25 abr 2014

AOS TOMBOS, SEN RUMBO NIN GOBERNO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


As interpretacións compracentes do Executivo do PP sobre a situación económica do país, mais que achegar argumentos para o optimismo, pola súa carga de insolvencia e falta de seriedade, ao non ser cribles veñen a incrementar o escepticismo.

Consecuencia dos drásticos e incesantes plans de austeridade, a economía española actualmente segue en estado de recesión aínda máis prolongada se cadra que a de 2008-2009, sen que as desastrosas políticas levadas a termo polo actual Executivo do PP deixen enxergar síntoma ningún de recuperación, sendo evidente polo tanto que na presente conxuntura, senón se lle busca remedio, continuaremos transitando cara ao futuro no furgón de cola da Unión.

Coa agravante agregada que a pesar da complexidade deste contexto, hainos que lonxe de asumir esa realidade mantéñense nas súas trece aseverando "percibir luz ao final do túnel"; e cando isto acontece, entón temos outro problema engadido que agrava aínda mais a situación, pois ante a percepción de tal espellismo, todo apunta a deducir que os obrigados a articular solucións, lonxe de actuar en consecuencia mostran unha marcada adición ao consumo de alucinóxenos, pois caso contrario, ou estimúlanos as prácticas do mal alleo mofándose da cidadanía ou non se entende a proclamación aos catro ventos de xigantesca estupidez.

O certo é que a persistencia da recesión, á parte de producir insolvencia política, indica, que de continuar coas actuais políticas de austeridade, a decadente situación que vive o país empeorará no curto e medio prazo, e o seu efecto neto será dramático ao acentuar o debilitamento da demanda; aspecto, que motivará que prosiga o peche en cadea das empresas e se acentúe a inactividade nos autónomos ata niveis aínda descoñecidos, cuxa principal consecuencia será a prórroga na destrución de emprego, e en consecuencia a tendencia a que o paro real manteña o seu desmedido ritmo ascendente.

E todo iso por nadar contra corrente, ao ter establecido traxectorias de reactivación amparadas en versións contrarias á realidade, ou no seu defecto, por aplicar como propias, fórmulas impostas dende países diverxentes, facendo caso omiso á nosas referencias características, a esa singularidade distintiva das particularidades da nosa propia idiosincrasia.

Por iso que no actual estado de cousas, anunciar dende o Goberno indicios de auxe económico, ademais dunha tomadura de pelo, é un feito falso, unha argucia desafortunada que xa non coa nin crea optimismo contaxioso nos seus defraudados destinatarios, para quen o festival de previsións das mensaxes políticas do Goberno, tras repetidos enganos, tocou á súa fin por extinción de credibilidade.

Para desgracia do neoliberalismo político e das súas argucias de poder, as cousas non marchan ao seu antollo, de aí que os membros do Executivo como activistas da confraría neoliberal, a estas alturas xa deberan ter asumido que non caben mais ficcións ante unha cidadanía politicamente formada, a quen " a crise, si lles deixa ver as causas", e que allea a toda culpabilidade, asístelle pleno dereito a esixir que a crise a paguen os responsables causantes conxuntamente con todos aqueles que se beneficiaron dela, amparándoos igualmente a razón para demandar que toda alternativa de solución se estableza dende o punto de vista da maioría do país e non en vantaxe dunha minoría privilexiada.

Non debendo obviarse que a orixe da crise partiu dun deseño premeditado, dunha combinación á medida, auspiciada dende a elite financeira no vantaxoso marco dunha globalización exenta de regulación, e cuxa perversa especulativa induciu en beneficio propio unha crecente disfuncionalidade mercantil, ata o extremo de ser o propio sistema financeiro quen polos seus avaros intereses abandonou á súa sorte á economía real provocando o desmantelamento da actividade produtiva, e en consecuencia, disparando o desemprego ata índices inusitados, e todo iso, ao amparo e coa aquiescencia de absurdas formulacións neoliberais sobre a relación entre mercado e regulación pública, cuxa consecuencia, fixo que en vez de crecer a economía o fixese a corrupción e os especuladores.

É por iso que hai que forzar un cambio de rumbo, esixir que a sociedade sexa tratada como persoas e non como suxeitos tributarios dunha débeda allea, e que a economía deba estar ao servizo da sociedade e non á inversa.

Esas que non outras teñen de ser as premisas para afrontar o fondo da crise de forma efectiva, á par de establecer bases positivas para un futuro de estabilidade; pero para que esta iniciativa non derive en fracaso, non terán  de ser os forxadores da crise nin os seus aliados políticos quen leven a termo a devandita proposición, co fin de evitar o risco que o sacrificio conxunto soportado pola sociedade vaia parar como ata agora ao circuíto de latrocinio dese séquito de rufiáns de moral despistada, en vez de penetrar na economía real a través do tecido empresarial para así redundar en vantaxe do emprego e a cidadanía.

Urxe xa que logo, erradicar do panorama político a eses axentes do neoliberalismo, aos artífices do desastre e verdadeiros culpables do afundimento do país, pero que isto se cumpra depende das urnas, pois serán estas e ninguén máis, quen o 25 de maio teñan a última palabra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario