21 ene 2011

O LABIRINTO DAS ANDRÓMENAS

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado,29 de enero del 2011



Se alguén de incógnito e sen arbitrar   exhorto,  chamase á túa porta para ofrecerche desinteresadamente  información detallada sobre a existencia  dunha trama política - empresarial, imaxino que en primeiro termo a incredulidade  e a desconfianza apropiaríanse da túa persoa  e máis que curiosidade por acceder ao contraste  de veracidade da oferta, tentarías evadirte e evitar a   entrada informativa ao  labirinto das  andrómenas, non fose resultar, que as hipotéticas vantaxes que che brindaba  o coñecemento á identidade dos implicados, transformáranse  nun risco  irreversible que puxese en serio perigo  túa integridade e a dos teus achegados, pois compre non esquecer,  que o acceso ás verdades comprometidas adoita resultar altamente perigoso.

O lector, ha interpretar  que a  abertura desta crónica ten  carácter alegórico, pero tamén ten de saber que sen modificar un chisco, sen mover un punto nin unha coma,  o seu contido pode converterse  nun expoñente empírico dunha  realidade  contrastable, e tal  dualidade  non atende a un poder máxico do teclado do articulista, xa  que a sorpresa  vive na continuidade do tempo, e por iso,    paradoxalmente, día se e día tamén, almorzámonos con novos  escándalos de corrupción participados pola comitiva de comparsas do delito, que promoven os seus saqueos agachados  na impunidade institucional,  coa propulsión que lles outorga a disposición  dunha  credencial electoral,   que representa ser a   tapadeira por excelencia, para  converter a  honra en ignominia.

Resulta frustrante, comprobar como co paso do tempo non se afianzaron as boas maneiras nin os hábitos  democráticos, entrañando tal circunstancia máis que un  freo a condutas desviadas  de norma, unha disfuncionalidade de dirección oposta, que estimula as apetencias  e voracidade dun amplo sector da  clase política,  que instalada nas institucións, á parte de adxudicarse  unhas prestacións económicas  que por excedidas e disparatadas  soan a saqueo das   arcas públicas, pero por se iso fose pouco, apostan  por incrementar seu patrimonio e nivel de vida, a través da   posta en práctica de métodos e sistemas discordantes coas pautas  que deben presidir o procedemento, funcionamento e bo goberno  dunha plataforma  común como resultan ser os organismos corporativos públicos .

Está sintomatoloxía, demostra que  a transición política quedou a medio camiño,  pois nun  país, con 30  anos  de historia  desde o inicio da transición política, se ante a  primeira eventualidade económica, o goberno ten de  rebaixar o listón das  prestacións sociais e  situar  ao  sesenta por cento  dos cidadáns por baixo do limiar da pobreza, é evidente  que a democracia pola coexistencia  coa súa propia antítese e a permisividade dos excesos cometidos, non só decaeu do seu autentico significado, senón que nunca se consolidou.

Polo visto cando cacarexamos   paternidade de ter realizado unha transición  política exemplarizante, mellor deberiamos estar calados,  pois máis que certo, tal asunción é pura vaidade.

Pero a indignación acrecéntase   cando descubrimos  que o verdadeiro patrón da   finxida estabilidade do sistema  resulta chamarse  cleptocracia, é dicir, unha forma de democracia “sui generis”, cuxo poder executivo e  control interventor, recae exclusivamente en suxeitos  que fan da actividade política súa alternativa e solución de vida, e tal circunstancia e dependencia,  mais  que ser remedio contra a corrupción, incentiva ambicións e posibilita a utilización do cargo público  para obtención de beneficios persoais.

Por mais que a prosaica elite política, tente proxectar ao exterior  un novo look, unha imaxe  do noso país como un expoñente de seriedade, modernidade  e de progreso, mal que lles pese e gracias a eles,  seguimos encaixando á perfección  no estereotipo de “Spain is different”, pero agora á parte de propagar a paella, os touros e o flamenco,  podemos publicitar  os subornos e a  corrupción, pois tamén en isto resultamos ser portada exclusiva para  Europa. 

Sen dubida  existen  aspectos de contraste ilustrativos  para  arrogarse a continuidade dentro do argot  “different”, pois mentres nunha cidade europea de entre 200 e 500 mil habitantes, poden estar a soldo o alcalde e dous representantes políticos, o verdadeiro poder executivo funcional osténtao un staff directivo de dimensión acorde as necesidades reais, conformado por profesionais nomeados por maioría cualificada dos representantes electorais, coa singularidade que para evitar graos de dependencia política,  o  período da estancia  non é coincidente co ciclo electoral.

