22 nov 2013

TRAGAR CON RODAS DE MUIÑO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

No momento que por acción ou omisión admitamos que a España corrupta eríxase na redentora do país, daquela, pasaremos a ser os directos responsables de que a nosa democracia teña os días contados.

Dicir que actualmente, España é unha democracia, resulta como mínimo unha afirmación altamente arriscada, unha manifestación insólita que se debate entre o cómico e o tráxico, pois o certo é, que sen Estado de dereito non existe democracia, e neste país, lonxe de garantir ese principio fundamental e protexer a súa condición de patrimonio común en prol de avanzar cara á normalización e a consolidación do sistema, o novo Executivo do PP, remiso con esta asunción, nunha manifestación fidedigna da súa retrógrada cultura e práctica política, decide saldar este referente de ordenamento e convivencia, e impoñer ao seu antollo a supresión dos dereitos e liberdades cidadás.

De aí a alarmante deriva cara a postulados de involución, sendo o mais grave, que tan temeraria orientación vénse perpetrando dende o posto de mando da democracia; pois é ao abeiro da oficialidade do sistema dende onde estase a levar a termo a grande esquilma da orde establecida, cuxa única finalidade, non é outra que forzar un estilo de sociedade mais tradicionalista mediante a imposición de reaccionarios  envorcamentos políticos, co obxectivo, de instaurar como patrón de convivencia un modelo guiado polas rancias normas do pasado.

É dicir, que mentres a sociedade se sume no embeleco das súas penurias, o fascismo está a despintar a cara utilizando para iso o espello público da democracia, e tan rebuscada manobra, é canto menos unha maquinación para botarse a tremer.

Polo tanto, a tempo presente neste país, por mais robustez que lle queiramos outorgar a este réxime, o certo é que a súa raizame democrática é unha completa mascarada, que mantén por única formalidade un testemuñal encontro coas urnas, concorrencia, que paradoxalmente resulta ser a fonte de rendementos electorais para entronizar e revestir de atribucións aos mesmos políticos que unha vez instalados no poder, mais que tomar vinculo co mandato do sufraxio fan caso omiso da vontade popular, e dende o seu carácter totalitario proseguen o seu incesante camiño cara ao absolutismo.

Hai forzas políticas que como o PP, son incapaces de aceptar a democracia como un estilo de vida asentado na consideración da dignidade humana, as liberdades e os lexítimos dereitos de todos e cada un dos membros da colectividade, e esa negación seguirá invariable nos seus principios, porqué, por mais que formalmente participe en democracia, a sobrecarga excedida das súas orixes políticas impídelle deixar o lastre da ditadura, que se queira que non, é a auténtica doutrina dos seus actos e o verdadeiro berce da súa liñaxe.

Proba diso é a súa inalterable negativa a condenar os excesos do franquismo e aos seus acólitos apoloxistas, como a súa obstinación enfermiza por impoñer o espírito do retroceso, ao igual que o seu habitual instinto a utilizar a xerarquía do poder para promover atrocidades lexislativas amparadas na imposición do ordeno, mando e fago saber, cuxa mostra mais recente é o anteproxecto da mal chamada Lei de Seguridade Cidadá, unha nova normativa de corte "preconstitucional", que promúlgase como ferramenta de represión coa exclusiva finalidade de acernar as reivindicacións cidadás e impedir saír á rúa en defensa dos dereitos que confire o propio marco constitucional.

Impropia dun sistema democrático esta nova "lei de pau e tente teso" vén a corroborar que o PP, non satisfeito con desmantelar o estado do benestar e arruinar o presente e o futuro da maioría social, agora, cando o resultado da súa nefasta xestión se traduce nun agravamento da crise, noutra volta á rosca do autoritarismo, anuncia a súa determinación de amordazar as liberdades e criminalizar todo acto de protesta, prohibindo ao efecto, canta réplica se formule contra as súas políticas de degradación e fustrigamento social.

Resultando aberrante que mentres se causa tal agresión contra os inocentes, o goberno de Rajoy dedíquese a mirar cara a outro lado revestindo de impunidade aos verdadeiros responsables do desastre, a esa infecta trama de corruptos e estafadores que ademais de infamar a función política teñen no seu haber a condición de receptores de sobresoldos en B, o financiamento político ilícito, o arriscado borrado de ordenadores, o comprometido intercambio de SMS, a formalización de liquidacións diferidas, etc., é dicir, un rosario de infamias institucionais que pola súa gravidade son o principal detonante da estendida alarma social e o verdadeiro perigo publico para a estabilidade democrática.

Por iso que á parte dunha desvergonza, aparente surrealista que os autores desas ruindades veñan de ser os mesmos, que os que agora disfrazados de integridade, a través desa nova Lei de Seguridade Cidadá, queiran facernos tragar con rodas de muíño.



No hay comentarios:

Publicar un comentario