16 feb 2011

HEREXÍA DIVERXENTE

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado,26 de febrero  del 2011






Os  datos demoscópicos relativos á intención de voto, poñen ao descuberto que  unha boa parte do electorado, frustrado e farto do desgoberno e o despropósito socialista,   decidiu   pasar factura ao actual  executivo por entender a existencia  dun acto de estraperlo electoral nas  vésperas    dos últimos comicios.

Por canto a tempo presente,  é unha realidade  probada,  que por ambición desmedida en manter    estadía na  Moncloa, o actual executivo, promoveu a ocultación de datos relevantes sobre a delicada situación económica que atravesaba  o país, cuxa transparencia e anticipada posta en coñecemento,  á parte de variar  os resultados  electorais, tería sido a clave  para atallar coa anticipación debida  o que por clandestina inadvertencia xerou un gravísimo cambio de ciclo da nosa estructura económica, que hoxendía   ameaza con encorarse   na permanencia.


Tal circunstancia sumada ao factor tempo, veu demostrar  que a unha organización que ten por norma,  lucir  rótulo  de talante  publicitario, lle patina  a  observancia aos códigos de conducta a mais non poder.

Tal condición faia capaz de que usualmente tente sacudir responsabilidades, aínda que para iso teña de imputar aos seus opositores a paternidade dun conflicto, concibido por obra e graza das súas lixeirezas políticas.

Agora acontece  que a  desvergoña  ten superado o colmo, e coa adhesión sindical, chegouse ao extremo de disfrazar  de pacto  social, as drásticas  medidas que por mandato exóxeno houberon de imporse como solución forzada, para frear a intervención financeira provocada polo oficialismo das súas  mentiras, e o irreflexivo dos seus excesos.


Pero a pesar de semellante historial, e de que  a factura do  balance de goberno é altamente  negativa,  (un  estado do benestar baixo mimos, un índice de paro  superando o vinte por cento, as pensións en franco retroceso, a débeda externa estancada en 1,8  billóns de euros, é dicir, no 170% do produto interior bruto (PIB),etc.,etc.), os membros do actual executivo veñen dispostos a dar a batalla e defender até as últimas consecuencias súa permanencia á fronte do goberno, e por tanto, sabedores que as eleccións do próximo 22 de maio, pola tensionada situación política do país  e a delicada conxuntura económica, modificará a  tendencia proclive  do  voto á persoa   para inclinar  disposición polo sufraxio político, é por iso que á marxe  dos indicadores  negativos, no PSOE, son chegados,  a xogar  súas bazas  até as últimas consecuencias, para salvar o seu futuro político, por canto os resultados acadados  serán determinantes para inclinar  balanza de xenerais  do 2012.

Pois ben, a xulgar polas conclusións emanadas de senllas convencións (autonómicas e municipais), sen esmerarse en conclusións analíticas,  pódese afirmar sen risco ao equívoco,  que a estratexia dos socialista en aras a subtraer contía á notoria diferenza  demoscópica, á parte de proxectar á sociedade unha imaxe de estabilidade e harmonía como grupo, consiste, en pasar folla  ás nefastas políticas anteriores, borrando da mente do  electorado o lastre da súa existencia, para alternativamente  vender  o propagado  “pacto social” como  un acto de responsabilidade e táboa  salvación de todos os males;   utilizando complementariamente  a mensaxe de creación de postos de traballo como referente  estrela da súa campaña  de axitación; sendo casualmente esta última circunstancia, o expoñente manifesto de que  os socialistas veñen dispostos a repetir a súa fazaña de enganos.


Por mais que se tente proxectar como un éxito e resultado bo facer e madurez do executivo do estado, o tan levado “pacto social” para nada nace como  unha fórmula reactivadora da economía e o emprego,  pois en realidade son  medidas de reaxuste e contención  impostas desde o exterior polo mercados financeiros e bolsistas con arbitraxe  disciplinar aos ditados de Alemaña como economía líder da zona euro, e todo iso, en evitación  de ser suxeitos de intervención en rescate  como consecuencia de ter gastado sen control e superar en demasía o déficit orzamentario que contraven   os acordos económicos europeos.


Por tanto,  ás situacións por complexas que aparenten  hai que adxudicarlles  a denominación adecuada e perder a manía de utilizar as malas mañas  para confundir  a realidade.