Contrariamente no noso pais como non podía ser doutra maneira, a contaxiosa enfermidade da  politización excedida das institucións públicas, fai que  o partido que accede ao  goberno local en solitario ou en coalición, á parte de prodigar a figura da dedicación exclusiva do cargos electos, complete tales  excesos, co nomeamento  dun tropel de altos cargos e asesores, cuxa lealdade política está por enriba de cualificación ou méritos , e, á vez, establece unha maraña de padroados, unha malla de negociados  con plena reserva de nomeamento  do seu cadro de  persoal. Resultando pois, que nunha cidade media española semellante á do exemplo europeo, son centos  os  asalariados con dependencia política do partido ou coalición triunfadora electoralmente

A democracia por se mesma  non é medicamento contra a corrupción, a solución pasa pola modificación urxente  da  lexislación en materia,  e velar por que súa aplicación á parte de taxativa teña condición de rixidez   disciplinaria, e opere como alarma anticipando á entrada en escena de conflitos  de intereses e do enriquecemento económico impropio.

Pero as medidas disuasorias ademais de diminuír o monopolio da estrutura política, teñen  que afectar aos corruptores potenciais, de tal xeito que ambas  partes, pola  rigorosidade do novo marco legal e os prexuízos derivados , entendan por adiantado que o  risco de detección e sanción é superior aos beneficios acadados .

 Mentres isto non aconteza hai corrupción para longo.



13 ene 2011

LADY GAGA E O DÚO KILOVATIO

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado,22 de enero del 2011
Sen que a archifamosa  Lady Gaga descubrise a pedra filosofal, resulta incuestionable que a excéntrica  cantante, oficialmente   Stefani Germanotta, como símbolo mediático ten por aliada á deusa da fortuna,  e tal excepcional nexo de unión,  achégalle a vantaxe que súas intervencións  artísticas, mercantilmente, tradúzanse  en caudalosa fonte produtora de sona e pingües ingresos.

A verdade que  a diva en cuestión non resulta ser santa da miña devoción, pois  para os que mantemos sedución fascinante polo glamour na súa esencia mais clásica,  seu estilo  extremadamente  fashion sumado á extravagancia do seu look, acentúa a diferenza  propia da natural  barreira xeracional.

De calquera xeito, á marxe  de afectos ou enconos sobre seu facer profesional;  a  bailarina e pianista estadounidense Lady Gaga,  evidencia ter gañado a pulso súa condición de líderesa influinte, como recoñece a prestixiosa revista Forbes  especializada no mundo dos negocios e as finanzas, cando estima que durante o 2011 a afamada estrela  embolsarase non menos de 76 millóns de euros.

É obvio que súa destacada  localización no ranking, non xurde por xeración espontánea, senón que é   resultas do traballo dunha equipa, eficientemente organizada   e de dinámica xestión, capaz de proxectar e rendibilizar  as capacidades  e valores dunha cualificada profesional. Tal logro, pola repercusión inducida,  é merecedor  de recoñecemento  e admiración, máxime cando tal acontecer prodúcese en axuste debido ás normas  que sustentan a libre competencia,  e as regras  propias dá sociedade de libre mercado. 

Lectura distinta merece o feito noticiable  sobre a pública presentación ao mercado da discografía  enerxética do asombroso Dúo Kilowatio, formación, na que contra o mais elemental código de conduta; o tándem González & Aznar, sen diverxencias ideolóxicas, distingos políticos nin  reservas ou reparos,  é decir, en mútua avenencia,  incorporáronse ao mundo la farándula percibindo unha ficha galáctica como asesores independentes  dentro da cúpula directiva  de significadas  compañías  eléctricas, Gas Natural – Unión Fenosa e Endesa respectivamente, iso se,  para non acentuar descaro e fuxir dos supostos de prevaricación,  restrinxen o ámbito de actuación das súas galas,  á  exclusividade xeográfica do mercado latino americano…. Toma escenario..!

De principio atendendo á lei da oferta e demanda,  calquera fillo de veciño  ten dereito a mellorar súas expectativas de emprego e por riba aspirar a incrementar seus ingresos en razón  aos rendementos da súa actividade, e pola devandita razón, resulta congruente encomiar o éxito cultivado por Lady    Gaga en razón ao método e sistema utilizado.

