9 may 2014

ELECCIÓNS EUROPEAS, UN DESAFIO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Necesitamos un Parlamento Europeo que represente con autenticidade á  cidadanía e uns candidatos que actúen en consecuencia, capaces por tanto,  de rescatar a hexemonía política  e pór freo ao rodete neoliberal.



Aló, correndo o segundo lustro da década dos setenta, mentres os que agora imos para vellos forzabamos o camiño cara á democracia, e os que a mantivesen secuestrada lavábanlle a cara á ditadura con xabón de transición, ao mesmo tempo, os autócratas de sempre tiraban do dobre xogo argallando á par a reformulación do capitalismo en clave máis rotunda; un calibrado obxectivo que en coincidente temporalidade viu favorecida a súa implantación polo galardón outorgado ao pai putativo do neoliberalismo austericida, Milton Friedman, quen en 1976, a pesar de estar a patrocinar tese da prehistoria da ciencia económica, fora laureado co Premio Nobel de Economía.

Concesión que reciprocamente á súa deostada consideración resultou determinante para elevar aqueles  extravíos a rango de doutrina, e facilitar con iso, que aquela reformulación capitalista tomase amplo dominio da nosa realidade, que non é outra, que a correspondente a un país sumido no caos, onde o Estado foi excluído da economía para consagrar a xerarquía e o imperio do poder aos mercados financeiros, permitindo así, que dende este escenario de tan atípica hexemonía, a explotación do novo capitalismo se propagara sen turbulencias a pesar do reaccionario da súa condición, por canto, non se terá de evitar que dende a súa implantación, os rendementos subtraídos pola destrución dos dereitos sociais das clases mais humildes foron destinados a favorecer en exclusiva aos sectores mais privilexiados.

Toda unha reprodución restritiva da sociedade dos dous terzos, da que fose sen dúbida outra das "grandes" achegas do neoliberalismo imperante; a dun Sistema que para soster a súa existencia evitando asumir a súa propia disfuncionalidade, sitúa na precariedade económica e social ás dúas terceiras partes da sociedade, arrastrando a un elevado sector desa fracción ao bordo da marxinalidade no contexto dunha traxedia dominada pola miseria e a exclusión; mentres que en contraposición, o terzo restante que conforma o ámbito da cúspide do poder, lonxe de estreitezas, son os que impoñendo a norma se están a enriquecer a mans cheas a custa de repercutir sobre as súas vítimas a inxusta factura dos seus propios atropelos, e todo iso, co referendo dunha mediatizada clase política que en vez de exercer de representantes dos cidadáns desempeñan a función de mandadeiros que levan e traen recados  do gran capital.

Pois ben, con todo, a doutrina neoliberal non é un dogma que afecte en exclusiva ao noso país, senón unha constante xenérica con vixencia formal no marco da Unión dende a aprobación do Tratado de Maastricht, que se mantivo como unha realidade oculta durante a época de crecemento económico, pero que ao arribar a crise, destapou tanto a súa verdadeira finalidade coma o trasfondo que acompaña a natureza da gran farsa que rodea ao publicitado proxecto europeo, cuxo auténtico propósito, radica na consumación dunha desmedida manobra política, montada coa finalidade expresa de secuestrar a soberanía popular para así manter as políticas económicas á marxe do control e fiscalización democrática da cidadanía.

Esta realidade non ten de pasar desapercibida aos que como electores acudamos ás urnas este 25 de maio, e a tal efecto, antes de emitir o voto debe ser un exercicio de responsabilidade garantir o seu rendemento, un requisito que evidentemente esixe neutralizar a tendencia cara á malversación electoral, desbotando a tal fin, aquelas candidaturas e candidatos que coas súas prácticas políticas non só non combateron o dúmping social senón que se dedicaron en exclusiva a prestar apoio e referendo á ortodoxia neoliberal a través dun absoluto respaldo aos mercados e subordinación ao diktat alemán; de aí, que ante estes novos comicios debamos proceder en consecuencia, pois á vista dos feitos, agora mais que nunca, necesitamos un parlamento europeo que represente á súa cidadanía e non aos intereses do gran capital.

Porque niso vai o noso futuro, non podemos tolerar por mais tempo que a oligarquía financeira siga ostentando o poder político por manipulación intermediada da vontade popular, nin que as restritivas políticas impostas dende Europa por esta elite neoliberal, conten no país, coa conformidade duns representantes renegados que burlando os seus compromisos coa cidadanía se decantan por actuar en posicións contrarias ao interese xeral; e só poñendo cerco nas urnas a esa situación de impunidade, seremos capaces de dar un cambio de rumbo efectivo e derrocar á ditadura dos mercados, e así, dende a lexitimidade duns representantes sen ataduras poder impoñer a economía real por enriba da especulativa e botar a perder definitivamente coa estúpida estratexia dos recortes e a austeridade.

A oportunidade está servida, e de non a aproveitar, seremos reos dos nosos propios actos e responsables que a continuidade da crise non teña volta atrás.




No hay comentarios:

Publicar un comentario