razóns coincidentes co divulgado futuro profesional do ex ministro de Economía resulta obrigado activar.

Recordarase a posición de Manuel Conthe presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) no conflito de Endesa, cando manifestaba para público coñecemento que o organismo regulador, tiña recuado,  dando marcha atrás na súa decisión inicial de sancionar a Enel e Acciona pola súa estratexia na toma de control da eléctrica española.

Por devandita razón en consecuencia, Conthe, deu un exemplo de integridade e fixo o procedente, e decir, o que no se fai neste país, que non foi outra cousa que  presentar súa dimisión irrevogable, cuxa consecuencia desatou que os mentideiros chegasen insinuar que o expediente iniciado polo dimitido contra Enel e Acciona por fraude de lei, fora suxeito dunha vendetta do seu propio valedor que resultaba ser o vicepresidente Solbes.

Aquela rocambolesca operación ateigada de intervencionismo con tolerancias políticas, aquiescencia dos órganos reguladores, fraccionamentos e pingues dividendos, resúmese con dicir, que noso maior referente enerxético, nun contrasenso sen precedentes, en formato de regalía foi a parar a mans do capital público italiano, Enel.

Pero esta complexa historia achéganos un novo desconcerto, cando a tempo presente  os medios informativos fan público  a sorpresiva noticia que a firma italiana Enel premia a Solbes cun posto no consello de Administración da compañía enerxética, argumentando como xustificación, que a incorporación do ex ministro achegará moito valor á composición do Consello e a Enel, por canto a compoñente española  na mercantil  é moi forte.
É obvio que sobran insinuacións, pero visto a lameira na que sumiu a economía española, non creo que dito nomeamento obedeza a un recoñecemento de eficiencia profesional, mais ben dá que pensar perversamente.

De calquera xeito,entendo que  a discrepancia non debe estar enemistada coa educación e boas maneiras, xa que logo, vaia por diante miña felicitación polo éxito acadado..!


1 abr 2011

FENE VAISE A PIQUE

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 02 de abril   del 2011



É de todos coñecido que os políticos locais para non incorrer en despropósitos ou incoherencias en materia de lexislación, teñen garantida asistencia a través dun staff de funcionarios de carreira, dispostos a impartir asesoraría técnico - xurídica nos procedementos administrativos de cantas actuacións e acordos promovan os gobernantes, séndolles obrigado igualmente advertir aos membros do executivo municipal dos supostos de ilegalidade, cando estes, veñan dispostos a realizar actos ou contraer compromisos desaxustados do ordenamento xurídico. 

Nun concello onde o sistema de relación institucional entre os representantes políticos e o corpo de funcionarios resulta ser apropiado, a estabilidade acompaña a vida municipal e os resultados tradúcense na inexistencia de infraccións, e xa que logo, a limpeza dos procedementos é inmaculada; pero se circunstancialmente o concello en cuestión correspóndese co de Fene, entón, ocorre que por acción ou omisión, a súa maioría de esquerdas, “progresista de comenencia” PSOE, BNG e EU, confunden interesadamente meridianos con paralelos e esta alteración de coordenadas sitúalles nas antípodas da legalidade. 

Nesta planificada confusión, todo apunta á inexistencia de informes preceptivos dos técnicos competentes, carencia, que sen estar exenta de responsabilidades, aparenta ser o amparo político para promover impunemente, vía temeridade, unha ampla sucesión de actuacións desaxustadas a dereito.

Pero se transcende como contraditorio que tales circunstancias ocorran nun concello gobernado historicamente por unha esquerda, cuxos membros na oposición
fanse copartícipes de  infraccións, mentres alardean de valores sociais e conduta política intachable, mais contundente  resulta precisar, que a repetida inobservancia, ademais  da implicación do propio Alcalde como máximo mandatario e demais membros do seu goberno, ten na persoa do concelleiro de urbanismo seu máximo causante.

Agora a este edil, pertencese que non á Comisión de Goberno, aparte da esixencia de responsabilidades derivadas de supostos actos de ilegalidade, antóllase obrigado resucitarlle súa condición de
cabecilla na cruzada interposta noutrora contra o veciño concello de Mugardos, polo outorgamento regulado e axustado a disciplina da licenza para o asentamento da planta de Reganosa. 
Toda unha mostra de inconsecuencia por canto nun exercicio de imprudencia, agora, vén destapar que súas denuncias a terceiros entraban en colisión coa anarquía que sustenta seu  facer en propio feudo.

Aquela desmaña moral sen fundamento, utilizada para levar seus antecesores ante os tribunais con resultado de absolución, os falsos testemuños contra os seus opositores instigando quebrantos persoais e o todo vale usual, foi o método que presidiu a turbia conduta de quen leva na súa xenética política, identidade desertora, léase senón a súa mutación militante.

Baixo esta tutela, en Fene veuse de  substituír a disciplina pola arbitrariedade, e o Plan Xeral de Ordenación como carta magna determinante das directivas  do facer municipal, atropélase a cotío, sentando precedente súa aplicación cando compete a intervencións públicas, por canto, goza dun singular código de tolerancia que converte en atípico o planeamento xenuino, razón que recomenda urxente intervención fiscalizadora e correctora en evitación de danos e prexuízos derivados.

Coa autoría do goberno local do PSOE e o silencio cómplice do afín compadreo de EU e o BNG, tanto se posibilita achicar a sección viaria dunha travesía urbana de alta densidade, como camuflar unha actuación de nova apertura tras un expediente de rebacheo, diversificando disparates coa entrega a un terceiro de solo público sen probada pertenza nin titulo xustificativo de propiedade, ou para superar o colmo do paradoxal, ser a propia administración quen a través dunha adxudicación de obra, semella ter utilizado diñeiro público para realizar actuacións de carácter privativo. etc.,etc.

Non deixando ser un feito colateral, a coincidencia, que os beneficiarios de certas atrocidades urbanísticas, manteñan relación parental con activos militantes da esquerda municipal.

Pero se o ata agora consumado reclama luz e taquígrafos en vía de expurga de responsabilidades, resulta que o marco das inconsecuencias non ten moderación, sendo capaces a tempo presente de sacar a exposición pública proxectos de rango supra municipal que contraveñen o réxime normativo. 

Fene, que urbanisticamente ten navegado desde o ano 79 con ruta fixa e probada estabilidade, nos últimos tempos, coa toma do mando dun inexperto capitán e o enrolamento dunha tripulación sen oficio, polas súas malas artes de estiba, corréuselles a carga, provocando unha perigosa escora a babor que ameaza con botar a pique aquel navío que en razón da súa eslora, fora o buque insignia do municipalismo galego.

Con semellante historial, a confianza electoral na esquerda, resulta lóxico cotice á baixa.