Agora ben,  mentres a neoiorquina traballouno; o que resulta ser un segredo a voces , é, que tras o nacemento deste dueto, albíscase un postizo,  unha preferencia de trato adxudicada aos ex presidentes  Felipe González  e José María Aznar, que para nada, ten correspondencia   nin coa súa cualificación  técnica sobre materia, como tampouco obedece á súa condición de expertos en mercados  enerxéticos, resultando que súa fichaxe  multimillonaria,  semella ser o pago a unha  débeda histórica  ou un  trato de excepcionalidade, en síntese, unha acción de dubidosa  moralidade, por canto o achegue á  súa contrapartida contractual , non resulta ser  outra,  que utilizar súa    popularidade, relación e influencias políticas en beneficio e vantaxe  das respectivas   patronais eléctricas
Todo un expoñente  de como se dan os pelotazos no  Século XXI..!

Tempo atrás,  isto  chamábase tráfico de influencias,  pero agora coa nova semántica da modernidade  e das políticas de sustentabilidade, a desvergoña ten dulcificado súa crueza,  pasando a definirse como Posta en Valor de Talentos - (PVT), e así,  o que resultaba ser un escándalo con maiúsculas,  a través dun exercicio de cinismo  e sinvergoncería  oficializaselle permisividade, autorizando tácitamente  o que ética e esteticamente  debese estar proscrito
Pero lamentablemente  a clase política nin se inmuta, e con indulxente  asiduidade toman  por norma de cumprimento a frase de Simone de Beauvoir, cando refería, que o máis escandaloso que ten o escándalo é que un afaise.

Xa que logo, insisto en delatar o  silencio inaudito que manteñen as formacións políticas  ante o premio outorgado a esta  parella de mercaderes, e hei recordarlles  que coa súa política de sordina  están a admitir a consumación  duns excesos que debesen ser suxeito prohibición vía iniciativa parlamentaria, e  ao respecto  non deberán  de esquecerse,  que neste  Estado, o propio sistema político, desde as orixes da democracia,   ten arbitrado para os ex presidentes,  medios e medidas suficientes  para garantirlles a dignidade representativa e material ao abandono do seu cargo, recibindo  este ano, case 80.000 euros como renda vitalicia, tendo de engadir a iso, servizos de seguridade, empregados a soldo do estado, coche oficial, desprazamentos ao estranxeiro, etc. etc.

É un descaro que ao Dúo Kilowatio, á parte das  referidas prestacións,  autoríceselle estar esponsorizado,   por dúas empresas enerxéticas, con tarifas reguladas polo aparello do Estado, o que delata de plano  a existencia dun conflito de intereses en toda regra, indicando asemade, o destino do abusivo incremento das tarifas aos usuarios  que foron aprobadas recentemente por decreto do Goberno.

Este país está botado a perder, unha clase política  idiotizada na articulación de solucións, excedida na defensa das súas vantaxes e privilexios,  uns ex presidentes que non poñen reparo en disfrazar a corruptela tras a executividade de alto cargo
 Definitivamente, algo cheira a podrecido nesta España..!

Polo menos como mal menor, temos a sorte   que circule  como antídoto, a frescura  e vitalidade do  son de Alejandro da musa  Lady Gaga.

9 ene 2011

O LUSTRE DAS ESTRELAS MORTAS


PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado,15 de enero del 2011










Cada día que pasa  resulta máis  complexo harmonizar  a vida cotiá  coa racionalidade; na actualidade,  salvo excepcións contadas,  a gran maioría social vive instalada no fortuíto dunha falsa notoriedade, nun egocentrismo enfermizo,  onde,  o trivial e a presunción  persoal acentúan liderado, e  o intelectualmente cutre toma posición hexemónica  e alcanza a cúspide do poder  político. 



Pero, nesta traxectoria  desenfreada, o altamente perigoso adoita  acontecer   cando este esquema de incoherencia toma formato referencial  da nosa escala  de valores; nese momento, lamentablemente, lograremos ter fulminado a esencia do progreso ao admitir  que a incultura   tome protagonismo de vangarda  e a desconexión co pasado sexa a folla de ruta do noso futuro.


Chegado a esta  conclusión, precisar,  que para  expor medidas  correctoras  dentro da actividade política,  hai que subtraer tendenciosidade   e manter a  mente nun estado  de refresco continuo, facendo que a capacidade analítica promóvase  sobre unha actitude de lucidez imperturbável, e así, desde a ecuanimidade sustentable, pór luz e taquígrafos a unha realidade, que por opaca, non deixa ser a orixe da maioría dos males que actualmente padece esta sociedade desencantada.