Aquí non hai mais leña que a que arde, e o  político aspirante que teña  por historial a incapacidade limitativa de pór solución  aos grandes retos do país, vén obrigado  a proceder en consecuencia e abandonar súa  labor parasitaria, por canto o interese xeral ha primar   sobre mediocridades particularistas de quen fai da política a súa solución de vida.


O PSOE en só tres anos, transformou unha crise conxuntural nun cambio de ciclo, que en se mesmo non é outra cousa que unha crise exponencial de dimensión ilimitada e   temporalidade incerta, sendo súa maior complexidade a destrución  do soporte produtivo que mantivera as constantes   de emprego  até datas recentes.


Por tanto a recuperación  do mercado laboral e a  creación de emprego han ser algo máis serio que un testemuño no  programa electoral de quen ten  no seu haber  o record cuantitativo de cinco millóns de parados. As políticas de dinamización e estabilización   ocupacional, precisan dunha revisión xeral  do caduco modelo produtivo existente, e o deseño, desenvolvemento  e posta operativa dun novo patrón do mercado laboral, organizado   por sectores  produtivos diversificados e axustado á realidade do noso presente e á planificación do noso futuro.


Este obxectivo  debe vir precedido dunha  condición apremiante  e dun  consenso político comprometido e responsable, debendo contar de xeito imprescindible, coa reciprocidade do mundo empresarial como motor dinamizador. Pois o emprego á parte dun  dereito individual,  é  o resorte máis efectivo  da estabilidade e do  equilibrio social e a chave do rexurdimento da nosa economía.

Xa que logo, a situación demanda máis tenacidade resolutiva e menos  tendencia   á pecaminosa herexía diverxente, que resulta ser norma usual de comportamento que os políticos socialista  converten en hábito  en  vésperas electorais,
como cebo para inxenuos e despistados.

9 feb 2011

A MAGDALENA VEN ABAIXO

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado,12 de febrero  del 2011


En calquera urbe, por aquilo da corrección e compaxinada convivencia,  é obrigado que os transeúntes  nos  seus desprazamentos polo interior da cidade garden disciplina de norma,  resultando obrigado por exemplo,  que antes de cruzar un paso de peóns respéctese escrupulosamente a regulación semafórica ou na súa falta, contrástese de xeito visual a inexistencia do factor obstáculo en evitación de prexuízos derivados, é dicir, antes de cruzar a rúa os peóns por anticipado   han poñer os cinco sentidos no seu empeño.

Pero se o viandante en cuestión  realiza seu itinerario  polo barrio da Magdalena do Concello de Ferrol,  entón  ese perigo  cotián, pasa  de condición preventiva  a risco  de contratempo   imprevisible, por canto aos  tránsitos terrestres de sostido horizontal,  haberá de engadírselle os aéreos de verticalidade inadvertida,  ocasionados polo  esborralle de edificios que cada día con mais asiduidade pasa  de ser unha continxencia fortuíta  a un transo permanente.

Os camiñantes  que circulen por calquera  das rúas do centro histórico de Ferrol e mesmo polo Ferrol Vello e a Graña, están cada día mais expostos  a sufrir nas súas  propias carnes o impacto perpendicular por caída libre, ven sexa dun vidro que se desprende, un canlón que se solta, un canzorro  que se esborralla ou se cadra unha galería que se derruba; pois aquela cidade esplendorosa do século XVIII, a tempo presente leva vía de converterse  nun expoñente colectivo dunha ruína inminente, e todo iso,  ante a desidia dos titulares residentes e o deixamento duns políticos mais preocupados en debater liderados e disputas sobre  xerarquía nas listas electorais que pórlle remedio á deterioración dun barrio que vén abaixo.

Esta fatiga urbanística  que padece na actualidade  aquel  emblemático barrio de A  Magdalena, aínda  asomando  seus males no escenario contemporáneo, ten seu verdadeiro factor de desencadeamento no  artificio da súa xénese, por canto,  as causas que motivaron seu nacemento tiveron unha vixencia de limitada   temporalidade, e tal   circunstancia produciu un efecto inesperado, pois súa posterior caducidade,  desencadeou unha descapitalización do funcionamento da cidade  e das súas potencialidades, e esta é a razón que non outra, pola que en só  nun cuarto de milenio, o emblemático Ferrol da Ilustración do Século das Luces, tornou súa condición  de prosperidade polo deslustre de actual Século das Sombras.