Sería fácil tentar rendibilizar o descontento colectivo atacando merecidamente  o deplorable  papel  da actual clase dirixente, bastando para iso, a posta en práctica  dun exercicio aleatorio, onde con total lixeireza postulásese como réplica alternativa  ao descontento reinante  a defensa  da anarquía,  ou a posta en práctica do  agnosticismo libertario. E téñase por seguro que os resultados de retorno en adhesión, desbordarían as previsións mais optimistas.


Pero quen en épocas pretéritas exerceu a  alquimia en busca da quinta esencia política,  e a tempo presente  mantén militancia disciplinada  co  pragmatismo asociado, por máis que os resultados do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) determinen sen paliativos que actualmente a clase política deixou ser  unha solución, para converterse nun dos maiores   problemas. Aquel batallador doutro tempo, segue pensando que a pesar do dioivo de censuras,  o sistema de representación democrática   cos seus defectos, segue  sendo a   solución menos mala de entre todas as posibles.


Agora ben, iso non significa, que haxan de manterse inalterable  as regras de acceso á función política, onde, como agora acontece, calquera indocumentado poida atribuirse  capacidade de impartir maxisterio polo feito  de ter credencial como  afiliado político; non debendo admitirse tampouco,  manter por norma, que súas neglixencias,  excesos e ambicións  teñan  de sufragarse con sobrecarga do esforzo impositivo; non sendo igualmente  de recibo, que unha miñaxoia de tres ao cuarto, poida ostentar toma de decisións  de asuntos que superan o seu nivel coñecementos, e como exemplo de contraste, analícese o precario estado de saúde  da  economía do noso país e a nulidade executiva da responsable en materia.


A política, non pode seguir sendo a solución profesional dos mediocres e  do seu exército de achegados; daqueles que  incapaces  de lograr un nicho profesional, de labrar o seu futuro na competencia da economía do libre mercado, apostan a risco cero,  por desembarcar no sector público sen opositar, é dicir pola vía electoral,   coa ambición de estacionarse  no “sine die” da perpetuidade, adxudicándose  prestacións indecentes, polo exceso diferencial que presupón a   contía das súas percepcións,  co raquítico achegue dos resultados da contrapartida da súa xestión. 


Para dignificar a función política, é obrigado situala en idéntico plano de equivalencia co resto dos sectores que conforman  a nosa estrutura social, e por tanto, a accesibilidade  dos aspirantes,  debe vir precedida aparte de probada cualificación, da constitución de garantías que respondan institucionalmente ante a hipotética comisión de fraude, entre os compromisos programáticos e o seu posterior exercicio político. Pois o sistema por necesaria blindaxe,  debe habilitar fórmulas  de aplicación automática,  que exerzan como espita aberta no proceso aos  farsantes, sen que  o cidadán, teña de agardar ata o esgotamento da lexislatura para exercer  dereito de resarcimento.


Limitar a temporalidade de estancia e a dualidade  de labores na actividade política, máis que optativo debese ser condición imperativa, pois nunha función como a política,  cuxa entrega en defensa    do interese xeral  antóllase marcadamente esforzada  e esgotadora, non debese someterse a "mortificación    a aqueles sacrificados militantes", que vestidos de imprescindible autoproclamanse indispensables, ocultando tras  primixenias ambicións  un desinteresado apostolado na defensa do ben alleo.

 A estes vividores de apetencia desmedida e conduta vergoñenta, capaces de levar por diante a seus propios camaradas para acadar seus infectos obxectivos, a esa calaña de indecentes, hai que recolocalos  na súa delincuencia tendenciosa  e varrelos da vida política.

Pero tamén son seguro que  por máis  sacrificios que demande a función política, por mais inconvenientes que xere a dedicación ao cargo,  por mais matices disfuncionais  que se delaten, o político de nova camada  que de seu  resulta ser un gaioleiro,   sempre estará disposto a manterse no candeleiro, pois a politica ten a singular vantaxe   que podes capitalizar os éxitos alleos, ou na súa falta,  tansmitir o erros a terceiros.  


Asemade como profesionais do risco  e a aventura, ante a penumbra  que xera a carencia de luz propiaaos políticos, antes que expor renuncia, sempre resultalles mais satisfactorio como sucedáneo, o lustre das estrelas mortas

Non deixa  ser unha mágoa, pero a realidade política  hoxe en día escríbese con estas liñas, e ha seguir así mentres os cargos electos téñanlle perdido o respecto aos electores, ou mentres súa  falacia non derive nun escarmento exemplar.

1 ene 2011

O MOER DO MUIÑEIRO

PUBLICADO Diario de Ferrol; martes, 04 de enero del 2011



A carencia de regatos  fluviais, fixo que no  núcleo urbano de Ferrol, non proliferase a  arquitectura popular dos  muíños hidráulicos;  pero contrariando tal ausencia, miren vostedes por onde, contra todo prognóstico,  con notoria asiduidade, o aparteiro  Felipe do Muhiño,  abre de comporta  da canle e fai  virar o rodicio dun singular muíño de fantasías. A xulgar polos feitos, este muiñeiro do delirio ten arraigada a teima  de saturar a maega até os  bordos cun único cereal, que como a cebada,  reserva  en exclusiva como apetitoso bocado para o seu auto consumo.
 

Non tería a máis mínima curiosidade por saber quen se oculta tras un pseudónimo con tan primoroso patronímico, salvo como é o caso, que tal alcume veña de ser utilizado como parapeto de anonimato mal intencionado, e así, tras un veo de incógnita, arrear contra destro e sinistro, con dicción expresa de identificación  das súas  vítimas propiciatorias. Isto xa non é tolerable, aquí falla a conduta e o estilo, e por tanto, a situación demanda destape, pois sería cómico se non resultase tráxico, que tras un halo de misterio,   un fantasmagórico personaxe tómese a incontinencia por norma, dedicándose a impartir recriminacións sen que os afectados teña razón de procedencia e por conseguinte,  identidade destinataria para  exercer o dereito de réplica.

Resulta que o tal Felipe do Muhiño na súa última moenda, excedeuse en demasía  e regulou a quenlla de forma desmedida facendo que atascase a moa da súa racionalidade, e ese foi o motivo  que presa do seu arrebato característico, tente impartir maxisterio sobre o funcionamento das organizacións empresariais da comarca.


Mire Vostede.!,  o mal exemplo que imputa aos representantes da patronal do noso ámbito xeográfico, non deixa ser  un atrevemento carente de fundamento e espido de rigor, pois á marxe de pluralidade de criterios que poidan diferencialas, todas e cada unha das formacións empresariais da comarca están conformadas por emprendedores, activistas comprometidos na xeración de emprego e na promoción da riqueza, que contra vento e marea, con tenacidade e empeño,  seguen mantendo o tipo a pesar da tempestade permanente  que desatou unha clase políticas incompetente e furibunda.


Por tanto, entendo que o muiñeiro debese  pór unha dose de racionalidade na súa cabeza   e expurgar obsesións, pois  o procedente sería realizar  unha repartición equitativa de responsabilidades, e dirixir os dardos  contra os  verdadeiros responsables  do cataclismo comarcal, que ben seguro non resultan ser os empresarios, por tanto folgan esas manifestacións súas, na que vén de afirmar  que as decisións en problemas de aquí téñenas que tomar outros”, pois aínda sendo certas, tal afirmación  resulta  adxudica  a consignatario equívoco.

  Se é certo que a  subordinación ao esóxeno  foi norma  asidua  do devir comarcal, sendo significativo a submisión dos cargos públicos do PSOE que xa fóra en condición de alcaldes, deputados, executivos de confianza ou afíns sindicalistas,  no canto de facer gala  de autoridade e imporse na defensa  dos dereitos e o futuro da cidadanía  da nosa contorna,  engurráronse  ás determinacións dos seus superiores en rango, asumindo sen rechistar as rebaixas  impostas desde  a madrileña sede de Ferran, e eses sinistros personaxes  que non os empresarios,  son quen verdadeiramente debesen ser o suxeito das  críticas


Xa que logo, o intrépido  muiñeiro no canto de gastar  a súa pólvora en salvas, en razón aos prexuízos ocasionados ao noso devir polos verdadeiros responsable que para nada  resultan ser   os Srs. Rilo, Pérez ou Franco,  senón entre outros, o ex alcalde e ex deputado  Couce Pereiro, como tamén  un ex director de factoría, e igualmente un ex gobernador civil, etc, etc; a eles, que non a outros. é a quen debe  esixirlles responsabilidades polo abandono de obrigacións, ao  admitir que as decisións sobre  problemas  xenuínos fósenlles impostas por terceiros foráneos co seu propio asentimento  e cuxo lamentable resultados segue sendo o  desagradable  escaparate expositivo  das nosas miserias.


Finalizo pondo luz ás súas dúbidas, e ao efecto confírmolle  que os empresarios se teñen  debidamente representados seus intereses, por tanto,  agardo que esta receita sírvalle como referente de reflexión e mude aos destinatarios do súa moenda, pois na actualidade,  está  vostede a comportarse   como aquel muiñeiro do diaño que da fariña  facía  salvado. 

E teña por sentado que quen esto  recomenda, non comulga con rodas de muiño