Insisto en por especial énfase neste feito, xa que a noutrora capital marítima, agás súa zona vella, non tivo súa orixe  como cidade  nun referente clásico dos asentamentos urbanos, senón que súa causa foi unha excepcionalidade  que  atendía a  un modelo  urbe modular deseñada de forma expresa  en razón a circunstancias conxunturais, e tal condición  induciu un crecemento desaforado e unha recepción migratoria sen arraigamento xenuíno e sen o raizame    que outorga   a identidade lexítima das cidades enraizadas, sendo notorio que desde súa cimentación   as novas plantas edificadas no barrio  foron maiormente residencia habitual  dunha burguesía militar e de acomodados  funcionarios civís dependentes  da actividade castrense, como tamén en menor  medida, por un  foráneo gremio de comerciantes

Non exenta de altibaixos e de crises puntuais, a estabilidade da  cidade departamental mantense  até a última década    do século XX, cando  a modificación da xerarquía marítima da  cidade tradúcese na   desaparición dá Zona Marítima do Cantábrico e dos seus órganos administrativos, esta circunstancia fixo que a estabilidade demográfica conxuntural promovese un cambio migratorio que minguou no substancial o censo residente do barrio,  e por derivación seus índices de habitabilidade, razón  que resultou ser o factor desencadeante da deterioración dunha gran contía de edificios, sendo a persistencia e ampliación da devandita situación o factor clave   do  incremento de escala e dimensión do número de edificios propensos á ruína.

A circunstancia exposta deu entrada á denominada diminución patrimonial inducida,  caracterizada, pola depreciación do mercado inmobiliario por saturación excedente da oferta  dun cuantioso parque  de vivendas abandonadas de uso  por imperativo de deslocalización, consecuencia da mobilidade xeográfica forzada, que xerou desprazamento a novo destino profesional dos anteriores residentes que mantiñan  titularidade inmobiliaria no barrio,

Chegado a este punto, hase dicir sen sutilezas que salvo excepcións, a gran maioría dos titulares de edificios cuxo precario estado demanda intervención de rehabilitación, por mais vontade que manifesten e mais empeño que mostren, a realidade é que polos avatares expostos, carecen  dos medios necesarios para afrontar con economía  propia o considerable desembolso que require unha actuación interventora desta envergadura, habendo de engadir  a iso  a demostrada carencia de sensibilidade da administración ao reducir de forma substancial liñas de axuda para a rehabilitación  e igualmente en escaso  compromiso interventor das entidades financeiras para esta tipoloxía de actuación.
Ao fío do exposto, é evidente que o horizonte pinta escuro  e o perigo para os viandantes manterá unha  prórroga permanente, a solución  á parte de devolver as liñas de axuda a seu estado orixinal,  pasa por modificar a lexislación rehabilitadora e os plans urbanísticos xenuínos.
.
A clase política está obrigada  mudar conceptos,  pois é inadmisible que a tempo presente e despois do probado fracaso do desenvolvemento rehabilitador do barrio, sigan concibindo o centro histórico da Magdalena como  un museo cuxa conservación  ha manterse a ultranzas, sen caer na conta, que si os graves problemas urbanísticos da zona  non se resolven con cosméticas  de restitución dos seus aspectos externos, tampouco se logran con proteccións desaforadas que limitan o razoable aproveitamento  e a sensata habitabilidade.

Os fins  e obxectivos  establecidos e aplicados  até a data,  téñense quedado anticuados  e por conseguinte resultaron  inservible para a reactivación e a dinamización da zona, e iso debe ser aspecto reflexivo suficiente para reformular e repensar un modelo de rehabilitación de maior flexibilidade,  que compaxine os valores histórico patrimoniais  da estrutura externa coa funcionalidade integradora admisible, garantindo   os valores de uso e a composición  arquitectónica, e que  asemade incentive o atractivo residencial da zona, pois está lonxe de toda dúbida, que as políticas de reaxuste global, deben pivotar ao redor da realidade cambiante das necesidades urbanas…..Do contrario a desfeita está servida..!